Páxina 1 de4
MANIFESTO DA SEMANA DE ACCIÓN
MUNDIAL POLA EDUCACIÓN 2018
[Parte 1: CPI Virxe da Cela]
“Unha crianza sempre pode aprender tres cousas a unha persoa adulta: a
poñerse contenta sen motivo, a estar sempre ocupada con algo e a saber
esixir con todas as súas forzas aquilo que desexa (Paulo Coelho)”
Benqueridos/as estudantes e profesoras e profesores, neste día de
reivindicación do dereito á educación acompáñannos neste acto:
- En representación da Xunta de Galicia:
o O Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, Don José
Manuel Pinal
o A Subdirectora Xeral de Cooperación Exterior, Dona Pilar Romero
- E en representación do Concello de Santiago de Compostela:
o A Concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Cooperación,
Dona Concepción Fernández
o E o Concelleiro de Educación, Cidadanía e Dereitos Humanos,
Don Manuel Dios
Hoxe reunímonos aquí en Santiago de Compostela porque nos gustaría
aprenderlles estas 3 cousas: estar contentos, estar ocupados coas causas
boas e xustas, e saber esixir desde o corazón e a xustiza.
En primeiro lugar, estar contentos e ser felices debería ser un dos dereitos
humanos máis importantes. Nós estamos moi contentas por estar aquí
hoxe, por formar parte da Campaña Mundial pola Educación que durante
todos estes días en toda España, en toda Europa, e en todo o noso planeta
sae ás rúas e ás prazas para berrar e esixir que todas as persoas teñan
dereito a unha educación de calidade.
2.
Páxina 2 de4
[Parte 2: CPI Virxe da Cela]
En segundo lugar, preparar a nosa presenza aquí tívonos moi entretidos
nestes meses. Na escola aprendemos que cada minuto 20 persoas se ven
obrigadas a abandonar as súas casas, polas guerras, pola fame ou polas
catástrofes naturais provocadas polo cambio climático. Hoxe levamos
desde as 11 da mañá compartindo as nosas reflexións. Neste rato que
levamos xuntas, 2.400 persoas tiveron que escapar do seu fogar. E quen
son as persoas máis afectadas? Coma sempre, as máis débiles, as persoas
encargadas de construír as sociedades do mañá: as nenas e nenos que
abandonan, non só a súa casa, senón o seu parque, o seu cole, os seus
amigos e amigas e teñen que correr para conservar a súa vida.
Desgraciadamente, un total de 75 millóns de nenas e nenos non están
escolarizados por estas razóns.
E chegamos ao terceiro punto: saber esixir. Hoxe, xoves 3 de maio,
esixímoslles que nos axuden. Somos moitas persoas, somos milleiros de
nenas e nenos en toda Galicia e en toda España. Pero aínda non podemos
lexislar e gobernar. Sabemos que vostedes teñen esa forza, e xa coñecen o
dito: “a un grande poder, unha grande responsabilidade”.
Por iso lles pedimos que nos axuden, que fagan chegar a nosa mensaxe
aos seus compañeiros e compañeiras, coas que comparten
responsabilidades de goberno, aos nosos representantes políticos no
Parlamento de Galicia, e mesmo aos seus rivais políticos tamén. Porque
nós só demandamos o que todas as persoas do planeta queren: que todas
as nenas e nenos poidan aprender na escola.
3.
Páxina 3 de4
[Parte 3: Marián Araújo]
As nosas peticións son claras:
- Reforcen o seu compromiso coa solidariedade e a xustiza global, para
que se incremente o total da Axuda Oficial ao Desenvolvemento galega
e española.
- Demandamos que se chegue ao 0,4% da Renda Nacional Bruta en
2020. Queremos unha Xunta de Galicia e uns Concellos e Deputacións
solidarios de verdade. Esta axuda é chave para promover os dereitos
humanos e conseguir un desenvolvemento humano sustentable en
todo o mundo.
- Nesta liña, pedimos incrementar especialmente a axuda destinada á
educación básica. Sen educación de calidade para todos e todas, o
desenvolvemento sustentable non é posible.
DEIXA A TÚA PEGADA POLA EDUCACIÓN!
- Pedimos máis compromiso coas persoas que viven en situación de
emerxencia, especialmente os nenos e nenas que non gozan dos seus
dereitos a unha educación por crises humanitarias.
- A educación en situacións de emerxencia debe ser un alicerce
fundamental da axuda humanitaria, e por iso demandamos que se
destine polo menos un 4% do orzamento en axuda humanitaria a
educación, coa idea de que no futuro esta porcentaxe chegue ao 6%.
DEIXA A TÚA PEGADA POLA EDUCACIÓN!
- Estamos aquí hoxe para promover unha cultura de paz e os valores da
non violencia, a tolerancia e a diversidade, tal e como se establece no
Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable número 4.
- Por iso, pedimos a incorporación dunha materia específica de
Educación para a Cidadanía Global e o Desenvolvemento Sustentable
nos currículos escolares.
4.
Páxina 4 de4
DEIXA A TÚA PEGADA POLA EDUCACIÓN!
- Pedimos que se promova desde os concellos, a Xunta de Galicia e o
Goberno Central a convivencia escolar e se desenvolvan medidas para
a resolución non-violenta dos conflitos nas comunidades educativas.
- Todos nós somos co-responsables e debemos contribuír tamén a
construír sociedades baseadas no respecto dos dereitos humanos, a
tolerancia, a diversidade e a non-violencia.
DEIXA A TÚA PEGADA POLA EDUCACIÓN!
- Unha educación de calidade necesita un investimento de calidade. É
fundamental en todo o mundo, e Galicia e España non son unha
excepción. Pedimos que se incremente o investimento en educación
ata o 5% do PIB para ir avanzando gradualmente cara ao horizonte do
7%.
- Queremos que todas as persoas poidan ter as mesmas oportunidades.
Por iso cremos que unha educación pública, gratuíta, de calidade,
inclusiva, solidaria e transformadora non é un gasto, senón o mellor
investimento no futuro das persoas e do noso planeta.
DEIXA A túa PEGADA POLA EDUCACIÓN!
- Por último, pedimos a todas as administracións públicas e ás persoas
con cargos de representación política que presionen para que o
Goberno de España cumpra cos seus compromisos de acollida de
persoas refuxiadas. E que, sobre todo, protexan ás persoas refuxiadas
máis vulnerables: os nenos e as nenas, garantíndolles, particularmente,
o seu dereito á educación.