SlideShare a Scribd company logo
1 of 14
Download to read offline
Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 1
XII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos
Madrid, 10-15 de Setembro de 2018
Novos horizontes para unha Galicia global:
Redes, territorio e memoria
O novo ecosistema económico como oportunidade para os
territorios periféricos: o caso de Galicia
Marcelino Fernández Mallo
Como sabemos, o Congreso titúlase “Novos horizontes para unha Galicia global: Redes,
territorio e memoria”. Neste relatorio imos tocar cada elemento da convocatoria. Na
definición do novo ecosistema económico imos falar dos “novos horizontes” e da
“Galicia global”; no diagnóstico do estado actual da economía galega imos falar de
“territorio” e de pasado, ou sexa, de “memoria”; e imos referirnos ás “redes de
colaboración” como parte das liñas imprescindibles de desenvolvemento do país.
Eco-sistema eco-nomico, que vén sendo isto? A orixe da palabra “economía”
localizámola no grego οἰκονομία (oikonomía), que se compón de οἶκος (oîkos), que
significa ‘casa’, e νέμειν (némein), que podemos traducir como administración ou
xestión. Así pois, economía sería algo así como o xeito de administrar a casa, neste
caso, o territorio: Galicia. Un ecosistema será, pola súa banda, o conxunto de normas e
relacións entre os seres que habitan a casa, o territorio. Se falamos da economía
global, referímonos ao modo no que funcionan os mercados e os seus distintos
axentes. Veremos, así pois, a evolución de Galicia como axente económico dentro do
ecosistema da economía global. Esta análise vai darnos moitas das claves da situación
actual do país e da súa posible progresión.
Á vista do título do relatorio, quizais debamos facermos outra pregunta: É Galicia un
territorio periférico? Iso dependerá de onde coloquemos o centro ou centros do
sistema. Nas últimas décadas, enténdese que o centro económico de Europa radica no
triángulo Londres-Milán-Frankfurt, pasando por París. Xa veremos o que tal sucede co
triángulo após o Brexit. En calquera caso, España enteira semella fóra do centro
teórico de desenvolvemento; daquela Galicia sería periférica na periferia. Porén,
entendemos que este novo ecosistema do que empezamos a falar vai alterar o
concepto de periferia que moi posiblemente pasará a ser o de territorio excluído, ou
escasamente integrado, nas redes de cooperación globais que se están tecendo para
Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 2
enfrontar os sensacionais desafíos da nova economía. Así pois, un territorio será
periférico se “decide” –voluntariamente ou por mor da súa propia incapacidade
estratéxica– ser periférico.
Como lle foi a Galicia cos “vellos” ecosistemas económicos
Unha perspectiva económica clásica considera os custos como un elemento crítico do
sistema. O compoñente de maior peso na produción adoitan ser os custos laborais,
que se asocian co valor dos bens, e esa ecuación aplícase ás teorías dos economistas
clásicos. Enténdese que aquela empresa que conseguise producir máis barato obtería
uns maiores beneficios. Nun territorio, a hipótese funcionaría igualmente. Se cadra,
habería que incluír no modelo as infraestruturas pola súa incidencia nos custos de
distribución.
Apliquemos este razoamento a Galicia: cos custos salariais reducidos en termos
relativos coa media española –non digamos xa coa media europea– e unha vez se
corrixiu en boa parte o déficit de infraestruturas, poderíase pensar que a nosa
economía debería tender a medrar por riba da tendencia media. O que non foi tal en
absoluto. Claro que se observamos a realidade, xa teríamos sospeitado que esta
teórica relación entre custos e competitividade non é tan obvia:
Entre os vinte países con maior saldo positivo da balanza comercial (datos da CIA
World Factbook, est. 2017) , figuran Alemaña (o 1º), Xapón (o 2º), Corea do Sur (SMA:
1.230€), Países Baixos, Suíza, Italia, Dinamarca, Noruega, Suecia e Israel. No Anexo 1
achéganse cifras concretas de custo por hora traballada de 44 países no cal se pode
comprobar que España ocupa o posto 17 nesa clasificación e que os 16 países “máis
caros” teñen economías ben máis dinámicas e cos índices de desemprego
notablemente inferiores aos de España e Galicia. Concluamos, daquela, que o modelo
baseado en custos non explica, cando menos enteiramente, o comportamento dunha
economía (mágoa que o goberno español anterior non coñecera estas cifras).
Nos anos 90, o economista norteamericano Michael Porter introduciu un modelo
contrastado por un exhaustivo estudo dirixido a explicar a competitividade das
nacións. Para Porter a prosperidade das nacións –os territorios– descansa na
capacidade dos seus sectores para innovar e progresar de modo continuo. As dúas
variables clave segundo a investigación de Porter son produtividade e innovación. Xa
que logo, este modelo pon o foco no valor engadido antes que nos custos.
Porter fala da necesidade de crear o ambiente na economía que favoreza a orientación
de acordo ás tendencias de produción e consumo, ao dinamismo interno e ao desafío
competitivo constante. Enténdese a innovación como un novo produto, un novo
proceso, un novo segmento ou nicho de mercado, unha mellora do servizo, unha nova
capacidade, unha nova forma de facer marketing, unha nova tecnoloxía, un xiro na
Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 3
xestión… é dicir, como unha práctica de xeral implantación. E máis coma unha filosofía
de acumulación, de cambios permanentes, antes que en termos de avances puntuais.
Digamos: innovación como pauta común e cotiá de dirección. Ese vén sendo o factor
crítico para a competitividade das economías.
Como conseguir esas condicións que estimulen a innovación e o aumento da
produtividade de xeito continuo? Porter identifica catro conceptos que conforman o
seu diamante da competitividade: o primeiro é o aproveitamento dos factores
endóxenos, como se crean vantaxes a partir dos elementos internos; o segundo
elemento do diamante de Porter é o grao de sofisticación da demanda; o terceiro
elemento de competitividade vén sendo a estrutura e estratexia das empresas; e o
cuarto a calidade dos provedores. En conxunto, trátase de executar unha estratexia
de desenvolvemento e innovación a partir dun esquema de cadea de valor onde se
integre cada fase e sector de produción entendida coma un todo.
Estratexia integrada ao longo da cadea de valor dunha actividade económica
Cun exemplo enténdese mellor seguramente: pensemos na actividade en torno ó leite.
Temos a opción de mercar penso nos mercados internacionais, estabular e alimentar
as vacas, muxilas e vender o leite a un servizo de recollida; ou temos a opción de
formar especialistas no sector agrogandeiro e lácteo, desenvolver un programa
continuo de I+D, cultivar a forraxe e os cereais, producir un leite comercializable,
deseñar e elaborar produtos lácteos derivados, construír ou penetrar nas canles
galegas, españolas e internacionais de distribución para, finalmente, chegar aos
distintos segmentos do mercado.
Daquela, Porter puña o exemplo de Holanda e a súa primacía no mercado das flores.
Hoxe Holanda, cunha superficie comparable á de Galicia (un 35% maior), é o segundo
país exportador mundial de alimentos en termos de valor superado unicamente por
Estados Unidos. Detrás dese éxito atópase a Wageningen University & Research
considerada a institución de investigación agraria máis importante do planeta.
Seguiu o modelo económico galego as pautas de Porter? Claramente non, con
algunhas poucas honrosas excepcións: o automóbil e as súas empresas auxiliares, que
observaron cada un dos elementos estratéxicos anteriores, o sector conserveiro con
máis ou menos acerto, e algunha cooperativa do viño (Condes de Albarei), o leite
(Feiraco) ou a carne (Coren). O resto do tecido produtivo galego tendeu a ignorar o
planteamento do economista norteamericano. Vese en múltiples casos, incluso no
Formación
I+D Suministro
Primera
transformación
Valor
Añadido
Segunda
transformación Distribución
Mk &
Ventas
Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 4
fenómeno Inditex que non serviu para crear unha rede potente de empresas ao longo
da cadea de valor do téxtil e a confección.
Lembremos que para Porter, a innovación é o concepto crítico do modelo, un factor
directamente dependente do I+D. E que fixo Galicia estas décadas en termos de I+D?
Abonda con dar uns datos básicos: o gasto en I+D de Galicia (ano 2016) sobre o PIB foi
do 0,87% fronte ao 1,19% da media española. En Euskadi, o gasto foi máis do dobre
do galego: 1,89%, e Madrid, Cataluña ou Navarra practicamente duplican o esforzo
en I+D de Galicia (1,66; 1,64 e 1,62 respectivamente). Se o comparamos coa media da
Unión Europea, a distancia resulta xa estratosférica pois esta é dun 2,03% sobre o PIB
europeo, con países como Suecia ou Austria que superan o 3% do gasto en I+D.
Deixamos o Anexo 2 para unha comparación detallada.
Vexamos como lle foi a Galicia nuns mercados definidos polas variables de
competencia que acabamos de repasar. Imos tomar a data da Constitución de 1978
cando se instaurou o Estado autonómico como marco de actuación xeral. Dentro dun
país onde existe liberdade de movementos e residencia, a poboación eríxese nunha
variable de grande representatividade. Os cidadáns moveranse cara ás zonas cunha
maior puxanza. Así pois, comparar os habitantes de cada Comunidade Autónoma entre
1979 y 2018 daranos unha fiel impresión comparativa da marcha de Galicia no
conxunto do Estado. No Anexo 3 amósanse as cifras completas cuxa análise conduce ás
seguintes conclusións:
 Nos corenta anos da comparación, España aumentou un 26% a súa poboación
mentres que Galicia decrecía un 3%, a terceira Comunidade cunha peor
evolución. Hai crecementos moi notables: Illas Baleares un 85%; Canarias un
65%; Madrid un 45%; Valencia un 40%; Andalucía un 32%. Repito: Galicia perde
un 3% da súa poboación nos últimos corenta anos.
 En números absolutos, Andalucía ou Madrid gañan máis de 2 millóns de
habitantes, Cataluña case 1,7 millóns, Valencia 1,4 millóns; Galicia perde
82.000.
 En termos de peso relativo, en 1979 Galicia representaba un 7,5% do total
español; en 2018 representa nada máis ca un 5,8%.
Podemos matizar esta evolución a partir da renda per cápita das CC.AA. españolas, é
dicir, a riqueza comparada de Galicia dentro de Estado español. Outrosí a análise nos
ofrece malas novas. No Anexo 4 vese que a media española é un 11% superior á renda
por habitante de Galicia; a de Aragón é un 22% maior; a de Cataluña, un 33% superior;
a do País Vasco está xa un 47% por enriba de Galicia, e Madrid un 50%. Cifras
extremadamente folgadas para tratarse de territorios dentro dun mesmo país.
Alén das cifras, a falta dun modelo e unha estratexia axeitados durante estes 40 anos
demóstrase á vista da sangría de empresas fundamentais para a economía galega que
Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 5
se perderon. No Anexo 5 ofrécese unha listaxe de compañías sobranceiras que
deixaron de desenvolver a súa actividade en Galicia, total ou parcialmente. Cómpre
subliñar a perda do gran referente en materia de investimento e innovación xa nos
anos 80, FENOSA, adquirida por Unión Eléctrica Madrileña, unha compañía máis
pequena e sen capacidade de xeración eléctrica; foi esta unha operación que marcou o
devalo de Galicia e mostrou a súa falta de poder político. Despois seguiron dolorosas
perdas en sectores clave coma o financeiro, telecomunicacións e mesmo en
construción civil, así como a grave crise da única empresa galega presente entres as 25
máis innovadoras de España (EU Industrial R&D Investment Scoreboard): Pescanova.
Un caso especialmente paradigmático veñen sendo as actividades vinculadas ao rural.
Galicia leva décadas de abandono do sector agrogandeiro e amosa unha taxas de
aproveitamento da terra inusitadamente baixo. Mentres que en Europa, e boa parte
das CC.AA. españolas, a produción agraria medra e se desenvolve vizosa, en Galicia
sofre décadas de estancamento e perda de presenza nos mercados. A única estratexia
que parece implantarse con determinación foi aumentar a superficie forestal e inzala
de eucaliptos, unha decisión política consciente de resultados tráxicos que supuxo a
ruína do medio e a paisaxe a partir de explotacións de mínimo valor engadido.
Xustamente o contrario do que propuña o modelo de Porter.
O novo ecosistema económico: unha oportunidade para Galicia
Non cabe dúbida: Galicia debe reaccionar, debe transformar a súa economía se non
quere continuar o devalo no que leva instalada demasiadas décadas e que a dirixe
aceleradamente cara á insignificancia económica e, xa que logo, tamén á
miniaturización política e social. Galicia pesa cada día menos en España e así pois
tamén en Europa e no mundo globalizado. O cambio de tendencia ten que vir do
cambio de modelo económico e iso empeza por corrixir as gravísimas eivas do tecido
produtivo galego que mencionamos no apartado anterior.
En primeiro lugar, unha estratexia de transformación e desenvolvemento esixe a
actuación –decidida, determinante, urxente– sobre as principais cadeas de valor da
economía galega. Hase artellar unha política conxunta na que participen as distintas
administracións, as principais empresas, as asociacións empresariais, as cooperativas
de produción e as entidades de financiamento (tamén os capitais privados) que se
dirixa a corrixir as debilidades existentes en cada unha das fases desas cadeas de valor.
Volvamos poñer un exemplo; collamos neste caso os cereais. A súa cadea de valor
implica:
1. destino de terras de cultivo
2. o I+D agrario
3. a sementeira do gran e recollida do cereal
Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 6
4. a loxística
5. a xeración de valor engadido na concepción dos produtos transformados
6. a fabricación deses produtos
7. a súa distribución e venda cara aos distintos mercados
Sen querer facer unha diagnose dos sectores afectados, nin moito menos, e
simplemente a modo de exemplo, diriamos que Galicia amosa un déficit absoluto nas
catro primeiras fases da anterior cadea de valor (importa case o 100% do cereal que
demanda), mentres que presenta unha oferta interesante nalgunhas actividades de
transformación de produtos de valor engadido (panificadoras e alimentación animal).
Así pois, as principais actuacións nesta cadea de valor haberíanse concentrar na
recuperación do cultivo de cereais o cal, por certo, observou un crecemento récord de
demanda no mundo en anos anteriores.
O agro sírvenos para introducir este concepto ata agora etéreo de “novo ecosistema
económico”. De entrada, eu vou recomendar deixar de falar de “sector agrogandeiro”
e utilizar termos máis próximos á realidade actual e á nova concepción de
desenvolvemento económico. Eu falaría de “agroindustria”, de “agroinnovación”, de
“agrotecnoloxía”, de “agro 4.0” nesa idea de esquecer os sectores como entes
estancos e integrar as distintas actividades en función do valor engadido que
producen.
De que trata isto do “novo ecosistema económico” logo? En síntese, sería unha nova
forma de producir e relacionarse os axentes económicos a partir duns avances
tecnolóxicos que, en función do nivel de escepticismo de cada cal, poderiamos chegar
a cualificar de rupturistas o disruptivas. Un novo ecosistema que propicia a
metamorfose da propia contorna económica e social. Así empezamos a utilizar este
concepto de mundo VUCA no cal a Volatilidade, a Incerteza (Uncertainty), a
Complexidade a a Ambigüidade son las variables dominantes.
E cales serían esas tecnoloxías disruptivas que poden mudar o sistema económico?
En primeiro lugar, temos a eclosión da robótica coma unha nova etapa do proceso
universal de automatización. Non pensemos en humanoides mecánicos que nos
servirán a comida; referímonos á robótica como a serie de novas técnicas de produción
que farán os procesos máis eficientes e máis personalizables. Cando falemos de
robots, tendamos a pensar na “robótica industrial”.
A carón da robótica, están a xurdir un feixe de tecnoloxías emerxentes que
contribuirán a redeseñar o modo en que se conciben moitas das actuais actividades
económicas. A impresión 3D, a realidade virtual, o “mobile first” –a vida dentro dun
móbil–, a industria dos drons, o uso da voz, a ciberseguridade, o blockchain, ou as
tecnoloxías vinculadas a novos materiais como pode ser o grafeno, compoñen un
panel de posibilidades cuxo alcance é imposible de determinar.
Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 7
Calquera destas tecnoloxías multiplicará a súa capacidade de influencia a través da
intelixencia artificial, que é basicamente a habilidade das máquinas para pensar e
decidir de seu a partir de experiencias pasadas aplicables. Ata agora, un proceso
adoitaba dividirse en dúas partes: a análise e toma de decisión, que exercía unha
persoa, e a execución que se levaba a cabo coa axuda das máquinas. Agora é a propia
máquina a que pode tomar a decisión e, normalmente, cun maior nivel de acerto. Eis o
impacto previsiblemente extraordinario da intelixencia artificial en cada actividade
económica.
Outro novo factor que volve multiplicar as consecuencias das tecnoloxías emerxentes
é o que se coñece como big data. Cada microsuceso que acontece ao noso redor pode
ser rexistrado mediante sensores para ser almacenado e parametrizado de modo que
a realidade se pode descompoñer e analizar mediante millóns e millóns de datos
empíricos. As posibilidades para detectar melloras u oportunidades, para optimizar
decisións de produción ou consumo, a partir do tratamento intelixente desta enorme
cantidade de información, semellan infinitas.
Un obxecto de traballo do big data é a propia persoa. Nós, mulleres e homes, xeramos
millóns de datos cada día en función da actividade do noso corpo e de noso cerebro.
Se a este fenómeno engadimos o desenvolvemento da xenómica, temos as bases para
transformar absolutamente o xeito de comportarnos, de alimentarnos, de divertirnos,
de coidarnos, etc.. Así pois, as nosas pautas de consumo tenderán a ser ben máis
diferenciadas e variables. Tenderemos tamén a vivir máis e mellor.
Os cidadáns na súa faceta de consumidores poden así mesmo modificar radicalmente a
súa relación cos provedores de servizos mediante unha tecnoloxía que permite a súa
agrupación e organización. Falamos da economía colaborativa na que son os propios
cidadáns os que resolven as súas necesidades a través de comunidades de usuarios –o
chamado peer to peer– sen necesidade dunha empresa que llela satisfaga. A todos nos
soan iniciativas como ebay, segundamano, groupalia, uber, airbnb, kickstarter ou
bitcoin e o efecto nada desbotable que xa están a causar.
As novas posibilidades de comunicación, xa sexa entre cidadáns, entre empresas ou
entre empresa e cliente, supoñen unha auténtica revolución. As redes sociais
constitúen un exemplo de autoxestión da información que representa un desafío non
so para os medios de comunicación senón tamén para calquera empresa na súa
función esencial de chegar ata os seus clientes actuais ou potenciais.
E o xeito de relacionarnos coa Natureza, o modo como tratamos o planeta unha vez
tomada conciencia dos graves danos que lle levamos infrinxindo nas últimas décadas,
sería un último elemento deste novo ecosistema económico que vai moldear, que está
moldeando xa, a sociedade de cada país, a sociedade no mundo. A economía será
sustentable –mesmo circular– ou non será; simplemente.
Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 8
A cuestión clave que xustifica que falemos dun novo ecosistema económico é que
cada un dos elementos que describimos anteriormente resulta susceptible de influír
en cada fase de cada unha das cadeas de valor que configuran unha economía, así
como no modo de relacionarse entre os distintos axentes. Todo está en revisión.
Pensemos, por exemplo, nos programadores, esas figuras que se converteron nun dos
eixos críticos do novo ecosistema.
Dada a cantidade e variedade de tecnoloxías emerxentes, a maioría de empresas e
sectores vense sobrepasados polas opcións ás que se enfrontan. Para a maioría,
dispoñer da estrutura técnica que precisarían resultará pouco menos ca imposible.
Velaí a eclosión dos chamados freelances, profesionais independentes que traballan
por proxectos e intervalos temporais determinados. Calcúlase que nos vindeiros anos,
o 40% dos profesionais de servizos en Estados Unidos serán freelances, o cal
representa nada máis un dos grandes movementos que está a provocar o novo
ecosistema económico.
Aquí temos igualmente un enorme desafío para a formación dos profesionais, que de
súpeto queda obsoleta ante a velocidade de desenvolvemento das tecnoloxías
emerxentes. Precísanse milleiros de formadores especializados e tamén novos
programas educativos a tódolos niveis, xa sexa dentro ou fóra do ensino regulado e
oficial. Os territorios que antes albisquen a necesidade de cubrir esta demanda terán
dado un paso importante na súa competitividade.
A interacción deste conxunto de factores, todos eles significativos, todos eles
transcendentes, vai colocar a Cooperación como competencia crítica para a
supervivencia das empresas e das economías nacionais. Isto é así en especial para
aquelas economías sen empresas de tamaño relevante, como é a galega. Fóra do
grupo Inditex –a grande excepción que tantas miserias da economía galega consegue
agochar–, Galicia tan so pode presentar a factoría de Citröen en Vigo na clasificación
de 150 maiores empresas españolas.
Mais a Cooperación en rede imponse para calquera tipo de sector, actividade ou
empresa, sexa esta grande, mediana ou pequena. Así vemos o exemplo do coche
eléctrico que está a provocar grandes alianzas entre o sector do automóbil e as
grandes compañías de tecnoloxía (ex. BMW – Intel). Cooperación que será vertical,
como en este caso, ao longo da cadea de valor, tamén horizontal entre empresas da
mesma fase ou sector, e mesmo, por suposto, entre territorios. Eis para Galicia a
importancia de retomar a Eurorrexión Galicia-Portugal ou o Eixo Atlántico noutros
tempos tan aparentemente activo.
Ao longo deste relatorio, coido ter demostrado que Galicia debe reaccionar ante unha
evolución que semella condenala ao devalo permanente e a súa xibarización final. A
nova contorna económica ofrece unha oportunidade para reverter esta situación. Pero
Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 9
necesitamos a concienciación colectiva de que o país require un cambio total, unha
política de relanzamento sobre os seus factores endóxenos e unha estratexia creativa
de transformación económica a partir das tendencias xerais que acabamos de repasar
e que esixen confiar en dous piares básicos: Innovación e Cooperación.
Marcelino Fernández Mallo
www.linkedin.com/in/marcelino-fernandez-mallo
https://www.facebook.com/Marcelino.Fernandez.Mallo
https://es.slideshare.net/MarcelinoLFernndezMallo
@pallarego
Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 10
Anexo 1: Coste en € por hora traballada na industria manufactureira (fonte: Instituto
da Economía Alemana)
1. Suiza 53,51 22. Chipre 12,82
2. Noruega 48,54 23. Portugal 11,27
3. Dinamarca 43,99 24. Eslovaquia 10,63
4. Bélgica 43,21 25. Estonia 10,56
5. Suecia 42,05 26. Rep. Checa 10,15
6. Alemania 39,98 27. Croacia 8,78
7. Francia 38,05 28. Hungría 8,25
8. Finlandia 37,03 29. Brasil 7,86
9. Austria 36,65 30. Polonia 7,67
10. Países Bajos 35,65 31. Lituania 7,16
11. EE.UU. 35,60 32. Letonia 7,14
12. Irlanda 31,67 33. Turquía 6,57
13. Italia 27,54 34. China 6,32
14. Canadá 27,37 35. Méjico 4,81
15. Reino Unido 26,89 36. Rumania 4,76
16. Japón 25,78 37. Rusia 4,51
17. España 22,78 38. Bulgaria 3,73
18. Australia 22,73 39. Bielorrusia 3,25
19. Corea 22,73 40. Georgia 2,31
20. Eslovenia 15,67 41. Ucrania 1,88
21. Grecia 14,60 42. Filipinas 1,84
Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 11
Anexo 2. Gasto de I+D por territorios
I+D
Sobre PIB
2016
01 Andalucía 0,92
02 Aragón 0,89
03 Asturias, Principado de 0,74
04 Balears, Illes 0,33
05 Canarias 0,47
06 Cantabria 0,84
07 Castilla y León 1,10
08 Castilla - La Mancha 0,57
09 Cataluña 1,64
10 Comunitat Valenciana 0,99
11 Extremadura 0,60
12 Galicia 0,87
13 Madrid, Comunidad de 1,66
14 Murcia, Región de 0,94
15 Navarra 1,62
16 País Vasco 1,89
17 Rioja, La 0,84
España 1,19
UE 2,03
China 2,07
EE.UU. 2,79
Austria 3,09
Suecia 3,25
Japón 3,29
Fonte: Informe COTEC a partir de datos INE
Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 12
Anexo 3: Evolución 40 anos poboación CC.AA. españolas (desde instauración Estado
autonómico)
Fonte: Instituto Nacional de Estadística
Poboación 01/01/1979 01/01/2018 Variación Peso
persoas % 01/01/1979 01/01/2018
01 Andalucía 6.358.248 8.409.738 2.051.490 32,3% 17,2% 18,0%
02 Aragón 1.190.997 1.313.463 122.466 10,3% 3,2% 2,8%
03 Asturias, Principado de 1.116.858 1.027.659 -89.199 -8,0% 3,0% 2,2%
04 Balears, Illes 631.517 1.166.603 535.086 84,7% 1,7% 2,5%
05 Canarias 1.321.454 2.177.155 855.701 64,8% 3,6% 4,7%
06 Cantabria 505.322 581.403 76.081 15,1% 1,4% 1,2%
07 Castilla y León 2.606.193 2.418.694 -187.499 -7,2% 7,0% 5,2%
08 Castilla - La Mancha 1.667.593 2.033.169 365.576 21,9% 4,5% 4,4%
09 Cataluña 5.803.725 7.488.207 1.684.482 29,0% 15,7% 16,0%
10 Comunitat Valenciana 3.533.932 4.946.020 1.412.088 40,0% 9,5% 10,6%
11 Extremadura 1.087.567 1.070.586 -16.981 -1,6% 2,9% 2,3%
12 Galicia 2.785.437 2.703.290 -82.147 -2,9% 7,5% 5,8%
13 Madrid, Comunidad de 4.521.712 6.549.979 2.028.267 44,9% 12,2% 14,0%
14 Murcia, Región de 932.091 1.475.568 543.477 58,3% 2,5% 3,2%
15 Navarra 502.472 643.864 141.392 28,1% 1,4% 1,4%
16 País Vasco 2.100.970 2.171.131 70.161 3,3% 5,7% 4,7%
17 Rioja, La 250.223 312.830 62.607 25,0% 0,7% 0,7%
18 Ceuta 64.606 85.219 20.613 31,9% 0,2% 0,2%
19 Melilla 54.802 84.721 29.919 54,6% 0,1% 0,2%
España 37.035.719 46.659.299 9.623.580 26,0% 100,0% 100,0%
Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 13
Anexo 4: Renda per cápita das CC.AA. españolas
Posición Comunidade Autónoma
PIB per cápita (en
euros)
1 Madrid, Comunidad de 33.809
2 País Vasco 33.088
3 Navarra, Comunidad Foral de 30.914
4 Cataluña 29.936
5 Aragón 27.403
6 Rioja, La 26.044
7 Balears, Illes 25.772
- Media España 24.999
8 Castilla y León 23.555
9 Cantabria 22.513
10 Galicia 22.497
11 Comunitat Valenciana 22.055
12 Asturias, Principado de 22.046
13 Murcia, Región de 20.585
14 Canarias 20.425
15 Castilla-La Mancha 19.681
16 Andalucía 18.470
17 Extremadura 17.262
Fonte: Instituto Nacional de Estadística
Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 14
Anexo 5: Perda Empresas transcendentes nas últimas décadas
Sector Empresa Circunstancia
Enerxía FENOSA Absorbida por Unión Eléctrica
Madrileña
Financeiro Banco Pastor Absorbido por Banco Popular
Financeiro Banco Gallego Absorbido por Banc Sabadell
Financeiro Caixa Galicia e Caixanova Actualmente Abanca
Teleco Comunitel Absorbida por Vodafone
Teleco R Telecomuncacións Absorbida por Euskaltel
Tecnoloxía Softgal Absorbida por Tecnocom
Tecnoloxía Blu:sens Liquidación
Biotech Grupo Zeltia Traslado a Madrid
Construción FADESA Adquirida por Martinsa
Construción Invertaresa Liquidación
Moble Grupo Tecam Liquidación
C. Naval Factoría Naval de Marín Liquidación
Téxtil Caramelo Liquidación
Téxtil Unicén Liquidación
Téxtil Viriato Liquidación
Téxtil Montoto Liquidación
Téxtil Toypes Liquidación
Téxtil Guerral Liquidación
Téxtil Zara online Implantación en Irlanda
Conservas Bernardo Alfageme Liquidación
Distribución Vegalsa Absorbida por Eroski
Audiovisual Dygra Films Liquidación
Audiovisual Continental Liquidación
Comunicación A Nosa Terra Liquidación
Armas Fábrica de armas Santa
Bárbara
En estado agónico dende hai anos
Tabaco Fábrica de Tabacos Coruña Peche

More Related Content

Similar to O novo ecosistema económico como oportunidade para os territorios periféricos: o caso de Galicia

España no mundo. Relacións internacionais. Globalización
España no mundo. Relacións internacionais. GlobalizaciónEspaña no mundo. Relacións internacionais. Globalización
España no mundo. Relacións internacionais. GlobalizaciónAgrela Elvixeo
 
RESUMO TEMA 6 CIENCIAS SOCIAIS
RESUMO TEMA 6 CIENCIAS SOCIAISRESUMO TEMA 6 CIENCIAS SOCIAIS
RESUMO TEMA 6 CIENCIAS SOCIAISFiz
 
Revisión de gráficas sobre o paro en España
Revisión de gráficas  sobre o paro en EspañaRevisión de gráficas  sobre o paro en España
Revisión de gráficas sobre o paro en EspañaRosacidgalante
 
5 fundamentos de economía y gestión de la salud
5 fundamentos de economía y gestión de la salud5 fundamentos de economía y gestión de la salud
5 fundamentos de economía y gestión de la saludVeritho Urrutia Silva
 
030410 Np Isarel E Mercados Duty Free10
030410 Np Isarel E Mercados Duty Free10030410 Np Isarel E Mercados Duty Free10
030410 Np Isarel E Mercados Duty Free10GZ-Israel
 
ESPAÑA E KYOTO: UNHA CONTA PENDENTE
ESPAÑA E KYOTO: UNHA CONTA PENDENTEESPAÑA E KYOTO: UNHA CONTA PENDENTE
ESPAÑA E KYOTO: UNHA CONTA PENDENTEruudy
 
Tema 10 traballo xeografia
Tema 10 traballo xeografiaTema 10 traballo xeografia
Tema 10 traballo xeografiapablokatt
 

Similar to O novo ecosistema económico como oportunidade para os territorios periféricos: o caso de Galicia (8)

España no mundo. Relacións internacionais. Globalización
España no mundo. Relacións internacionais. GlobalizaciónEspaña no mundo. Relacións internacionais. Globalización
España no mundo. Relacións internacionais. Globalización
 
RESUMO TEMA 6 CIENCIAS SOCIAIS
RESUMO TEMA 6 CIENCIAS SOCIAISRESUMO TEMA 6 CIENCIAS SOCIAIS
RESUMO TEMA 6 CIENCIAS SOCIAIS
 
Revisión de gráficas sobre o paro en España
Revisión de gráficas  sobre o paro en EspañaRevisión de gráficas  sobre o paro en España
Revisión de gráficas sobre o paro en España
 
5 fundamentos de economía y gestión de la salud
5 fundamentos de economía y gestión de la salud5 fundamentos de economía y gestión de la salud
5 fundamentos de economía y gestión de la salud
 
030410 Np Isarel E Mercados Duty Free10
030410 Np Isarel E Mercados Duty Free10030410 Np Isarel E Mercados Duty Free10
030410 Np Isarel E Mercados Duty Free10
 
Tema 5. 3º Eso
Tema 5. 3º EsoTema 5. 3º Eso
Tema 5. 3º Eso
 
ESPAÑA E KYOTO: UNHA CONTA PENDENTE
ESPAÑA E KYOTO: UNHA CONTA PENDENTEESPAÑA E KYOTO: UNHA CONTA PENDENTE
ESPAÑA E KYOTO: UNHA CONTA PENDENTE
 
Tema 10 traballo xeografia
Tema 10 traballo xeografiaTema 10 traballo xeografia
Tema 10 traballo xeografia
 

More from Marcelino Fernández Mallo

17 Microrrelatos alrededor de El émulo de Reginald Perrin
17 Microrrelatos alrededor de El émulo de Reginald Perrin17 Microrrelatos alrededor de El émulo de Reginald Perrin
17 Microrrelatos alrededor de El émulo de Reginald PerrinMarcelino Fernández Mallo
 
Entender los estados financieros de la empresa
Entender los estados financieros de la empresa Entender los estados financieros de la empresa
Entender los estados financieros de la empresa Marcelino Fernández Mallo
 
Claves elementales para entender la Economía
Claves elementales para entender la Economía Claves elementales para entender la Economía
Claves elementales para entender la Economía Marcelino Fernández Mallo
 
Presentación de "El Danubio no pasa por Buenos Aires" en la Feria Internacion...
Presentación de "El Danubio no pasa por Buenos Aires" en la Feria Internacion...Presentación de "El Danubio no pasa por Buenos Aires" en la Feria Internacion...
Presentación de "El Danubio no pasa por Buenos Aires" en la Feria Internacion...Marcelino Fernández Mallo
 

More from Marcelino Fernández Mallo (8)

eucaliptos falacias (1).pdf
eucaliptos falacias (1).pdfeucaliptos falacias (1).pdf
eucaliptos falacias (1).pdf
 
Economía de Proximidade en Galicia
Economía de Proximidade en GaliciaEconomía de Proximidade en Galicia
Economía de Proximidade en Galicia
 
17 Microrrelatos alrededor de El émulo de Reginald Perrin
17 Microrrelatos alrededor de El émulo de Reginald Perrin17 Microrrelatos alrededor de El émulo de Reginald Perrin
17 Microrrelatos alrededor de El émulo de Reginald Perrin
 
Un sector lácteo próspero (set 15)
Un sector lácteo próspero (set 15)Un sector lácteo próspero (set 15)
Un sector lácteo próspero (set 15)
 
Entender los estados financieros de la empresa
Entender los estados financieros de la empresa Entender los estados financieros de la empresa
Entender los estados financieros de la empresa
 
Claves elementales para entender la Economía
Claves elementales para entender la Economía Claves elementales para entender la Economía
Claves elementales para entender la Economía
 
Conceptos y relaciones básicos en Economía
Conceptos y relaciones básicos en EconomíaConceptos y relaciones básicos en Economía
Conceptos y relaciones básicos en Economía
 
Presentación de "El Danubio no pasa por Buenos Aires" en la Feria Internacion...
Presentación de "El Danubio no pasa por Buenos Aires" en la Feria Internacion...Presentación de "El Danubio no pasa por Buenos Aires" en la Feria Internacion...
Presentación de "El Danubio no pasa por Buenos Aires" en la Feria Internacion...
 

O novo ecosistema económico como oportunidade para os territorios periféricos: o caso de Galicia

  • 1. Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 1 XII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos Madrid, 10-15 de Setembro de 2018 Novos horizontes para unha Galicia global: Redes, territorio e memoria O novo ecosistema económico como oportunidade para os territorios periféricos: o caso de Galicia Marcelino Fernández Mallo Como sabemos, o Congreso titúlase “Novos horizontes para unha Galicia global: Redes, territorio e memoria”. Neste relatorio imos tocar cada elemento da convocatoria. Na definición do novo ecosistema económico imos falar dos “novos horizontes” e da “Galicia global”; no diagnóstico do estado actual da economía galega imos falar de “territorio” e de pasado, ou sexa, de “memoria”; e imos referirnos ás “redes de colaboración” como parte das liñas imprescindibles de desenvolvemento do país. Eco-sistema eco-nomico, que vén sendo isto? A orixe da palabra “economía” localizámola no grego οἰκονομία (oikonomía), que se compón de οἶκος (oîkos), que significa ‘casa’, e νέμειν (némein), que podemos traducir como administración ou xestión. Así pois, economía sería algo así como o xeito de administrar a casa, neste caso, o territorio: Galicia. Un ecosistema será, pola súa banda, o conxunto de normas e relacións entre os seres que habitan a casa, o territorio. Se falamos da economía global, referímonos ao modo no que funcionan os mercados e os seus distintos axentes. Veremos, así pois, a evolución de Galicia como axente económico dentro do ecosistema da economía global. Esta análise vai darnos moitas das claves da situación actual do país e da súa posible progresión. Á vista do título do relatorio, quizais debamos facermos outra pregunta: É Galicia un territorio periférico? Iso dependerá de onde coloquemos o centro ou centros do sistema. Nas últimas décadas, enténdese que o centro económico de Europa radica no triángulo Londres-Milán-Frankfurt, pasando por París. Xa veremos o que tal sucede co triángulo após o Brexit. En calquera caso, España enteira semella fóra do centro teórico de desenvolvemento; daquela Galicia sería periférica na periferia. Porén, entendemos que este novo ecosistema do que empezamos a falar vai alterar o concepto de periferia que moi posiblemente pasará a ser o de territorio excluído, ou escasamente integrado, nas redes de cooperación globais que se están tecendo para
  • 2. Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 2 enfrontar os sensacionais desafíos da nova economía. Así pois, un territorio será periférico se “decide” –voluntariamente ou por mor da súa propia incapacidade estratéxica– ser periférico. Como lle foi a Galicia cos “vellos” ecosistemas económicos Unha perspectiva económica clásica considera os custos como un elemento crítico do sistema. O compoñente de maior peso na produción adoitan ser os custos laborais, que se asocian co valor dos bens, e esa ecuación aplícase ás teorías dos economistas clásicos. Enténdese que aquela empresa que conseguise producir máis barato obtería uns maiores beneficios. Nun territorio, a hipótese funcionaría igualmente. Se cadra, habería que incluír no modelo as infraestruturas pola súa incidencia nos custos de distribución. Apliquemos este razoamento a Galicia: cos custos salariais reducidos en termos relativos coa media española –non digamos xa coa media europea– e unha vez se corrixiu en boa parte o déficit de infraestruturas, poderíase pensar que a nosa economía debería tender a medrar por riba da tendencia media. O que non foi tal en absoluto. Claro que se observamos a realidade, xa teríamos sospeitado que esta teórica relación entre custos e competitividade non é tan obvia: Entre os vinte países con maior saldo positivo da balanza comercial (datos da CIA World Factbook, est. 2017) , figuran Alemaña (o 1º), Xapón (o 2º), Corea do Sur (SMA: 1.230€), Países Baixos, Suíza, Italia, Dinamarca, Noruega, Suecia e Israel. No Anexo 1 achéganse cifras concretas de custo por hora traballada de 44 países no cal se pode comprobar que España ocupa o posto 17 nesa clasificación e que os 16 países “máis caros” teñen economías ben máis dinámicas e cos índices de desemprego notablemente inferiores aos de España e Galicia. Concluamos, daquela, que o modelo baseado en custos non explica, cando menos enteiramente, o comportamento dunha economía (mágoa que o goberno español anterior non coñecera estas cifras). Nos anos 90, o economista norteamericano Michael Porter introduciu un modelo contrastado por un exhaustivo estudo dirixido a explicar a competitividade das nacións. Para Porter a prosperidade das nacións –os territorios– descansa na capacidade dos seus sectores para innovar e progresar de modo continuo. As dúas variables clave segundo a investigación de Porter son produtividade e innovación. Xa que logo, este modelo pon o foco no valor engadido antes que nos custos. Porter fala da necesidade de crear o ambiente na economía que favoreza a orientación de acordo ás tendencias de produción e consumo, ao dinamismo interno e ao desafío competitivo constante. Enténdese a innovación como un novo produto, un novo proceso, un novo segmento ou nicho de mercado, unha mellora do servizo, unha nova capacidade, unha nova forma de facer marketing, unha nova tecnoloxía, un xiro na
  • 3. Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 3 xestión… é dicir, como unha práctica de xeral implantación. E máis coma unha filosofía de acumulación, de cambios permanentes, antes que en termos de avances puntuais. Digamos: innovación como pauta común e cotiá de dirección. Ese vén sendo o factor crítico para a competitividade das economías. Como conseguir esas condicións que estimulen a innovación e o aumento da produtividade de xeito continuo? Porter identifica catro conceptos que conforman o seu diamante da competitividade: o primeiro é o aproveitamento dos factores endóxenos, como se crean vantaxes a partir dos elementos internos; o segundo elemento do diamante de Porter é o grao de sofisticación da demanda; o terceiro elemento de competitividade vén sendo a estrutura e estratexia das empresas; e o cuarto a calidade dos provedores. En conxunto, trátase de executar unha estratexia de desenvolvemento e innovación a partir dun esquema de cadea de valor onde se integre cada fase e sector de produción entendida coma un todo. Estratexia integrada ao longo da cadea de valor dunha actividade económica Cun exemplo enténdese mellor seguramente: pensemos na actividade en torno ó leite. Temos a opción de mercar penso nos mercados internacionais, estabular e alimentar as vacas, muxilas e vender o leite a un servizo de recollida; ou temos a opción de formar especialistas no sector agrogandeiro e lácteo, desenvolver un programa continuo de I+D, cultivar a forraxe e os cereais, producir un leite comercializable, deseñar e elaborar produtos lácteos derivados, construír ou penetrar nas canles galegas, españolas e internacionais de distribución para, finalmente, chegar aos distintos segmentos do mercado. Daquela, Porter puña o exemplo de Holanda e a súa primacía no mercado das flores. Hoxe Holanda, cunha superficie comparable á de Galicia (un 35% maior), é o segundo país exportador mundial de alimentos en termos de valor superado unicamente por Estados Unidos. Detrás dese éxito atópase a Wageningen University & Research considerada a institución de investigación agraria máis importante do planeta. Seguiu o modelo económico galego as pautas de Porter? Claramente non, con algunhas poucas honrosas excepcións: o automóbil e as súas empresas auxiliares, que observaron cada un dos elementos estratéxicos anteriores, o sector conserveiro con máis ou menos acerto, e algunha cooperativa do viño (Condes de Albarei), o leite (Feiraco) ou a carne (Coren). O resto do tecido produtivo galego tendeu a ignorar o planteamento do economista norteamericano. Vese en múltiples casos, incluso no Formación I+D Suministro Primera transformación Valor Añadido Segunda transformación Distribución Mk & Ventas
  • 4. Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 4 fenómeno Inditex que non serviu para crear unha rede potente de empresas ao longo da cadea de valor do téxtil e a confección. Lembremos que para Porter, a innovación é o concepto crítico do modelo, un factor directamente dependente do I+D. E que fixo Galicia estas décadas en termos de I+D? Abonda con dar uns datos básicos: o gasto en I+D de Galicia (ano 2016) sobre o PIB foi do 0,87% fronte ao 1,19% da media española. En Euskadi, o gasto foi máis do dobre do galego: 1,89%, e Madrid, Cataluña ou Navarra practicamente duplican o esforzo en I+D de Galicia (1,66; 1,64 e 1,62 respectivamente). Se o comparamos coa media da Unión Europea, a distancia resulta xa estratosférica pois esta é dun 2,03% sobre o PIB europeo, con países como Suecia ou Austria que superan o 3% do gasto en I+D. Deixamos o Anexo 2 para unha comparación detallada. Vexamos como lle foi a Galicia nuns mercados definidos polas variables de competencia que acabamos de repasar. Imos tomar a data da Constitución de 1978 cando se instaurou o Estado autonómico como marco de actuación xeral. Dentro dun país onde existe liberdade de movementos e residencia, a poboación eríxese nunha variable de grande representatividade. Os cidadáns moveranse cara ás zonas cunha maior puxanza. Así pois, comparar os habitantes de cada Comunidade Autónoma entre 1979 y 2018 daranos unha fiel impresión comparativa da marcha de Galicia no conxunto do Estado. No Anexo 3 amósanse as cifras completas cuxa análise conduce ás seguintes conclusións:  Nos corenta anos da comparación, España aumentou un 26% a súa poboación mentres que Galicia decrecía un 3%, a terceira Comunidade cunha peor evolución. Hai crecementos moi notables: Illas Baleares un 85%; Canarias un 65%; Madrid un 45%; Valencia un 40%; Andalucía un 32%. Repito: Galicia perde un 3% da súa poboación nos últimos corenta anos.  En números absolutos, Andalucía ou Madrid gañan máis de 2 millóns de habitantes, Cataluña case 1,7 millóns, Valencia 1,4 millóns; Galicia perde 82.000.  En termos de peso relativo, en 1979 Galicia representaba un 7,5% do total español; en 2018 representa nada máis ca un 5,8%. Podemos matizar esta evolución a partir da renda per cápita das CC.AA. españolas, é dicir, a riqueza comparada de Galicia dentro de Estado español. Outrosí a análise nos ofrece malas novas. No Anexo 4 vese que a media española é un 11% superior á renda por habitante de Galicia; a de Aragón é un 22% maior; a de Cataluña, un 33% superior; a do País Vasco está xa un 47% por enriba de Galicia, e Madrid un 50%. Cifras extremadamente folgadas para tratarse de territorios dentro dun mesmo país. Alén das cifras, a falta dun modelo e unha estratexia axeitados durante estes 40 anos demóstrase á vista da sangría de empresas fundamentais para a economía galega que
  • 5. Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 5 se perderon. No Anexo 5 ofrécese unha listaxe de compañías sobranceiras que deixaron de desenvolver a súa actividade en Galicia, total ou parcialmente. Cómpre subliñar a perda do gran referente en materia de investimento e innovación xa nos anos 80, FENOSA, adquirida por Unión Eléctrica Madrileña, unha compañía máis pequena e sen capacidade de xeración eléctrica; foi esta unha operación que marcou o devalo de Galicia e mostrou a súa falta de poder político. Despois seguiron dolorosas perdas en sectores clave coma o financeiro, telecomunicacións e mesmo en construción civil, así como a grave crise da única empresa galega presente entres as 25 máis innovadoras de España (EU Industrial R&D Investment Scoreboard): Pescanova. Un caso especialmente paradigmático veñen sendo as actividades vinculadas ao rural. Galicia leva décadas de abandono do sector agrogandeiro e amosa unha taxas de aproveitamento da terra inusitadamente baixo. Mentres que en Europa, e boa parte das CC.AA. españolas, a produción agraria medra e se desenvolve vizosa, en Galicia sofre décadas de estancamento e perda de presenza nos mercados. A única estratexia que parece implantarse con determinación foi aumentar a superficie forestal e inzala de eucaliptos, unha decisión política consciente de resultados tráxicos que supuxo a ruína do medio e a paisaxe a partir de explotacións de mínimo valor engadido. Xustamente o contrario do que propuña o modelo de Porter. O novo ecosistema económico: unha oportunidade para Galicia Non cabe dúbida: Galicia debe reaccionar, debe transformar a súa economía se non quere continuar o devalo no que leva instalada demasiadas décadas e que a dirixe aceleradamente cara á insignificancia económica e, xa que logo, tamén á miniaturización política e social. Galicia pesa cada día menos en España e así pois tamén en Europa e no mundo globalizado. O cambio de tendencia ten que vir do cambio de modelo económico e iso empeza por corrixir as gravísimas eivas do tecido produtivo galego que mencionamos no apartado anterior. En primeiro lugar, unha estratexia de transformación e desenvolvemento esixe a actuación –decidida, determinante, urxente– sobre as principais cadeas de valor da economía galega. Hase artellar unha política conxunta na que participen as distintas administracións, as principais empresas, as asociacións empresariais, as cooperativas de produción e as entidades de financiamento (tamén os capitais privados) que se dirixa a corrixir as debilidades existentes en cada unha das fases desas cadeas de valor. Volvamos poñer un exemplo; collamos neste caso os cereais. A súa cadea de valor implica: 1. destino de terras de cultivo 2. o I+D agrario 3. a sementeira do gran e recollida do cereal
  • 6. Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 6 4. a loxística 5. a xeración de valor engadido na concepción dos produtos transformados 6. a fabricación deses produtos 7. a súa distribución e venda cara aos distintos mercados Sen querer facer unha diagnose dos sectores afectados, nin moito menos, e simplemente a modo de exemplo, diriamos que Galicia amosa un déficit absoluto nas catro primeiras fases da anterior cadea de valor (importa case o 100% do cereal que demanda), mentres que presenta unha oferta interesante nalgunhas actividades de transformación de produtos de valor engadido (panificadoras e alimentación animal). Así pois, as principais actuacións nesta cadea de valor haberíanse concentrar na recuperación do cultivo de cereais o cal, por certo, observou un crecemento récord de demanda no mundo en anos anteriores. O agro sírvenos para introducir este concepto ata agora etéreo de “novo ecosistema económico”. De entrada, eu vou recomendar deixar de falar de “sector agrogandeiro” e utilizar termos máis próximos á realidade actual e á nova concepción de desenvolvemento económico. Eu falaría de “agroindustria”, de “agroinnovación”, de “agrotecnoloxía”, de “agro 4.0” nesa idea de esquecer os sectores como entes estancos e integrar as distintas actividades en función do valor engadido que producen. De que trata isto do “novo ecosistema económico” logo? En síntese, sería unha nova forma de producir e relacionarse os axentes económicos a partir duns avances tecnolóxicos que, en función do nivel de escepticismo de cada cal, poderiamos chegar a cualificar de rupturistas o disruptivas. Un novo ecosistema que propicia a metamorfose da propia contorna económica e social. Así empezamos a utilizar este concepto de mundo VUCA no cal a Volatilidade, a Incerteza (Uncertainty), a Complexidade a a Ambigüidade son las variables dominantes. E cales serían esas tecnoloxías disruptivas que poden mudar o sistema económico? En primeiro lugar, temos a eclosión da robótica coma unha nova etapa do proceso universal de automatización. Non pensemos en humanoides mecánicos que nos servirán a comida; referímonos á robótica como a serie de novas técnicas de produción que farán os procesos máis eficientes e máis personalizables. Cando falemos de robots, tendamos a pensar na “robótica industrial”. A carón da robótica, están a xurdir un feixe de tecnoloxías emerxentes que contribuirán a redeseñar o modo en que se conciben moitas das actuais actividades económicas. A impresión 3D, a realidade virtual, o “mobile first” –a vida dentro dun móbil–, a industria dos drons, o uso da voz, a ciberseguridade, o blockchain, ou as tecnoloxías vinculadas a novos materiais como pode ser o grafeno, compoñen un panel de posibilidades cuxo alcance é imposible de determinar.
  • 7. Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 7 Calquera destas tecnoloxías multiplicará a súa capacidade de influencia a través da intelixencia artificial, que é basicamente a habilidade das máquinas para pensar e decidir de seu a partir de experiencias pasadas aplicables. Ata agora, un proceso adoitaba dividirse en dúas partes: a análise e toma de decisión, que exercía unha persoa, e a execución que se levaba a cabo coa axuda das máquinas. Agora é a propia máquina a que pode tomar a decisión e, normalmente, cun maior nivel de acerto. Eis o impacto previsiblemente extraordinario da intelixencia artificial en cada actividade económica. Outro novo factor que volve multiplicar as consecuencias das tecnoloxías emerxentes é o que se coñece como big data. Cada microsuceso que acontece ao noso redor pode ser rexistrado mediante sensores para ser almacenado e parametrizado de modo que a realidade se pode descompoñer e analizar mediante millóns e millóns de datos empíricos. As posibilidades para detectar melloras u oportunidades, para optimizar decisións de produción ou consumo, a partir do tratamento intelixente desta enorme cantidade de información, semellan infinitas. Un obxecto de traballo do big data é a propia persoa. Nós, mulleres e homes, xeramos millóns de datos cada día en función da actividade do noso corpo e de noso cerebro. Se a este fenómeno engadimos o desenvolvemento da xenómica, temos as bases para transformar absolutamente o xeito de comportarnos, de alimentarnos, de divertirnos, de coidarnos, etc.. Así pois, as nosas pautas de consumo tenderán a ser ben máis diferenciadas e variables. Tenderemos tamén a vivir máis e mellor. Os cidadáns na súa faceta de consumidores poden así mesmo modificar radicalmente a súa relación cos provedores de servizos mediante unha tecnoloxía que permite a súa agrupación e organización. Falamos da economía colaborativa na que son os propios cidadáns os que resolven as súas necesidades a través de comunidades de usuarios –o chamado peer to peer– sen necesidade dunha empresa que llela satisfaga. A todos nos soan iniciativas como ebay, segundamano, groupalia, uber, airbnb, kickstarter ou bitcoin e o efecto nada desbotable que xa están a causar. As novas posibilidades de comunicación, xa sexa entre cidadáns, entre empresas ou entre empresa e cliente, supoñen unha auténtica revolución. As redes sociais constitúen un exemplo de autoxestión da información que representa un desafío non so para os medios de comunicación senón tamén para calquera empresa na súa función esencial de chegar ata os seus clientes actuais ou potenciais. E o xeito de relacionarnos coa Natureza, o modo como tratamos o planeta unha vez tomada conciencia dos graves danos que lle levamos infrinxindo nas últimas décadas, sería un último elemento deste novo ecosistema económico que vai moldear, que está moldeando xa, a sociedade de cada país, a sociedade no mundo. A economía será sustentable –mesmo circular– ou non será; simplemente.
  • 8. Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 8 A cuestión clave que xustifica que falemos dun novo ecosistema económico é que cada un dos elementos que describimos anteriormente resulta susceptible de influír en cada fase de cada unha das cadeas de valor que configuran unha economía, así como no modo de relacionarse entre os distintos axentes. Todo está en revisión. Pensemos, por exemplo, nos programadores, esas figuras que se converteron nun dos eixos críticos do novo ecosistema. Dada a cantidade e variedade de tecnoloxías emerxentes, a maioría de empresas e sectores vense sobrepasados polas opcións ás que se enfrontan. Para a maioría, dispoñer da estrutura técnica que precisarían resultará pouco menos ca imposible. Velaí a eclosión dos chamados freelances, profesionais independentes que traballan por proxectos e intervalos temporais determinados. Calcúlase que nos vindeiros anos, o 40% dos profesionais de servizos en Estados Unidos serán freelances, o cal representa nada máis un dos grandes movementos que está a provocar o novo ecosistema económico. Aquí temos igualmente un enorme desafío para a formación dos profesionais, que de súpeto queda obsoleta ante a velocidade de desenvolvemento das tecnoloxías emerxentes. Precísanse milleiros de formadores especializados e tamén novos programas educativos a tódolos niveis, xa sexa dentro ou fóra do ensino regulado e oficial. Os territorios que antes albisquen a necesidade de cubrir esta demanda terán dado un paso importante na súa competitividade. A interacción deste conxunto de factores, todos eles significativos, todos eles transcendentes, vai colocar a Cooperación como competencia crítica para a supervivencia das empresas e das economías nacionais. Isto é así en especial para aquelas economías sen empresas de tamaño relevante, como é a galega. Fóra do grupo Inditex –a grande excepción que tantas miserias da economía galega consegue agochar–, Galicia tan so pode presentar a factoría de Citröen en Vigo na clasificación de 150 maiores empresas españolas. Mais a Cooperación en rede imponse para calquera tipo de sector, actividade ou empresa, sexa esta grande, mediana ou pequena. Así vemos o exemplo do coche eléctrico que está a provocar grandes alianzas entre o sector do automóbil e as grandes compañías de tecnoloxía (ex. BMW – Intel). Cooperación que será vertical, como en este caso, ao longo da cadea de valor, tamén horizontal entre empresas da mesma fase ou sector, e mesmo, por suposto, entre territorios. Eis para Galicia a importancia de retomar a Eurorrexión Galicia-Portugal ou o Eixo Atlántico noutros tempos tan aparentemente activo. Ao longo deste relatorio, coido ter demostrado que Galicia debe reaccionar ante unha evolución que semella condenala ao devalo permanente e a súa xibarización final. A nova contorna económica ofrece unha oportunidade para reverter esta situación. Pero
  • 9. Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 9 necesitamos a concienciación colectiva de que o país require un cambio total, unha política de relanzamento sobre os seus factores endóxenos e unha estratexia creativa de transformación económica a partir das tendencias xerais que acabamos de repasar e que esixen confiar en dous piares básicos: Innovación e Cooperación. Marcelino Fernández Mallo www.linkedin.com/in/marcelino-fernandez-mallo https://www.facebook.com/Marcelino.Fernandez.Mallo https://es.slideshare.net/MarcelinoLFernndezMallo @pallarego
  • 10. Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 10 Anexo 1: Coste en € por hora traballada na industria manufactureira (fonte: Instituto da Economía Alemana) 1. Suiza 53,51 22. Chipre 12,82 2. Noruega 48,54 23. Portugal 11,27 3. Dinamarca 43,99 24. Eslovaquia 10,63 4. Bélgica 43,21 25. Estonia 10,56 5. Suecia 42,05 26. Rep. Checa 10,15 6. Alemania 39,98 27. Croacia 8,78 7. Francia 38,05 28. Hungría 8,25 8. Finlandia 37,03 29. Brasil 7,86 9. Austria 36,65 30. Polonia 7,67 10. Países Bajos 35,65 31. Lituania 7,16 11. EE.UU. 35,60 32. Letonia 7,14 12. Irlanda 31,67 33. Turquía 6,57 13. Italia 27,54 34. China 6,32 14. Canadá 27,37 35. Méjico 4,81 15. Reino Unido 26,89 36. Rumania 4,76 16. Japón 25,78 37. Rusia 4,51 17. España 22,78 38. Bulgaria 3,73 18. Australia 22,73 39. Bielorrusia 3,25 19. Corea 22,73 40. Georgia 2,31 20. Eslovenia 15,67 41. Ucrania 1,88 21. Grecia 14,60 42. Filipinas 1,84
  • 11. Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 11 Anexo 2. Gasto de I+D por territorios I+D Sobre PIB 2016 01 Andalucía 0,92 02 Aragón 0,89 03 Asturias, Principado de 0,74 04 Balears, Illes 0,33 05 Canarias 0,47 06 Cantabria 0,84 07 Castilla y León 1,10 08 Castilla - La Mancha 0,57 09 Cataluña 1,64 10 Comunitat Valenciana 0,99 11 Extremadura 0,60 12 Galicia 0,87 13 Madrid, Comunidad de 1,66 14 Murcia, Región de 0,94 15 Navarra 1,62 16 País Vasco 1,89 17 Rioja, La 0,84 España 1,19 UE 2,03 China 2,07 EE.UU. 2,79 Austria 3,09 Suecia 3,25 Japón 3,29 Fonte: Informe COTEC a partir de datos INE
  • 12. Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 12 Anexo 3: Evolución 40 anos poboación CC.AA. españolas (desde instauración Estado autonómico) Fonte: Instituto Nacional de Estadística Poboación 01/01/1979 01/01/2018 Variación Peso persoas % 01/01/1979 01/01/2018 01 Andalucía 6.358.248 8.409.738 2.051.490 32,3% 17,2% 18,0% 02 Aragón 1.190.997 1.313.463 122.466 10,3% 3,2% 2,8% 03 Asturias, Principado de 1.116.858 1.027.659 -89.199 -8,0% 3,0% 2,2% 04 Balears, Illes 631.517 1.166.603 535.086 84,7% 1,7% 2,5% 05 Canarias 1.321.454 2.177.155 855.701 64,8% 3,6% 4,7% 06 Cantabria 505.322 581.403 76.081 15,1% 1,4% 1,2% 07 Castilla y León 2.606.193 2.418.694 -187.499 -7,2% 7,0% 5,2% 08 Castilla - La Mancha 1.667.593 2.033.169 365.576 21,9% 4,5% 4,4% 09 Cataluña 5.803.725 7.488.207 1.684.482 29,0% 15,7% 16,0% 10 Comunitat Valenciana 3.533.932 4.946.020 1.412.088 40,0% 9,5% 10,6% 11 Extremadura 1.087.567 1.070.586 -16.981 -1,6% 2,9% 2,3% 12 Galicia 2.785.437 2.703.290 -82.147 -2,9% 7,5% 5,8% 13 Madrid, Comunidad de 4.521.712 6.549.979 2.028.267 44,9% 12,2% 14,0% 14 Murcia, Región de 932.091 1.475.568 543.477 58,3% 2,5% 3,2% 15 Navarra 502.472 643.864 141.392 28,1% 1,4% 1,4% 16 País Vasco 2.100.970 2.171.131 70.161 3,3% 5,7% 4,7% 17 Rioja, La 250.223 312.830 62.607 25,0% 0,7% 0,7% 18 Ceuta 64.606 85.219 20.613 31,9% 0,2% 0,2% 19 Melilla 54.802 84.721 29.919 54,6% 0,1% 0,2% España 37.035.719 46.659.299 9.623.580 26,0% 100,0% 100,0%
  • 13. Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 13 Anexo 4: Renda per cápita das CC.AA. españolas Posición Comunidade Autónoma PIB per cápita (en euros) 1 Madrid, Comunidad de 33.809 2 País Vasco 33.088 3 Navarra, Comunidad Foral de 30.914 4 Cataluña 29.936 5 Aragón 27.403 6 Rioja, La 26.044 7 Balears, Illes 25.772 - Media España 24.999 8 Castilla y León 23.555 9 Cantabria 22.513 10 Galicia 22.497 11 Comunitat Valenciana 22.055 12 Asturias, Principado de 22.046 13 Murcia, Región de 20.585 14 Canarias 20.425 15 Castilla-La Mancha 19.681 16 Andalucía 18.470 17 Extremadura 17.262 Fonte: Instituto Nacional de Estadística
  • 14. Marcelino F. Mallo XII CONGRESO AIEG 14 Anexo 5: Perda Empresas transcendentes nas últimas décadas Sector Empresa Circunstancia Enerxía FENOSA Absorbida por Unión Eléctrica Madrileña Financeiro Banco Pastor Absorbido por Banco Popular Financeiro Banco Gallego Absorbido por Banc Sabadell Financeiro Caixa Galicia e Caixanova Actualmente Abanca Teleco Comunitel Absorbida por Vodafone Teleco R Telecomuncacións Absorbida por Euskaltel Tecnoloxía Softgal Absorbida por Tecnocom Tecnoloxía Blu:sens Liquidación Biotech Grupo Zeltia Traslado a Madrid Construción FADESA Adquirida por Martinsa Construción Invertaresa Liquidación Moble Grupo Tecam Liquidación C. Naval Factoría Naval de Marín Liquidación Téxtil Caramelo Liquidación Téxtil Unicén Liquidación Téxtil Viriato Liquidación Téxtil Montoto Liquidación Téxtil Toypes Liquidación Téxtil Guerral Liquidación Téxtil Zara online Implantación en Irlanda Conservas Bernardo Alfageme Liquidación Distribución Vegalsa Absorbida por Eroski Audiovisual Dygra Films Liquidación Audiovisual Continental Liquidación Comunicación A Nosa Terra Liquidación Armas Fábrica de armas Santa Bárbara En estado agónico dende hai anos Tabaco Fábrica de Tabacos Coruña Peche