1. ANTROIDO 2014
Un ano máis o gran telón vermello pendurado no patio cuberto do CPI Virxe da Cela
indícanos que é tempo de celebración… Acompañado polo frío e o mal tempo, O Antroido
invade a nosa escola como unha ola de cor, alegría, humor, gargalladas, música e baile. A
diversión está garantida, e moito máis nesta ocasión na que a creatividade e inxenio das profes
Oliva e Vanesa serviron como fío condutor do espectáculo. Vestidas de “vellas”, estas dúas
bellas mulleres demostraron que os anos non pesan, que o espírito de festa hai que levalo
sempre enriba, e entre actuación e actuación fixeron alarde do seu sentido do humor e as súas
dotes improvisativas. O escenario deu cabida á exhibición dos talentos dos rapaces e rapazas
do CPI Virxe da Cela, desde os máis pequenos ata os xa veteranos. Parabéns para todos eles:
lástima que soamente repartíronse catro premios (Antroido 2014, Mellor Disfraz, Mellor
Actuación, Mellor Grupo). Mais os que quedamos sen premio fomos igualmente premiados
cun delicioso “chiculate” ben quentiño acompañado por rosquillas, churros e orellas. Un ano
máis as señoras cociñeiras deixan o listón ben alto…
E non pensedes que aí quedou a cousa. Non, home, non. A xente tiña ganas de festa,
así que unha vez que os buses marcharon e pechamos a escola, fúmonos coa música a outra
parte… Tocaba encher o bandullo cun típico cocido galego, e xa coa barriga chea fixemos unha
longa e animada sobremesa con chistes, bailes e cantigas varias. Iso si, profes… A próxima vez
hai que ensaiar algo antes…
PREMIOS ANTROIDO 2014
Mellor Actuación: 2º ciclo EP, “Non importa que sexamos as vellas do Xestal”
Mellor Grupo: 3º ESO “McAuto”
Mellor Disfraz: 1º ESO “La muerte está muertíbiris”
Antroido 2014: EI e 1º ciclo EP