1. LA VOZ DE GALICIA: CULTURAS 5/1/2013
BEATUS QUI LEGIT
Xesús Alonso Montero
Un monumento aos trobadores
Convidado, por La Voz, a falar dun feito valioso ou significativo no acontecer das
letras galegas do último decenio, escollo, sen dúbida de ningunha clase (e sen faltarlle ao
respecto a outros feitos), un libro titulado Os trobadores de Occitania, que foi publicado
por Edicións da Curuxa (Romeán, Lugo) en xaneiro de 2011. Trátase dun volume de 638
páxinas que contén poemas de 87 autores (oito, anónimos) dos 460 trobadores que nos
séculos XII e XIII trobaron en provenzal, ou sexa, na lingua de oc, en occitano. A poesía
occitana deses dous séculos é un dos capítulos máis gloriosos da lírica de todos os tempos e
constitúe o fundamento vivificador da lírica medieval europea sen excluír a galego-
portuguesa dos séculos XIII e XIV.
O responsable intelectual deste volume é o escritor Darío Xohán Cabana, que, como
tradutor, exerce sempre, con xeito, de poeta e de filólogo. Figura á esquerda do texto
occitano unha versión galega ad litteram, e á dereita, a poética, co debido rigor métrico e co
máximo respecto á concepción literaria dos versos. Para os textos occitanos, Cabana escolle
as mellores edicións, que coñece ben, e, nalgúns casos, dialoga con eses editores para
propoñer unha nova lección. O noso tradutor leva anos e anos mergullado na caudalosa
erudición dos occitanistas como ben pode comprobar quen lea con atención as noventa
minuciosas páxinas dedicadas a Biografía e Notas de edición. Ilustran e confortan.
Desde hoxe, os candidatos a occitanistas, os profesores de literatura medieval
europea e todos aqueles que gusten da poesía provenzal da Idade Media teñen no volume
preparado por Darío Xohán Cabana a chave axeitada para entender e saborear os versos de
Arnaut Daniel, Marcabrú, Raimbaut de Vaqueiras, Peire Cardenal, Cerverí de Girona e
outras grandes voces da poesía europea, algunhas femininas, como a condesa de Día. Xa
non será indispensable consultar a magnífica triloxía de Martín de Riquer (Los trovadores,
1975-1982).
Desde Galicia viaxaremos ao mapa da vella poesía provenzal aínda con máis garantía.