1. VISITA FUNDACIÓN REPSOL AO CPI VIRXE DA CELA
Talento, compromiso, coñecemento, innovación… elementos fundamentais para a
construción dun futuro sostible: para a esta meta se dirixen os esforzos do CPI Virxe da Cela, a
Fundación Ayuda en Acción e a Fundación Repsol nunha aposta conxunta. Utilizando como
materia prima a enerxía das persoas, estes tres colectivos tiveron a oportunidade de
intercambiar puntos de vista e construír os cimentos de futuras actuacións durante unha
primeira visita ao noso centro educativo (mércores 18 de novembro de 2015).
Foi unha estancia curta pero moi produtiva. Tras as presentacións oficiais o equipo
directivo e un representante da ANPA acompañaron aos nosos convidados a asistir a unha
clase de programación dentro do proxecto Genios, promovido por Fundación Ayuda en Acción
en colaboración con Google.org. Ignacio Egea (vicepresidente da Fundación Repsol) e Javier
Inclán (director da area social e institucional de Repsol) puideron comprobar de primeira man
que o noso centro aposta por romper a brecha dixital e que grazas ao compromiso de Ayuda
en Acción os nosos alumnos e alumnas están a adquirir ferramentas e competencias que os
capacitarán tanto para o seu futuro profesional como para o desenvolvemento integral como
persoas e cidadáns, xa que en todo o proceso educativo prima o traballo en equipo e os
valores.
Como broche final o alumnado de 3º da ESO guiou un programa radiofónico en directo
onde os principais actores deste traballo conxunto tiveron a oportunidade de expresarse.
Beatriz Varela, técnico de Ayuda en Acción, explicou detalladamente a liña de actuación do
programa de innovación tecnolóxica Smartick que se está a desenvolver co alumnado de
primaria, e xa pasando a un plano máis persoal relatou a súa experiencia como voluntaria nos
proxectos educativos que Ayuda en Acción está levando a cabo en América Latina. Yon Penas,
encargado de impartir docencia no noso centro dentro do programa Genios, manifestou a súa
admiración tanto polas ganas e motivación do noso alumnado como pola cantidade e
variedade de actividades que se están a desenvolver no noso centro. As palabras de despedida
de Ignacio Egea e Javier Inclán quedarán flotando nas ondas e no espazo e esperamos que
sigan resoando e facendo eco nos oídos dos nosos nenos e nenas, xa que ambos directivos de
Repsol salientaron que para soñar e construír o futuro non fai falla gasolina, senón a simple
enerxía que produce a mente e o corazón.