1. Arturo Piñeiro, alias Caronte, ex
lexionario, ex boxeador coñecido
como Robinson, atende a barra de La
Boîte de Pandora, un bar portuario,
onde se ofrece como atracción
especial combates de boxeo e loita
libre, que se abren e pechan cos
fados que interpreta Lucía, a súa
dona. Todo se axitará na penumbra
do local coruñés coa presenza dos
Homes de sombra e coa chegada
agardada de Lanzarote, o loitador
antifranquista e vendedor de
máquinas de escribir que recita
fermosos poemas de amor.
O heroe, a primeira peza teatral de Manuel Rivas, escrita con trazos
de ironía e dureza, sitúanos nun presente recordado, entre un
episodio histórico do franquismo e a contemporaneidade, para
mergullarnos nunha subversión do concepto de heroe como culto ao
guerreiro. Esa falsa idea do valor que paira de novo sobre o noso
tempo.
Manuel Rivas (A Coruña, 1957), escritor e
xornalista. A súa obra, escrita en galego, está
traducida a máis de vinte linguas e publicada
polas máis prestixiosas editoras literarias do
mundo. Como narrador ten publicado: Un
millón de vacas (1989); Os comedores de
patacas (1991); En salvaxe compaña (1994);
Que me queres, amor? (1996); O lapis do
carpinteiro (1998); Ela, maldita alma (1999); A
man dos paíños (2000); Os libros arden mal
(2006); Todo é silencio (2010) e As voces baixas (2012). Tamén é autor dunha
extensa obra xornalística e poética en lingua galega.