1. ESCRITO PARA ENVIAR AOS PAIS E NAIS:
Este curso escolar iniciouse cun recorte drástico no Ensino público que
afectou á dotación de persoal docente nos centros escolares. Nas diferentes etapas
educativas, reducíronse máis de 1.000 postos de traballo en Galicia, é dicir, 1.000
profesores e profesoras menos dos que viñan impartindo docencia no curso pasado,
malia o incremento do alumnado matriculado. Na provincia de Ourense pecháronse
este curso 16 aulas de Educación Primaria e 2 de Ed. Infantil. Elimináronse tamén
as aulas de ESO e Bacaharelato do IES Portovello e as de Bacharelato do IES
Abrente, o que supuxo a desaparición de 29 postos de traballo docentes nestes
centros.
Ademais disto, a Consellaría de Educación aplicou un incremento horario a
todo o profesorado e modificou os cadros de persoal dos centros, reducindo o
profesorado necesario para impartir todas as materias e obrigando a agrupar ao
alumnado até o máximo que a lexislación permite: 25 alumnos e alumnas por aula
en Educación Infantil e Primaria e 30 en Secundaria. Estas rateos vénse superadas,
ademais, porque o alumnado repetidor segue sen computar e porque, unha vez
iniciado o curso, a inspección pode obrigar a matricular máis alumnos/as. Deste
xeito aforraron con respecto ao curso pasado outros 31 profesores e profesoras nos
Institutos de Ensino Secundario na provincia de Ourense.
As consecuencias deste “aforro” para o ensino público son:
- Un maior número de alumnos e alumnas en cada aula o que dificulta a
necesaria atención individualizada ao alumnado dados os diferentes ritmos de
aprendizaxe.
- A supresión de desdobres, reforzos, e outros agrupamentos específicos,
o que sempre perxudica ao alumnado que ten máis dificultades de aprendizaxe.
- A redución de grupos e supresión de materias optativas.
- A obriga de que o profesorado imparta materias das que non é
especialista, as chamadas “afíns” que pode levar a disparates como que un
profesor de Bioloxía imparta tamén Historia, Inglés e Matemáticas.
En resumo, a calidade do ensino público vese seriamente ameazada e
haberá un notable incremento do fracaso escolar.
Pola contra, a Consellaría de Educación non aplica esta política de
“austeridade” no ensino privado, ao incrementar, e mesmo outorgar, novos
concertos educativos como o do colexio Guillelme Brown, que o curso pasado
recibiu a subvención por un aula de Infantil e este curso por outra máis, e o colexio
Miraflores que concertou este curso un aula de Infantil. Cómpre saber que cada
aula de infantil concertada ten un coste para Consellaría de máis de 46.000 euros
cada ano. Estes dous novos centros concertados están no concello do Pereiro de
Aguiar, onde ao colexio público Ben-Cho-Shey se lle nega o desdobre dun aula de
infantil de 4 anos obrigando a manter dúas aulas moi masificadas e unha aula
mixta (con alumnado de diferente idade). Esta precariedade no colexio público é
para “aforrar” un docente, cando regala case 150.000 euros nos dous privados
concertados este curso que se incrementarán en case 100.000 euros anuais cada
ano, até obter o concerto de todo o ensino obrigatorio. Medidas como esta, poñen
en evidencia que non estamos ante un problema económico como se nos pretende
facer crer, senón ante unha decisión política de favorecer o privado en detrimento
do público. Todos os recortes que se están a practicar afectan única e
exclusivamente á pública, mentres a concertada incrementa os ingresos de
diñeiro público que pagamos todas e todos.
2. Ademais, a Consellaría adícase a atacar ao seu propio profesorado
procurando o desprestixio da función docente e tentando trasladar á cidadanía
continuas falsidades, como dar a entender que o profesorado soamente traballa 18
ou 20 horas, ocultando todas as tarefas que, no centro ou fóra del, debe realizar.
Tarefas que se viron incrementadas ao impoñerlle a Consellaría unha nova función
que non lle corresponde: a vixilancia do alumnado transportado, que ten dúas
consecuencias: a primeira, que deste xeito se impide a ampliación de xornada de
traballo e retribucións das coidadoras do transporte e, a segunda, que a realización
desta tarefa resta tempo e dispoñibilidade para realizar outras tarefas moito máis
necesarias para o desenvolvemento pedagóxico do alumnado.
As profesoras e os profesores vimos desenvolvendo numerosas tarefas sen
importarnos, moitas veces, as horas que nelas tiñamos que investir. A nosa
vontade é manter ese compromiso, sabedores de que o ensino público é un
ensino de calidade, a mellor oferta educativa para as mozas e os mozos
que formarán a sociedade do futuro. Negámonos, pois, a que os prexuízos
ideolóxicos desta Consellaría contra o ensino público boten por terra o traballo
realizado durante anos e anos ou pretendan restarnos dedicación para manter os
niveis de calidade que consideramos necesarios. Por iso, seguimos loitando para
recuperar o noso horario lectivo, para rexeitar a imposición da custodia do
alumnado transportado e para impedir os recortes; en definitiva, para defender o
ensino público galego. Temos a seguridade de que, nesta loita, estamos todos do
mesmo lado e podemos contar co seu apoio.