1
ADOLESCENTE EMBARAZADA.
POR MERCEDESCACHAZA PLATAS
Lémbrome como se fora agora mesmo. Era un luns a primeira hora da mañá.
Sería o ano 1983-84 ou como moito o 1985? Eu estaba poñendo a data no encerado
cando un neno de terceiro de E.X.B. se me acerca para dicirme en voz baixiña:
-Profesora, a miña curmá, a que está en sétimo, tivo unha nena”
Eu fixen que non oía e seguín escribindo. A súa curmá que estaba en sétimo, tiña
trece anos, era unha nena regordeta que ultimamente tiña un aspecto algo diferente,
pero eu pensaba que sería cousa da transformación da adolescencia. Non daba creto ó
que estaba oíndo; pero o neno insistiu:
-A miña curmá tivo unha nena.
O neno dicíamo con tanta seguridade que cheguei a crerllo. Sen mediar palabra,
saín da clase como un lóstrego. Baixei as escaleiras a cen por hora para ir á sala de
Profesores. Alí esta o Director D. Antonio Pampín, o Profesor de ximnasia, Don
Ramón e non sei se había alguén máis. Arrimeime a un armario porque pensei que me
daba un síncope e díxenlles:
-“Fulanita de tal” -a de sétimo- tivo unha nena, acaba de dicirmo o seu curmán
de terceiro.
-Imposible! El jueves tuve yo clase de gimnasia con ella y estaba bien. Cuando le
mandé saltar se cayó, pero se levantó sin problema –engadiu Don Ramón, o profesor
de ximnasia.
Non fai falta dicir que á hora do recreo todo o Profesorado estaba informado. A
noticia correu polo colexio como o lume.Efectivamente: o domingo anterior a rapaciña
encontrouse mal, levárona ó médico e este certificou o embarazo e a criatura que levara
tan en segredo durante nove meses no seu ventre, viu a luz naturalmente aquel mesmo
domingo. Durante nove meses tivemos unha alumna embarazada, ela mantivo o
embarazo en segredo e ninguén se decatou.
2.
2
Ninguén se decatou,nin a familia nin o profesorado. Que misterio! Daquela
empezaban a estar de moda os chandals que eran relativamente frouxos. Eu observaba
nas vixiancias de patio que a nena “embarazada” estaba regordeta e adoitaba unha
postura algo rara, pero sen máis. Os profesores que lle daban clase, tampouco
sospeitaron nada de nada.
Parece ser que os adolescentes en cuestión, se puxeron a xogar, e resultou un
embarazo, supoño que “indesexado”.
Foron pasando os anos. A recén nacida foi medrando e veu á escola. Eu deille
clase en sexto ou sétimo; non me lembro ben, pero se miro no meu arquivo persoal
seguro que a encontro. A nena-filla era unha nena do máis educado que hai: moi lista,
moi intelixente, estudosa a máis non poder e moi guapa.
Gardo moi bo recordo dela. A súa mirada falaba soa. Parece que estou vendo a
súa cara con algunha espinilla de adolescente, a súa expresión nobre e aberta, con
media melena nunha coleta. Unha nena con moita seguridade en si mesma. Vivía a súa
filiación paterna con absoluta naturalidade, igual que a materna. O papá
responsabilizouse da súa crianza e –por suposto- a súa mamá tamén. E –loxicamente-
a súa familia tamén se implicou, porque os papás eran aínda nenos.
Non volvín a ter noticias delas, pero seguro que están estupendamente.
Posiblemente a estas alturas a mamá adolescente xa será unha avoa xove. Deséxolles o
mellor do mellor. Meréceno!
Non sei porque me parece que aquela nena terá cursado estudios e quizais estea
desenvolvendo un posto de moita responsabilidade a estas alturas. Ninguén pon en
dúbida que este foi un “caso especial”. Habería que analizar moitos factores, pero só me
vou referir á valentía da mamá adolescente.
Se iso pasara hoxe en día, non sei cal sería a reaccción... Pero o que teño moi
claro é que unha vida sempre deber ser ben recibida porque ten un valor incalculable e
nunca se sabe o que deparará o futuro.
O caso que nos ocupa é un bo exemplo. Non sei se elas chegarán a ler isto.
Tampouco sei se se lembrarán de min; pero eu deséxolles o mellor do mundo e desde aquí
mándolle unha aperta ben grande e ben forte para ámbalas dúas.
Desde Vigo, a día 1 de abril de 2016
MERCEDES CACHAZA PLATAS