1. Conecta Coruña <conectacoruna@conectacoruna.com>
LUNS 4 Recitáis poéticos
CICLO POETAS DI(N)VERSOS
A cita mensual no Agora co mellor da poesía
contemporánea de dentro e fóra de Galicia este
luns 4 de febreiro .
O fío condutor que adoita unir a dous autores da
poesía en galego e do resto do mundo, podería
pasar por certas temáticas comúns ao monfortino
Antón Lopo e o esloveno Brane Mozetič. Estas
pasarían pola utilización do corpo e o desexo
homoerótico como campo de acción política e
sexual.
Antón Lopo é un dos máis sobranceiros
xornalistas culturais do país, ademais de autor de
poesía, novela, biografías, traducións e teatro.
Mereceu galardóns coma o Esquío, o García Barros
ou o Álvaro Cunqueiro, e no seu traballo poético
mestura a escrita coa oralidade e a performance,
producindo pezas de potente proxección escénica.
Brane Mozetič naceu en Ljubljana, onde reside e
traballa como coordinador editorial, tradutor, xestor
cultural e director do ‘Centro para a promoción
exterior da literatura eslovena’. Tamén editor de
máis de cen autores/as de temática lgtb, e
comisario do Festival de Cinema Gay-Lésbico da
súa cidade dende hai máis de 20 anos, Mozetič é o
máis importante activista gay do seu país, ademais
de autor de trece poemarios e tres libros de
narrativa, contando ata trinta obras propias
publicadas -en tradución- no estranxeiro.
O recital, conducido pola directora do ciclo –a poeta
e dinamizadora cultural Yolanda Castaño- non
excederá a duración dunha hora e contará unha vez
máis con traducións ao galego realizadas para a
ocasión. Será, tamén coma sempre, gratuíto e
aberto a todo o público interesado, que ademais
poderá aproveitar para adquirir exemplares dos
autores convidados ou solicitarlles a súa sinatura.
Dirección: Yolanda Castaño
Hora: 20:30 h.
Entrada: libre ata completar aforo
www.centroagora.es
Antón Lopo
Brane Mozetič