Foi neste primeiro terzo do s.XX, especialmente entre 1916 e 1936, cando se consolidou a narrativa galega contemporánea, grazas á aparición dun espazo político e cultural de carácter galeguista, impulsado polas Irmandades da Fala, e á creación de pequenas editoriais( Céltiga, Lar...) que favoreceron a publicacion de obras en galego.
Os narradores das Irmandades son coetáneos dos compoñentes do Grupo Nós e comparten con eles os mesmos ideais galeguistas pero, en xeral, adicáronse máis á poesía e ao teatro. Entre os autores máis representativos podemos citar a Xosé Lesta Meis (1887-1930), autor de tres obras narrativas: Manecho o da rúa (1926), Estebo (1927) e Abellas de ouro (1928)..Leandro Carré Alvarellos (1885-1967); Xaime Quintanilla (1898-1936) e Armando Cotarelo Valledor (1879-1950).
1. Tema 4: O teatro do primeiro terzo
do XX: Irmandades, vangardas e
Grupo Nós.
1.- Antecedentes . Das orixes ó s.XX.
Non se conserva ningún texto dramático da Idade Media, mais é evidente que
en Galicia existiu - como no resto de Europa - un teatro de tipo litúrxico, e temos
informacións indirectas de que estas representacións habían chegar ata o século XVI.
Tamén debeu existir un teatro de tipo profano como nolo mostran os diferentes
elementos dramáticos dos cancioneiros (danza, música, coro, solista e intérprete), e en
especial nas cantigas de amigo, especialmente se estas pertencen a un mesmo autor
(lembremos os ciclos de Pero Meogo ou Martín Códax).
Durante os Séculos Escuros (XVI, XVII, XVIII), ademais das referencias a ese
teatro litúrxico, debemos falar da existencia de formas parateatrais de tipo popular que
aínda se manteñen vivas hoxe, como é o caso das celebracións do Entroido en
diferentes vilas de Galicia. Cómpre non esquecer que é precisamente nesta época,
especialmente nos séculos XVI e XVII cando se produce o esplendor do teatro nas
literaturas europeas, esplendor do que non participa a literatura galega, que vive neles
as súas horas máis baixas.
Do século XVII data a primeira peza teatral conservada na nosa literatura, que
é o Entremés famoso sobre a pesca no río Miño (1671), obra do licenciado Gabriel
Feixoo de Araúxo.
Da lª metade do século XIX apenas temos documentación; a primeira peza
teatral desta época é unha pequena obra titulada A Casamenteira (1812), de Antonio
Benito Fandiño. Un xénero característico destes momentos son os diálogos
propagandísticos, que son escritos satíricos de carácter popular, aínda que no anonimato
se agachen dous interlocutores instruídos e ilustrados. Neste tipo de escritos predomina
a función didáctica, e así empregaban o galego e o carácter popular para provocar
verosimilitude no que expuñan. Podemos citar, entre outros, un folleto titulado Proezas
de Galicia de Xosé Fernández Neira.
Da 2ª metade do século XIX temos coñecemento da primeira obra escenificada,
que é A fonte do xuramento, de Francisco Mª de la Iglesia (1882); con ela iníciase o
drama realista, social e costumista, de forte tradición no noso teatro. Por outra banda,
temos o drama histórico, que reconstrúe episodios da historia de Galicia mesturados
con elementos folclóricos ou lendarios; destaca Xoán Cuveiro Piñol coa obra titulada
Pedro Madruga, ou Galo Salinas coa obra Torre de Peito Burdelo. Este teatro histórico
vai ter menos continuidade no s. XX có drama costumista; aínda así temos algúns
representantes en autores como Cotarelo Valledor e Ramón Cabanillas.
2. 2.- O teatro no primeiro terzo do século XX.
No que se refire ás tendencias teatrais desta etapa, cómpre sinalar
fundamentalmente tres:
A) O teatro costumista-ruralista, dominante no conxunto da produción.
B) O teatro de tese e propagandístico levado a cabo polas Irmandades da Fala
que viron no teatro unha arma eficaz para a educación de masas, espallar as
súas ideas nacionalistas e posibilitar a normalización lingüística. É un teatro
de ambiente e tema máis urbano cá anterior tendencia.
C) O teatro renovador (Dieste e Nós), que concilia o popular e galego coas
técnicas da vangarda artística.
A) O Rexionalismo.
Dentro das estratexias normalizadoras do movemento rexionalista (tal era o
nome que se daba a si mesmo o galeguismo de finais do XIX e principios do XX),
inaugúrase en 1903 na Coruña a Escola Rexional de Declamación coa presentación da
obra "¡Fílla ... !" de Galo Salinas, quen presidía a Escola. O obxectivo da Escola... era
consolidar un grupo de teatro estable que garantise a representación de pezas en galego,
o que por forza estimularía a súa redacción. O autor máis destacado neste primeiro
intento foi Manuel Lugrís Freire con obras como A ponte (1903), primeiro drama
galego en prosa .
B) Irmandades da Fala.
A transición entre o teatro rexionalista e o das Irmandades da Fala, estaría
representada polo teatro de Leandro Carré Alvarellos, con obras como Pra vivir ben
casados, ou Rexurdimento.
O proxecto político e cultural das Irmandades (baseado na significación e
oficialización da nosa lingua e en concienciar ao pobo na defensa da súa cultura) non
vai ser alleo ao teatro. A importancia que lle concederon a este xénero púxose de
manifesto coa publicación de pezas, estudios e informacións variadas, que apareceron
en A Nosa Terra. O seu interese quedou ben reflectido coa creación do Conservatorio
Nacional de Arte Galega (1919), onde se representa como primeira obra A man de
Santiña, de Cabanillas. Anos máis tarde, o Conservatorio transformouse en Escola
Dramática Galega (1922-26), e resultou ser a época máis intensa do desenvolvemento
do noso teatro. Os homes das Irmandades non só exerceron o seu labor como
escritores, senón tamén como críticos teatrais e tradutores de obras estranxeiras.
Entre as obras máis importantes das Irmandades debemos salientar O Mariscal
(1926), escrita por R. Cabanillas e A. Villar Ponte, xa que mostraba importantes
innovacións técnicas. O Mariscal, glosa a figura do Mariscal Pardo de Cela, o
derradeiro nobre galego que se enfrontou ao proxecto político centralizador dos Reis
Católicos.
Un autor teatral que é obrigatorio mencionar, pola asiduidade coa que publicou e
representou, e tamén pola calidade da súa produción, é Armando Cotarelo Valledor
(1879-1950). Autor realista, preocúpase pola psicoloxía dos personaxes e polo
3. ambiente, que determina as súas accións. Entre as súas obras destacan: Trebón, drama
rural en prosa con situacións efectistas, Hostia, traxedia histórica que conta o suplicio
de Prisciliano, e Mourenza, drama mariñeiro.
C) O teatro do Grupo Nós.
Aínda que o teatro non foi o xénero máis cultivado polo Grupo Nós, si foi un
dos temas que maior interese espertou neles. Risco, Otero e Castelao traballaron con
novas ideas, proxectos e textos, mais a propia sociedade serviu de freo e non propiciou
un auténtico desenvolvemento teatral; por iso o teatro destes homes quedou reducido
ao plano literario, agás a obra de Castelao , que foi escenificada en vida do autor e
supervisada por el mesmo. Eles concibían o teatro como un espectáculo global,
introducindo novas técnicas relacionadas con diferentes artes que supoñen a entrada en
escena de elementos plásticos (a cor, a luz, o baile, simbolismos ...).
Os homes do Grupo Nós van compartir criterios coas correntes da Vangarda
europea como o Modernismo, o simbolismo (a corrente máis seguida polo grupo) e o
expresionismo, que marcaron entre fins do século XIX e comezos do XX unha ruptura
nos contidos e nas formas das artes plásticas e literarias. Nas letras galegas as maiores
pegadas afectan ó aspecto formal e están presentes na obra de Castelao, Otero e Risco,
os principais importadores e incorporadores das formas europeas á literatura galega. O
Grupo Nós realizou a tarefa de europeizar e modernizar o teatro galego, adaptándoo
formalmente aos parámetros que tiñan plena actualidade no momento, e tematicamente
mantendo os contidos da propia tradición e das nosas raíces.
Autores e obras:
RISCO.- A única peza teatral publicada é O bufón de El-Rei (1928), drama
simbolista que se desenvolve na época medieval, toca a “materia de Bretaña”e é
unha reflexión sobre a maldade e sobre o inevitable do destino.
OTERO PEDRAYO.- Deixou mostras escritas dun amplo proxecto dramático,
pezas breves que permaneceron inéditas ata 1975, cando foron publicadas baixo o
título de Teatro de máscaras. Mais a única peza que posúe unha elaboración teatral
é A Lagarada (1928), na que a vendima e o viño fan agromar a luxuria e a cobiza
dos personaxes, que son populares e deseñados cun forte realismo. Nas escenas
tamén aparecen intercaladas mostras de fantasía, maxia ou ambientación poética.
Outras pezas do autor son O desengano do prioro e Noite compostelana.
CASTELAO.-.Trazou, xunto con Otero, numerosos proxectos teatrais, coincidindo
ámbolos dous autores na súa concepción estética e formal do teatro, que é unha
síntese dos elementos presentes na realidade (luz, cor, música, baile, palabras) pero
é realmente Castelao quen maior atención presta á elaboración artística, fronte a
Otero que presenta pezas inacabadas. A única peza que nos deixou, Os vellos non
deben de namorarse, é, tamén, a peza máis famosa do teatro galego. Estreada en Bos
Aires no ano 1941, trátase dunha farsa dividida en tres lances ou actos, de estrutura
4. paralela e complementados cun prólogo e un epílogo. En cada lance hai un vello
namorado dunha moza, en tanto que un mozo desempeña o papel de rival do vello
nas súas pretensións amorosas. Aparece tamén a morte como personaxe que, baixo
aparencia diferente en cada acto, avisa os vellos das consecuencias fatais do seu
namoramento, como indica o refraneiro popular galego. O epílogo, no que aparecen
no cemiterio os tres vellos esqueletos comentando a súa imprudencia, pon de
manifesto as aparencias e falsidades existentes no mundo. A concepción teatral do
rianxeiro consistía no espectáculo global, unha mestura artística de acción
dramática, luces, música, baile, escenarios etc.
RAFAEL DIESTE.- A fiestra baldeira (1927). Nesta obra, chea de elementos
vangardistas, Dieste expón o conflito dun indiano que volve rico da emigración e
que se ten que enfrontar ao problema de que a súa muller e a súa filla se avergoñen
da orixe social del. O conflito xorde cando o indiano encarga un cadro no que debe
escoller entre un fondo de ambientación mariñeira –as súas orixes- ou un fondo de
xardín fidalgo – a súa nova condición-.