SlideShare a Scribd company logo
Presentación
Actividade de educación ambiental en forma de exposición divulgativa sobre a biodiversidade
vexetal. Dirixida ao alumnado de 12 a 18 anos que en Galicia corresponde ao ensino
secundario obrigatorio e o bacharelato e en Portugal cobre o terceiro ciclo da educación
escolar e o ensino secundario.
A exposición proporciona información variada sobre a diversidade vexetal en Galicia e o
norte de Portugal e está organizada arredor de tres núcleos principais:
- A biodiversidade e os seus condicionantes
- As especies ameazadas e as ameazas
- Accións para a conservación das plantas ameazadas
Estes núcleos principais complétanse cunha última área onde queremos recoller as opinións,
pensamentos e ideas que a exposición motiva nas persoas que a visitan.
O documento que estás a ler serve de apoio aos contidos da exposición e inclúe varias
actividades para desenvolver antes e despois da visita á exposición. A nosa intención é que
estas actividades lles sirvan aos educadores/as para poder integrar esta exposición na
programación da aula, non só como unha actividade puntual, senón tamén como un proxecto
educativo e de investigación arredor da biodiversidade vexetal.
No enderezo web www.biodiversidade.eu, plataforma dixital do proxecto BIODIV-GNP,
encontrarás información máis completa e actualizada, ademais doutros recursos útiles.
Obxectivos e competencias
Esta exposición é unha actividade de educación ambiental e, como tal, pretende contribuír a
que as persoas e comunidades tomen conciencia do medio natural e, ao mesmo tempo,
adquiran coñecementos, valores, destrezas, experiencia e tamén a determinación que as
capacitará para actuar, individual e colectivamente, na prevención e afrontamento dos riscos
ambientais presentes e futuros. Máis concretamente, son obxectivos desta exposición os
seguintes:
- Concienciar sobre os valores da biodiversidade vexetal e as ameazas que sofre en
Galicia e no norte de Portugal.
- Divulgar o proxecto BIODIV-GNP e, en especial, as ferramentas públicas que estarán
dispoñibles no seu web.
A exposición está dirixida ao alumnado, polo que tamén se teñen en conta as diferentes
competencias básicas no currículo escolar. De xeito xeral, as competencias máis ligadas a esta
exposición e ao proxecto BIODIV-GNP son:
- Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico
- Tratamento da información e competencia dixital
- Competencia social e cidadá
Para máis información sobre educación ambiental e competencias básicas pódense consultar
os seguintes documentos:
- Estratexia Galega de Educación Ambiental:
http://www.sgea.org/documentos/000117_egea.pdf
- Presentación da Xunta de Galicia sobre competencias:
http://www.slideshare.net/guest5795fb9/competencias-basicas-presentation-856074
Fichas de actividades
Nas seguintes páxinas preséntanse as fichas das diferentes actividades propostas. En cada
actividade sinálanse:
- Xustificación e presentación da actividade
- Obxectivos e competencias básicas que se traballan
- Duración proposta (número de sesións) e organización temporal (antes ou despois da
visita á exposición)
- Material necesario
- Desenvolvemento da actividade
- Recursos adicionais
Moitas das actividades teñen uns contidos transversais, relacionados non só coa área de
ciencias naturais, senón tamén coas áreas de linguas, matemática, xeografía..., o que posibilita
traballar en diferentes disciplinas.
1.O teu nome nunha planta
Xustificación: ademais dos nomes que os seres vivos teñen en cada lingua (nome
vernáculo), todos os organismos vivos posúen un nome científico, que consiste en dúas
palabras en latín e escritas en letra cursiva. A primeira palabra indica a que xénero (unha
categoría taxonómica) pertence ese organismo e a segunda palabra identifica a especie dentro
do xénero.
Por exemplo: Pinus pinaster (piñeiro bravo ou piñeiro do país) pertence ao xénero Pinus, no que tamén
temos Pinus pinea (piñeiro manso ou piñeiro cernil), Pinus halepensis (piñeiro do Alepo), Pinus sylvestris
(piñeiro silvestre) e outros.
Esta nomenclatura binomial foi establecida polo científico Carlos Lineu a finais do século XVIII.
Hoxe é de uso xeneralizado, de maneira que todos os organismos vivos teñen un nome
científico único, inconfundible e universal (igual para todas as linguas).
Por exemplo, o carballo (galego-portugués) ten moitos nomes noutras linguas: roble (español), chêne
(francés), oak (inglés), roure pènol (catalán) ou stieleiche (alemán), pero só un nome científico: Quercus
robur.
Existen normas para darlle o nome científico a unha nova especie. Algunhas veces eses
nomes son unha homenaxe a un científico singular. Por exemplo, a Armeria merinoi leva o seu
nome en honor a Baltasar Merino (1845-1917), botánico autor da primeira (e única) flora de
Galicia; ou a Ornithogalum broteroi, dedicada a Félix de Avelar Brotero (1744-1828), pai da
botánica en Portugal que publicou en 1804 a Flora lusitánica, primeiro inventario da flora
portuguesa.
Na rede:
- Máis información de Brotero: http://cvc.instituto-camoes.pt/ciencia/p6.html
- Máis información de Merino: http://gl.wikipedia.org/wiki/Baltasar_Merino
A distinción entre especies de plantas faise tradicionalmente de acordo coa súa morfoloxía e
outras características do ciclo vital (p. ex. época de floración), aínda que en tempos recentes
outro tipo de caracteres (número de cromosomas ou análise do ADN) están a ser máis
utilizados.
E se por un momento xogamos a ser científicos? Acabamos de descubrir unha nova especie
de planta! Como é? Que nome lle pomos? Que propiedades ten?
Desenvolvemento da actividade:
- Organizar o alumnado en pequenos grupos.
- Presentar o concepto de nome científico.
- Entregar a cada grupo follas con deseños de diferentes formas de follas, flores,
froitos... (ver sección de recursos).
- Convidar a cada grupo a que imaxine (e deseñe en papel) a súa propia especie de
planta, o seu caule, as súas follas e flores, os seus froitos, e que invente o seu nome.
Optativo:
- En lugar de entregar papeis con deseños de follas, caules, raíces..., pódese programar unha
saída ao patio da escola e facer unha recollida de material vexetal e logo usalo como modelo.
Obxectivos
- Facer unha aproximación á nomenclatura científica.
- Observar a enorme diversidade morfolóxica que existe nas
plantas.
- Estimular a imaxinación e a creatividade.
Competencias
- Competencia en comunicación lingüística.
- Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico.
- Competencia cultural e artística.
- Competencia para aprender a aprender.
Duración
aproximada
Unha sesión (preferiblemente antes da visita á exposición).
Material necesario
Fichas impresas con esquemas de diferentes tipos de raíces,
caules, follas, flores... ou ben dispoñibilidade de acceso á internet
para consultar imaxes.
Recursos
Ligazóns onde se poden ver deseños e fotografías de diferentes
formas de follas, caules, flores, cores...
- http://plants.ifas.ufl.edu/education/images/a_glossary_leaf_s
hapes.jpg
- http://www.vplants.org/plants/glossary/plate01.html
- https://charge.wisc.edu/botany/sales.asp - posters
2.Plantas no prato
Xustificación: un dos principais valores das plantas para o ser humano é o da nutrición, de
maneira que a poboación mundial obtén o 95 % da súa alimentación de 30 especies vexetais.
Tres delas (millo, trigo e arroz) supoñen o 60 %. Cada unha das plantas cultivadas para a
alimentación “domesticouse” a partir de exemplares silvestres nunha rexión do mundo (p. ex., o
millo no sur de México e América Central), pero agora moitas delas cultívanse e/ou transpórtanse
fóra desa rexión.
Partindo das preguntas “e nós que comemos?” e “temos unha dieta “internacional”?”
propoñemos unha pequena actividade de investigación.
*Desenvolvemento da actividade:
1.ª sesión
- Organizaremos o alumnado en pequenos grupos.
- Cada grupo terá que pensar sobre as cousas que comeu o día anterior nas tres
principais comidas (almorzo, xantar e cea) e cales deses alimentos eran plantas. Cada
grupo fará unha listaxe coas plantas que consumiu. As plantas poden ser consumidas
crúas (ensalada, zume...) ou preparadas (anaco de pan, cereais do almorzo,
chocolate...). Pódese dar para isto 15-20 minutos.
- Despois, unha ou dúas persoas por grupo irán lendo a súa listaxe e farase unha lista
común para a aula. Esta posta en común pódese aproveitar para resolver dúbidas.
- Cos resultados para toda a aula pódese elaborar un panel.
Optativo:
- Podemos agrupar as especies en categorías. Por exemplo: cereais, raíces ou tubérculos, froitas
e verduras, aceites.
- Dependendo do nivel educativo, pódese contar tamén o número de persoas que consumiran un
determinado vexetal e calcular que porcentaxe constitúe cada categoría (ou cada vexetal) sobre
o total. Por exemplo: o 35 % do total de vexetais consumidos foron cereais, o 12 % foron aceites
etc.
2.ª sesión
- Organizaremos o alumnado en pequenos grupos.
- Dividiremos a listaxe da sesión anterior, dándolle a cada grupo unha parte da lista.
- Cada grupo terá que procurar a área de orixe de cada planta. Esta busca pódese
facilitar empregando a rede.
- Haberá unha posta en común dos resultados, que se pode facer empregando un
mapamundi mudo e escribindo o nome de cada planta sobre a rexión na que se iniciou
o cultivo desta.
- Para rematar esta sesión pódese falar do traballo do científico ruso Nikolai I. Vavilov,
quen a comezos do século XX identificou oito centros primarios de orixe das plantas
cultivadas, que son áreas nas que o ser humano comezou o cultivo de plantas
(domesticou) a partir de parentes silvestres. Poderiamos subliñar que o ser humano
dispón agora de millo, trigo ou arroz grazas a que na natureza existían plantas
silvestres que puideron ser domesticadas. A biodiversidade foi imprescindible para a
orixe da agricultura.
Obxectivos
- Reflexionar sobre o papel das plantas na nosa vida e na nosa
alimentación.
- Coñecer a orixe das plantas cultivadas.
Competencias
- Competencia matemática.
- Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico.
- Tratamento da información e competencia dixital.
- Competencia para aprender a aprender.
- Autonomía e iniciativa persoal.
Duración
aproximada
Dúas sesións (para a segunda é preferible ter acceso á internet),
preferentemente antes da visita á exposición.
Material
necesario
- Papel grande para a elaboración dun panel.
- Mapamundi impreso en A3 sobre o que se poidan pintar as áreas
de orixe das plantas cultivadas; como alternativa pódese imprimir un
mapa dos centros de orixe de Vavilov (ver recursos).
- Dispoñibilidade de acceso á internet.
Recursos
- Aínda que na rede existen moitos lugares onde buscar, nesta ligazón
http://www.fao.org/docrep/u8480e/u8480e07.htm pódese ver
información sobre a orixe de moitas plantas de cultivo. É un
documento da FAO (Organización das Nacións Unidas para a
Agricultura e a Alimentación) que forma parte dun libro que celebra os
50 anos deste organismo.
- Mapa dos centros de orixe de Vavilov:
http://en.wikipedia.org/wiki/File:Vavilov-center.jpg.
3.Reflexionando sobre a beleza
Xustificación: ademais do valor material ou produtivo, as plantas teñen un valor estético
que todas as persoas precisamos. É esa a sensación que toda persoa experimenta cando olla
unha paisaxe bela, da que habitualmente as plantas son unha parte moi importante. Propomos
unha actividade de reflexión sobre a beleza.
Velaquí algunhas preguntas que nos poderiamos facer: as paisaxes naturais son belas? E as
paisaxes artificiais? E as paisaxes degradadas? Que sinto/sentimos ante cada unha desas
situacións? Cal é o meu/noso ideal de beleza? Temos todas/os o mesmo ideal de beleza?
Velaquí algunhas imaxes ilustrativas:
1. Paisaxe do Courel (fonte: FlickR, Xoán Piñón). / 2. Canteira no Courel (fonte: SOS Courel)
3. Porto (fonte: wikimedia commons) / 4. Tokyo (fonte: wikimedia commons).
*Desenvolvemento da actividade:
- Presentaremos a actividade e convidaremos a que cada alumno/a imaxine e plasme
nun papel, empregando se quere as pinturas, o lugar máis belo onde lle gustaría vivir
ou estar.
- Cada alumno/a presentará a súa creación por quendas, describindo as razóns da
beleza de cada un dos lugares.
- Presentaremos as diferentes fotografías e podemos abrir un debate para falar sobre cal
delas é máis semellante á idea de beleza plasmada nos deseños do alumnado.
Proposta opcional 1: pódese completar este tema cunha exposición fotográfica (física ou
virtual/powerpoint) elaborada con imaxes de lugares belos e lugares feos ou degradados do
municipio ao que pertence a escola ou instituto, tomadas polo propio alumnado.
Proposta opcional 2: pódese elaborar “o meu mapa emocional”, coas paisaxes/zonas
favoritas, invitando a fotografarse nos lugares con significado persoal e emocional, xunto ás
persoas que relacionamos con estes espazos especiais. Pódese elaborar tamén unha
presentación ou exposición.
Ambas as propostas poden complementarse cunha pequena investigación, cubrindo unha ficha
didáctica coas principais características: nome do lugar, situación xeográfica, motivo polo que
foi escollido, principais valores (especies, recursos da zona...), problemas ambientais
observados etc.
Obxectivos
- Reflexionar sobre o valor emotivo das plantas e das paisaxes.
- Estimular as habilidades creativas.
Competencias
- Competencia en comunicación lingüística.
- Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico.
- Competencia social e cidadá.
- Competencia cultural e artística.
- Autonomía e iniciativa persoal.
Duración
aproximada
Unha sesión
Material necesario
- Papel e pintura de cores.
- Fotografías ou imaxes de paisaxes “naturais”, paisaxes urbanas e
paisaxes destruídas/degradadas (minería, chatarras...).
4.Plantas no mapa
Xustificación: as plantas teñen un papel nas sociedades humanas, ben como provedoras
de recursos (fonte de alimento, fibras, materiais de construción ou combustible) ou polo seu
valor emocional, simbólico ou cultural. Unha mostra disto son os fitotopónimos, nomes comúns
de plantas usados en moitos topónimos (nomes propios de vilas, aldeas...) e tamén en
microtopónimos (nomes de camiños, de fontes, de terras de cultivo...).
Aproveitando os recursos xeográficos dispoñibles na rede (ver sección de recursos) ou ben
mapas topográficos en papel, propomos nesta actividade explorar os topónimos dunha zona
(por exemplo, o municipio ao que pertence a escola) procurando nomes de plantas (p. ex., en
Compostela hai unha parroquia chamada Figueiras) ou de formacións da vexetación (p. ex., hai moitos
lugares co nome de Souto). Completaremos a nosa busca cunha investigación fóra da aula,
preguntándolles á familia e aos veciños por microtopónimos relacionados coa flora.
*Previamente á sesión:
Previamente á sesión, entregaremos a cada alumno unha copia do mapa topográfico (reducida
ou só en anacos do mapa) correspondente ao municipio: animaremos a que o alumnado
pregunte á familia e aos veciños por fitotopónimos e que, a ser posible, marque a súa
localización no mapa.
*Desenvolvemento da actividade:
- Organizaremos a aula en pequenos grupos.
- Dividiremos a área do municipio entre todos os grupos.
- Cada grupo irá ollando o mapa (dixital ou en papel), procurando e anotando topónimos
relacionados coa flora e a vexetación.
- Farase unha posta en común para toda a clase das dúas investigacións (dentro e fóra
da aula).
- Pódese comentar cales son as plantas que aparecen (son plantas silvestres ou
cultivadas? Son plantas “útiles” ou “daniñas”?).
- Como conclusión gráfica, propomos que nun papel grande onde están marcados os
límites do municipio cada grupo vaia situando e escribindo os nomes dos fitotopónimos.
Obxectivos
- Recoñecer o valor simbólico das plantas na sociedade e na
cultura.
- Ter contacto con información xeográfica, en papel ou en soportes
dixitais (plataformas de visionado de mapas e fotografía aérea).
- Coñecer mellor o noso contorno máis próximo.
Competencias
- Competencia matemática.
- Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico.
- Tratamento da información e competencia dixital.
- Competencia social e cidadá.
- Competencia cultural e artística.
- Autonomía e iniciativa persoal.
Duración
aproximada
Unha sesión
Material
necesario
- Follas de mapa topográfico (escala 1:25 000) que correspondan
ao municipio ao que pertence o centro ou ben dispoñibilidade de
acceso á internet (preferiblemente con ordenador de aula) para
poder consultar mapas dixitais.
- Fotocopias en papel do mapa topográfico para a investigación
fóra da aula.
- Papel grande para poder elaborar un panel de conclusión.
Recursos
Ligazóns onde se poden consultar os mapas topográficos de Galicia
e de Portugal.
- http://signa.ign.es/signa/
- http://mapas.igeo.pt/igp/igp.phtml
5.Herbas de poesía
Xustificación: os poetas teñen nas plantas unha fonte de inspiración, ben na beleza das
flores…:
“Sonhei com lúcidos delírios
À luz de um puro amanhecer
Numa planície onde crescem lírios
E há regatos cantantes a correr.”
Sophia de Mello Breyner Andresen (Portugal 1919-2004)
ou ben nas paisaxes e inmensidade dos bosques:
Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home.
Augas brancas da Rogueira!
Bouzas pechas d'uces e xestas!
Abrairas teixos faias xardois e reboleiras!
Outo bosco calado!
Fontiñas do corzo!
Carrozos de picafondo!
Non hai outro tempo máis vasto
nin outro credo
que este silencio
Uxío Novoneyra (Galicia, 1930-1999).
Nesta actividade propomos unha aproximación á poesía e ás plantas empregando haikus. Os
haikus (no Brasil, hikai) son un tipo de poemas curtos tradicionais de Xapón relacionados coa
natureza (as estacións, as plantas...). Teñen unha estrutura de só tres versos sen rima.
Velaquí un exemplo:
Porque não sabemos o nome
Tenho de exclamar apenas:
“Quantas flores amarelas!”
Paulo Franchetti (Brasil, 1954)
*Desenvolvemento da actividade:
Presentaremos un panel/diapositivas con fotografias lindas de plantas, flores ou
paisaxes naturais; ou daremos enderezos para procurar imaxes na rede
- Motivaremos o alumnado para que faga as súas propias obras.
- Compartiremos as creacións lendo por quendas.
Obxectivos
- Recoñecer o valor simbólico das plantas nas artes.
- Estimular a creatividade e a expresión artística.
Competencias
- Competencias en comunicación lingüística.
- Competencia social e cidadá.
- Competencia cultural e artística.
- Autonomía e iniciativa persoal.
Duración
aproximada
Unha sesión
Material
necesario
- Papel
- Opcionalmente, pódese preparar un panel (ou un grupo de diapositivas) con
imaxes bonitas de plantas e vexetación (ver recursos).
- Opcionalmente, pódense buscar poemas sobre plantas (ver recursos).
- Como alternativa, pódese dar acceso á internet para procurar imaxes
bonitas (ver recursos).
Recursos
- Grupos de Flickr dedicados á botánica e ás flores dos cales
podemos tirar fotografías:
- http://www.flickr.com/groups/48889066957@N01/pool/
- http://www.flickr.com/groups/plantimages/pool/
- http://www.flickr.com/groups/flowercloseups/pool/
- Ligazón a unha páxina con diversos haikus de poetas do Brasil e
outros países de América do Sur: http://seabra.com/haikai/
6.Plantas e contaminación
Xustificación: o solo serve de soporte físico para as plantas. Ademais, do solo as plantas
toman a auga e diferentes elementos químicos necesarios para o seu desenvolvemento.
Existen diferentes tipos de solo, en función de diversas variables: material de orixe, contido de
materia orgánica, temperatura ambiental, humidade... Moitas plantas teñen preferencia por
solos cunhas determinadas propiedades.
Un exemplo extremo disto son as plantas serpentinófitas (como Santolina melidensis, Armeria eryophylla
ou Alyssum serpyllifolium subsp. lusitanicum, as tres endémicas de Galicia e o norte de Portugal),
especies capaces de crecer sobre solos pobres en nutrientes, pero ricos en metais pesados (como Ni, Cr
ou Co).
Porén, diversas accións humanas afectan as condicións e a fertilidade dos solos, alterando ou
facendo imposible o crecemento das plantas.
Nesta actividade presentamos un experimento no que poder observar os efectos da
contaminación do solo sobre as plantas.
Desenvolvemento da actividade:
Presentación teórica
- Temos unha hipótese: a contaminación do solo afecta o crecemento das plantas.
- Para testar esta hipótese imos facer crecer sementes de plantas en dous grupos de
vasos cuxa única diferenza é a presenza ou ausencia de contaminación; para iso é moi
importante que o resto dos factores sexa igual en todo o experimento. Se é posible, os
vasos deben ser iguais, deben conter a mesma cantidade de substrato, debemos regar
coa mesma cantidade de auga e en cada vaso colocaremos o mesmo número de
sementes.
- Observaremos os resultados do experimento e tentaremos extraer conclusións del.
Sesión inicial
- Dividiremos os vasos en dous grupos: “control” e “contaminado”. Marcaremos cada
grupo con diferentes etiquetas ou adhesivos.
- Encheremos os vasos “control” co substrato.
- Mesturaremos substrato con sal de cociña (se usamos vaso de iogur, podemos engadir
unha cullerada de sopa chea de sal para cada vaso) para obtermos substrato
“contaminado”. Encheremos con este substrato os vasos “contaminado”.
- Colocaremos en cada vaso dúas sementes (se é lentella ou grelo/col) ou unha semente
(se é ervella).
- Engadiremos auga e deixaremos todos os vasos sobre a bandexa nun lugar iluminado
da aula, non moi preto dos calefactores. Debemos manter a terra dos vasos húmida.
NOTA: para favorecer a xerminación das sementes, podemos deixalas nun algodón con auga o día
anterior ao comezo do experimento.
Seguimento
Unha vez por semana observaremos os vasos, tomando datos do número de sementes
xerminadas en cada vaso e do estado de desenvolvemento das plantas (p. ex. número de
follas, lonxitude dos caules...). A información pódese recoller en táboas coma estas:
Táboa 1: número de sementes xerminadas
Vaso / Semana Semana 1 Semana 2 Semana 3 Semana 4
Vaso 1
Vaso 2
...
Vaso n
Táboa 2: altura da pranta (cm)
Vaso / Semana Semana 1 Semana 2 Semana 3 Semana 4
Vaso 1
Vaso 2
...
Vaso n
Táboa 3: número de follas.
Vaso / Semana Semana 1 Semana 2 Semana 3 Semana 4
Vaso 1
Vaso 2
...
Vaso n
- Despois das nosas observacións, recolocaremos os vasos rotando as súas posicións
na bandexa.
Sesión final
- Tentaremos responder á nosa pregunta inicial: a contaminación afectou o crecemento
das plantas?
- Para iso compararemos os datos dos dous grupos de plantas (“control” e
“contaminado”) procurando diferenzas entre eles:
o Diferenzas no tempo que tardaron en xermolar.
o Diferenzas na altura das plantas.
o Diferenzas na cantidade de follas que produciran.
- Para simplificar, a comparación entre grupos pode facerse de xeito cualitativo e indicar
só que grupo ten as plantas máis grandes ou máis pequenas.
- De acordo coas diferenzas observadas, redactaremos entre toda a clase as
conclusións.
Optativo: este experimento pódese plasmar nun panel colectivo con fotografías das plantas, táboas ou
gráficos cos datos, as conclusións...
Obxectivos
- Observar os efectos da contaminación do solo sobre as plantas.
- Valorar o solo fértil como recurso non renovable.
- Facer unha aproximación á metodoloxía científica.
Competencias
- Competencia matemática.
- Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico.
- Tratamento da información e a competencia dixital.
- Competencia para aprender a aprender.
Duración
aproximada
Dúas sesións (montaxe e desmonte) e seguimento durante catro
semanas.
Material
necesario
- Sementes (poden ser ervellas, lentellas ou sementes do grelo/col).
- Oito vasos pequenos para as plantas. Poden ser vasos de iogur
ou outro recipiente (podemos aumentar o número de vasos en
función do espazo na aula, do número de alumnos/as...).
- Bandexa.
- Terra ou substrato suficiente para encher os vasos.
- Etiquetas ou adhesivos para marcar os diferentes vasos.
- Sal de cociña (que usaremos como contaminante).
- Regra para tomar medidas.
7.As plantas e o cambio climatico
Xustificación: a actividade industrial humana durante os últimos séculos ten alterado o
funcionamento do ecosistema da Terra a nivel global. Unha destas alteracións é o chamado
cambio climático, incremento da temperatura media da Terra causada por un aumento da
cantidade de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro (como o metano) na atmosfera,
causado á súa vez polo noso elevado consumo de combustibles fósiles (carbón, petróleo ou
gas natural).
Os cambios no clima afectan as plantas: estudos científicos revelan que, por exemplo, durante
as glaciacións moitas especies de plantas que agora crecen no norte de Europa só puideron
sobrevivir en diferentes lugares do sur do continente. Porén, non se coñecen os efectos
concretos que a elevación da temperatura da Terra pode ter sobre a supervivencia futura de
moitas plantas ameazadas.
Esta actividade presenta un exemplo de experimento no que poder estudar os efectos do
cambio climático sobre as plantas.
*Desenvolvemento da actividade:
Presentación teórica
- Temos unha hipótese: o aumento da temperatura afecta o crecemento das plantas.
- Para testar esta hipótese imos facer crecer sementes de plantas en dous grupos de
vasos cuxa única diferenza é a presenza dun invernadoiro. Para iso é moi importante
que o resto dos factores sexa igual en todo o experimento. Se é posible, os vasos
deben ser iguais, deben conter a mesma cantidade de substrato, debemos regar coa
mesma cantidade de auga e en cada vaso colocaremos o mesmo número de
sementes.
- Observaremos os resultados do experimento e tentaremos extraer conclusións del.
Sesión inicial
- Dividiremos os vasos en dous grupos: “control” e “invernadoiro”. Marcaremos cada
grupo con diferentes adhesivos ou etiquetas.
- Encheremos todos os vasos coa mesma cantidade de substrato.
- Colocaremos en cada vaso dúas sementes (se é lentella ou grelo/col) ou unha semente
(se é ervella) e engadiremos auga.
- Usaremos as botellas sen fondo como invernadoiros artificiais, para o que as
colocaremos sobre cada un dos vasos do grupo “invernadoiro”. Eses vasos deben
permanecer sempre cubertos e só retiraremos as botellas cando queiramos regar.
- Deixaremos todos os vasos sobre a bandexa nun lugar iluminado da aula, non moi
preto dos calefactores. Debemos manter a terra dos vasos húmida.
- Para favorecer a xerminación das sementes, podemos deixalas nun algodón con auga
o día anterior ao comezo do experimento.
Seguimento
- Unha vez por semana observaremos os vasos, tomando datos sobre o estado de
desenvolvemento das plantas (p. ex., número de follas, lonxitude dos caules...). A
información pódese recoller en táboas coma estas:
Táboa 1: altura da planta (cm)
Vaso / Semana Semana 1 Semana 2 Semana 3 Semana 4
Vaso 1
Vaso 2
...
Vaso n
Táboa 2: número de follas.
Vaso / Semana Semana 1 Semana 2 Semana 3 Semana 4
Vaso 1
Vaso 2
...
Vaso n
- Despois das nosas observacións, recolocaremos os vasos rotando as súas posicións
na bandexa.
Sesión final
- Tentaremos responder á nosa pregunta inicial: afectou a temperatura o crecemento
das plantas?
- Para iso compararemos os datos dos dous grupos de plantas (“control” e “estufa”)
procurando diferenzas entre eles:
o Diferenzas na altura das plantas.
o Diferenzas na cantidade de follas que produciran.
- Para simplificar, a comparación entre grupos pode facerse de xeito cualitativo e, por
exemplo, indicar só que grupo ten as plantas máis grandes ou máis pequenas.
- De acordo coas diferenzas observadas, redactaremos entre toda a clase as
conclusións.
Optativo:
- Este experimento pódese plasmar nun panel colectivo con fotografías das plantas, táboas ou
gráficos cos datos, as conclusións...
- En paralelo a este experimento, pódese aproveitar para debater na aula sobre o fenómeno do
cambio climático, as súas causas, as posibles solucións ou as accións que cada alumna/o pode
facer na súa vida para reducir a súa contribución ao efecto invernadoiro.
Obxectivos
- Reflectir o fenómeno do cambio climático e os seus efectos.
- Facer unha aproximación á metodoloxía científica.
Competencias
- Competencia matemática.
- Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico.
- Tratamento da información e competencia dixital.
- Competencia para aprender a aprender.
Duración
aproximada
Dúas sesións (montaxe e desmonte) e seguimento durante catro
semanas.
Material
necesario
- Sementes (poden ser de céspede ou sementes de grelo/col).
- Oitos vasos pequenos para as plantas. Poden ser vasos de iogur ou
outro recipiente (podemos aumentar o número de vasos en función
do espazo na aula, o número de alumnas/os...).
- Catro botellas transparentes de plástico con tapa (poden ser de
auga ou de refresco) de 1,5 ou 2 litros, ás que previamente lles
quitamos o fondo.
- Bandexa.
- Terra ou substrato suficiente para encher os vasos.
- Adhesivos ou etiquetas para marcar os diferentes vasos.
- Regra para tomar medidas.

More Related Content

Similar to Fichas didácticas galego

1 coñecer as arbores
1 coñecer as arbores1 coñecer as arbores
1 coñecer as arbores
Aurora Puentes
 
PROXECTO O HORTO/2º DE PRIMARIA
PROXECTO O HORTO/2º DE PRIMARIAPROXECTO O HORTO/2º DE PRIMARIA
PROXECTO O HORTO/2º DE PRIMARIA
biblionova
 
PROXECTO 2º DE PRIMARIA: "O HORTO"
PROXECTO 2º DE PRIMARIA: "O HORTO"PROXECTO 2º DE PRIMARIA: "O HORTO"
PROXECTO 2º DE PRIMARIA: "O HORTO"
biblionova
 
Investigando cos alumnos
Investigando cos alumnosInvestigando cos alumnos
Investigando cos alumnos
Agremon
 
As Plantas
As PlantasAs Plantas
As Plantasclocita
 
Tui, historia e naturaleza
Tui, historia e naturalezaTui, historia e naturaleza
Tui, historia e naturaleza
guillareta
 
ZOQUEANDO POR CARBALLO. BOSQUE DO AÑÓN
ZOQUEANDO POR CARBALLO. BOSQUE DO AÑÓNZOQUEANDO POR CARBALLO. BOSQUE DO AÑÓN
ZOQUEANDO POR CARBALLO. BOSQUE DO AÑÓN
Chelo Alvarez Veira
 
Cpi de panxon polizóns a bordo1
Cpi de panxon polizóns a bordo1Cpi de panxon polizóns a bordo1
Cpi de panxon polizóns a bordo1pastoraastray
 
XX conferencia internacional MINOM
XX conferencia internacional  MINOMXX conferencia internacional  MINOM
XX conferencia internacional MINOM
redemuseisticalugo
 
PROXECTO INFANTIL/ COÑECEMOS A NOSA CONTORNA:FLORA E FAUNA
PROXECTO INFANTIL/ COÑECEMOS A NOSA CONTORNA:FLORA E FAUNAPROXECTO INFANTIL/ COÑECEMOS A NOSA CONTORNA:FLORA E FAUNA
PROXECTO INFANTIL/ COÑECEMOS A NOSA CONTORNA:FLORA E FAUNA
biblionova
 
A Rede De Escolas Asociadas Da Unesco
A Rede De Escolas Asociadas Da UnescoA Rede De Escolas Asociadas Da Unesco
A Rede De Escolas Asociadas Da UnescoIES Lúís Seoane
 
Exemplo udi
Exemplo udiExemplo udi
Exemplo udi
Maia Kling
 
PROXECTO 1ª DE PRIMARIA/ "O INVERNADOIRO DO COLE"
PROXECTO 1ª DE PRIMARIA/ "O INVERNADOIRO DO COLE"PROXECTO 1ª DE PRIMARIA/ "O INVERNADOIRO DO COLE"
PROXECTO 1ª DE PRIMARIA/ "O INVERNADOIRO DO COLE"
biblionova
 
Webs dinámicas
Webs dinámicasWebs dinámicas
Webs dinámicas
NoemiLage
 
Webs dinámicas
Webs dinámicasWebs dinámicas
Webs dinámicas
NoemiLage
 
Coñecemos marrocos
Coñecemos marrocosCoñecemos marrocos
Coñecemos marrocos
Karina Romero
 
Ccg ac 2019_encontrosnormalizacion-def3
Ccg ac 2019_encontrosnormalizacion-def3Ccg ac 2019_encontrosnormalizacion-def3
Ccg ac 2019_encontrosnormalizacion-def3
satelite1
 
PROXECTO 1º DE PRIMARIA/ O INVERNADOIRO DO COLE
PROXECTO 1º DE PRIMARIA/ O INVERNADOIRO DO COLEPROXECTO 1º DE PRIMARIA/ O INVERNADOIRO DO COLE
PROXECTO 1º DE PRIMARIA/ O INVERNADOIRO DO COLEbiblionova
 

Similar to Fichas didácticas galego (20)

1 coñecer as arbores
1 coñecer as arbores1 coñecer as arbores
1 coñecer as arbores
 
Ud cada un coa s a especie
Ud cada un coa s a especieUd cada un coa s a especie
Ud cada un coa s a especie
 
PROXECTO O HORTO/2º DE PRIMARIA
PROXECTO O HORTO/2º DE PRIMARIAPROXECTO O HORTO/2º DE PRIMARIA
PROXECTO O HORTO/2º DE PRIMARIA
 
PROXECTO 2º DE PRIMARIA: "O HORTO"
PROXECTO 2º DE PRIMARIA: "O HORTO"PROXECTO 2º DE PRIMARIA: "O HORTO"
PROXECTO 2º DE PRIMARIA: "O HORTO"
 
Investigando cos alumnos
Investigando cos alumnosInvestigando cos alumnos
Investigando cos alumnos
 
As Plantas
As PlantasAs Plantas
As Plantas
 
Tui, historia e naturaleza
Tui, historia e naturalezaTui, historia e naturaleza
Tui, historia e naturaleza
 
ZOQUEANDO POR CARBALLO. BOSQUE DO AÑÓN
ZOQUEANDO POR CARBALLO. BOSQUE DO AÑÓNZOQUEANDO POR CARBALLO. BOSQUE DO AÑÓN
ZOQUEANDO POR CARBALLO. BOSQUE DO AÑÓN
 
Cpi de panxon polizóns a bordo1
Cpi de panxon polizóns a bordo1Cpi de panxon polizóns a bordo1
Cpi de panxon polizóns a bordo1
 
XX conferencia internacional MINOM
XX conferencia internacional  MINOMXX conferencia internacional  MINOM
XX conferencia internacional MINOM
 
1. fosiles
1. fosiles1. fosiles
1. fosiles
 
PROXECTO INFANTIL/ COÑECEMOS A NOSA CONTORNA:FLORA E FAUNA
PROXECTO INFANTIL/ COÑECEMOS A NOSA CONTORNA:FLORA E FAUNAPROXECTO INFANTIL/ COÑECEMOS A NOSA CONTORNA:FLORA E FAUNA
PROXECTO INFANTIL/ COÑECEMOS A NOSA CONTORNA:FLORA E FAUNA
 
A Rede De Escolas Asociadas Da Unesco
A Rede De Escolas Asociadas Da UnescoA Rede De Escolas Asociadas Da Unesco
A Rede De Escolas Asociadas Da Unesco
 
Exemplo udi
Exemplo udiExemplo udi
Exemplo udi
 
PROXECTO 1ª DE PRIMARIA/ "O INVERNADOIRO DO COLE"
PROXECTO 1ª DE PRIMARIA/ "O INVERNADOIRO DO COLE"PROXECTO 1ª DE PRIMARIA/ "O INVERNADOIRO DO COLE"
PROXECTO 1ª DE PRIMARIA/ "O INVERNADOIRO DO COLE"
 
Webs dinámicas
Webs dinámicasWebs dinámicas
Webs dinámicas
 
Webs dinámicas
Webs dinámicasWebs dinámicas
Webs dinámicas
 
Coñecemos marrocos
Coñecemos marrocosCoñecemos marrocos
Coñecemos marrocos
 
Ccg ac 2019_encontrosnormalizacion-def3
Ccg ac 2019_encontrosnormalizacion-def3Ccg ac 2019_encontrosnormalizacion-def3
Ccg ac 2019_encontrosnormalizacion-def3
 
PROXECTO 1º DE PRIMARIA/ O INVERNADOIRO DO COLE
PROXECTO 1º DE PRIMARIA/ O INVERNADOIRO DO COLEPROXECTO 1º DE PRIMARIA/ O INVERNADOIRO DO COLE
PROXECTO 1º DE PRIMARIA/ O INVERNADOIRO DO COLE
 

Fichas didácticas galego

  • 1. Presentación Actividade de educación ambiental en forma de exposición divulgativa sobre a biodiversidade vexetal. Dirixida ao alumnado de 12 a 18 anos que en Galicia corresponde ao ensino secundario obrigatorio e o bacharelato e en Portugal cobre o terceiro ciclo da educación escolar e o ensino secundario. A exposición proporciona información variada sobre a diversidade vexetal en Galicia e o norte de Portugal e está organizada arredor de tres núcleos principais: - A biodiversidade e os seus condicionantes - As especies ameazadas e as ameazas - Accións para a conservación das plantas ameazadas Estes núcleos principais complétanse cunha última área onde queremos recoller as opinións, pensamentos e ideas que a exposición motiva nas persoas que a visitan. O documento que estás a ler serve de apoio aos contidos da exposición e inclúe varias actividades para desenvolver antes e despois da visita á exposición. A nosa intención é que estas actividades lles sirvan aos educadores/as para poder integrar esta exposición na programación da aula, non só como unha actividade puntual, senón tamén como un proxecto educativo e de investigación arredor da biodiversidade vexetal. No enderezo web www.biodiversidade.eu, plataforma dixital do proxecto BIODIV-GNP, encontrarás información máis completa e actualizada, ademais doutros recursos útiles. Obxectivos e competencias Esta exposición é unha actividade de educación ambiental e, como tal, pretende contribuír a que as persoas e comunidades tomen conciencia do medio natural e, ao mesmo tempo, adquiran coñecementos, valores, destrezas, experiencia e tamén a determinación que as capacitará para actuar, individual e colectivamente, na prevención e afrontamento dos riscos ambientais presentes e futuros. Máis concretamente, son obxectivos desta exposición os seguintes: - Concienciar sobre os valores da biodiversidade vexetal e as ameazas que sofre en
  • 2. Galicia e no norte de Portugal. - Divulgar o proxecto BIODIV-GNP e, en especial, as ferramentas públicas que estarán dispoñibles no seu web. A exposición está dirixida ao alumnado, polo que tamén se teñen en conta as diferentes competencias básicas no currículo escolar. De xeito xeral, as competencias máis ligadas a esta exposición e ao proxecto BIODIV-GNP son: - Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico - Tratamento da información e competencia dixital - Competencia social e cidadá Para máis información sobre educación ambiental e competencias básicas pódense consultar os seguintes documentos: - Estratexia Galega de Educación Ambiental: http://www.sgea.org/documentos/000117_egea.pdf - Presentación da Xunta de Galicia sobre competencias: http://www.slideshare.net/guest5795fb9/competencias-basicas-presentation-856074 Fichas de actividades Nas seguintes páxinas preséntanse as fichas das diferentes actividades propostas. En cada actividade sinálanse: - Xustificación e presentación da actividade - Obxectivos e competencias básicas que se traballan - Duración proposta (número de sesións) e organización temporal (antes ou despois da visita á exposición) - Material necesario - Desenvolvemento da actividade - Recursos adicionais Moitas das actividades teñen uns contidos transversais, relacionados non só coa área de ciencias naturais, senón tamén coas áreas de linguas, matemática, xeografía..., o que posibilita traballar en diferentes disciplinas.
  • 3. 1.O teu nome nunha planta Xustificación: ademais dos nomes que os seres vivos teñen en cada lingua (nome vernáculo), todos os organismos vivos posúen un nome científico, que consiste en dúas palabras en latín e escritas en letra cursiva. A primeira palabra indica a que xénero (unha categoría taxonómica) pertence ese organismo e a segunda palabra identifica a especie dentro do xénero. Por exemplo: Pinus pinaster (piñeiro bravo ou piñeiro do país) pertence ao xénero Pinus, no que tamén temos Pinus pinea (piñeiro manso ou piñeiro cernil), Pinus halepensis (piñeiro do Alepo), Pinus sylvestris (piñeiro silvestre) e outros. Esta nomenclatura binomial foi establecida polo científico Carlos Lineu a finais do século XVIII. Hoxe é de uso xeneralizado, de maneira que todos os organismos vivos teñen un nome científico único, inconfundible e universal (igual para todas as linguas). Por exemplo, o carballo (galego-portugués) ten moitos nomes noutras linguas: roble (español), chêne (francés), oak (inglés), roure pènol (catalán) ou stieleiche (alemán), pero só un nome científico: Quercus robur. Existen normas para darlle o nome científico a unha nova especie. Algunhas veces eses nomes son unha homenaxe a un científico singular. Por exemplo, a Armeria merinoi leva o seu nome en honor a Baltasar Merino (1845-1917), botánico autor da primeira (e única) flora de Galicia; ou a Ornithogalum broteroi, dedicada a Félix de Avelar Brotero (1744-1828), pai da botánica en Portugal que publicou en 1804 a Flora lusitánica, primeiro inventario da flora portuguesa. Na rede: - Máis información de Brotero: http://cvc.instituto-camoes.pt/ciencia/p6.html - Máis información de Merino: http://gl.wikipedia.org/wiki/Baltasar_Merino A distinción entre especies de plantas faise tradicionalmente de acordo coa súa morfoloxía e outras características do ciclo vital (p. ex. época de floración), aínda que en tempos recentes outro tipo de caracteres (número de cromosomas ou análise do ADN) están a ser máis utilizados. E se por un momento xogamos a ser científicos? Acabamos de descubrir unha nova especie de planta! Como é? Que nome lle pomos? Que propiedades ten?
  • 4. Desenvolvemento da actividade: - Organizar o alumnado en pequenos grupos. - Presentar o concepto de nome científico. - Entregar a cada grupo follas con deseños de diferentes formas de follas, flores, froitos... (ver sección de recursos). - Convidar a cada grupo a que imaxine (e deseñe en papel) a súa propia especie de planta, o seu caule, as súas follas e flores, os seus froitos, e que invente o seu nome. Optativo: - En lugar de entregar papeis con deseños de follas, caules, raíces..., pódese programar unha saída ao patio da escola e facer unha recollida de material vexetal e logo usalo como modelo. Obxectivos - Facer unha aproximación á nomenclatura científica. - Observar a enorme diversidade morfolóxica que existe nas plantas. - Estimular a imaxinación e a creatividade. Competencias - Competencia en comunicación lingüística. - Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico. - Competencia cultural e artística. - Competencia para aprender a aprender. Duración aproximada Unha sesión (preferiblemente antes da visita á exposición). Material necesario Fichas impresas con esquemas de diferentes tipos de raíces, caules, follas, flores... ou ben dispoñibilidade de acceso á internet para consultar imaxes. Recursos Ligazóns onde se poden ver deseños e fotografías de diferentes formas de follas, caules, flores, cores... - http://plants.ifas.ufl.edu/education/images/a_glossary_leaf_s hapes.jpg - http://www.vplants.org/plants/glossary/plate01.html - https://charge.wisc.edu/botany/sales.asp - posters
  • 5.
  • 6.
  • 7. 2.Plantas no prato Xustificación: un dos principais valores das plantas para o ser humano é o da nutrición, de maneira que a poboación mundial obtén o 95 % da súa alimentación de 30 especies vexetais. Tres delas (millo, trigo e arroz) supoñen o 60 %. Cada unha das plantas cultivadas para a alimentación “domesticouse” a partir de exemplares silvestres nunha rexión do mundo (p. ex., o millo no sur de México e América Central), pero agora moitas delas cultívanse e/ou transpórtanse fóra desa rexión. Partindo das preguntas “e nós que comemos?” e “temos unha dieta “internacional”?” propoñemos unha pequena actividade de investigación. *Desenvolvemento da actividade: 1.ª sesión - Organizaremos o alumnado en pequenos grupos. - Cada grupo terá que pensar sobre as cousas que comeu o día anterior nas tres principais comidas (almorzo, xantar e cea) e cales deses alimentos eran plantas. Cada grupo fará unha listaxe coas plantas que consumiu. As plantas poden ser consumidas crúas (ensalada, zume...) ou preparadas (anaco de pan, cereais do almorzo, chocolate...). Pódese dar para isto 15-20 minutos. - Despois, unha ou dúas persoas por grupo irán lendo a súa listaxe e farase unha lista común para a aula. Esta posta en común pódese aproveitar para resolver dúbidas. - Cos resultados para toda a aula pódese elaborar un panel. Optativo: - Podemos agrupar as especies en categorías. Por exemplo: cereais, raíces ou tubérculos, froitas e verduras, aceites. - Dependendo do nivel educativo, pódese contar tamén o número de persoas que consumiran un determinado vexetal e calcular que porcentaxe constitúe cada categoría (ou cada vexetal) sobre o total. Por exemplo: o 35 % do total de vexetais consumidos foron cereais, o 12 % foron aceites etc. 2.ª sesión - Organizaremos o alumnado en pequenos grupos. - Dividiremos a listaxe da sesión anterior, dándolle a cada grupo unha parte da lista. - Cada grupo terá que procurar a área de orixe de cada planta. Esta busca pódese
  • 8. facilitar empregando a rede. - Haberá unha posta en común dos resultados, que se pode facer empregando un mapamundi mudo e escribindo o nome de cada planta sobre a rexión na que se iniciou o cultivo desta. - Para rematar esta sesión pódese falar do traballo do científico ruso Nikolai I. Vavilov, quen a comezos do século XX identificou oito centros primarios de orixe das plantas cultivadas, que son áreas nas que o ser humano comezou o cultivo de plantas (domesticou) a partir de parentes silvestres. Poderiamos subliñar que o ser humano dispón agora de millo, trigo ou arroz grazas a que na natureza existían plantas silvestres que puideron ser domesticadas. A biodiversidade foi imprescindible para a orixe da agricultura. Obxectivos - Reflexionar sobre o papel das plantas na nosa vida e na nosa alimentación. - Coñecer a orixe das plantas cultivadas. Competencias - Competencia matemática. - Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico. - Tratamento da información e competencia dixital. - Competencia para aprender a aprender. - Autonomía e iniciativa persoal. Duración aproximada Dúas sesións (para a segunda é preferible ter acceso á internet), preferentemente antes da visita á exposición. Material necesario - Papel grande para a elaboración dun panel. - Mapamundi impreso en A3 sobre o que se poidan pintar as áreas de orixe das plantas cultivadas; como alternativa pódese imprimir un mapa dos centros de orixe de Vavilov (ver recursos). - Dispoñibilidade de acceso á internet. Recursos - Aínda que na rede existen moitos lugares onde buscar, nesta ligazón http://www.fao.org/docrep/u8480e/u8480e07.htm pódese ver información sobre a orixe de moitas plantas de cultivo. É un documento da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) que forma parte dun libro que celebra os 50 anos deste organismo. - Mapa dos centros de orixe de Vavilov: http://en.wikipedia.org/wiki/File:Vavilov-center.jpg.
  • 9. 3.Reflexionando sobre a beleza Xustificación: ademais do valor material ou produtivo, as plantas teñen un valor estético que todas as persoas precisamos. É esa a sensación que toda persoa experimenta cando olla unha paisaxe bela, da que habitualmente as plantas son unha parte moi importante. Propomos unha actividade de reflexión sobre a beleza. Velaquí algunhas preguntas que nos poderiamos facer: as paisaxes naturais son belas? E as paisaxes artificiais? E as paisaxes degradadas? Que sinto/sentimos ante cada unha desas situacións? Cal é o meu/noso ideal de beleza? Temos todas/os o mesmo ideal de beleza? Velaquí algunhas imaxes ilustrativas: 1. Paisaxe do Courel (fonte: FlickR, Xoán Piñón). / 2. Canteira no Courel (fonte: SOS Courel) 3. Porto (fonte: wikimedia commons) / 4. Tokyo (fonte: wikimedia commons). *Desenvolvemento da actividade: - Presentaremos a actividade e convidaremos a que cada alumno/a imaxine e plasme nun papel, empregando se quere as pinturas, o lugar máis belo onde lle gustaría vivir ou estar. - Cada alumno/a presentará a súa creación por quendas, describindo as razóns da beleza de cada un dos lugares. - Presentaremos as diferentes fotografías e podemos abrir un debate para falar sobre cal delas é máis semellante á idea de beleza plasmada nos deseños do alumnado.
  • 10. Proposta opcional 1: pódese completar este tema cunha exposición fotográfica (física ou virtual/powerpoint) elaborada con imaxes de lugares belos e lugares feos ou degradados do municipio ao que pertence a escola ou instituto, tomadas polo propio alumnado. Proposta opcional 2: pódese elaborar “o meu mapa emocional”, coas paisaxes/zonas favoritas, invitando a fotografarse nos lugares con significado persoal e emocional, xunto ás persoas que relacionamos con estes espazos especiais. Pódese elaborar tamén unha presentación ou exposición. Ambas as propostas poden complementarse cunha pequena investigación, cubrindo unha ficha didáctica coas principais características: nome do lugar, situación xeográfica, motivo polo que foi escollido, principais valores (especies, recursos da zona...), problemas ambientais observados etc. Obxectivos - Reflexionar sobre o valor emotivo das plantas e das paisaxes. - Estimular as habilidades creativas. Competencias - Competencia en comunicación lingüística. - Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico. - Competencia social e cidadá. - Competencia cultural e artística. - Autonomía e iniciativa persoal. Duración aproximada Unha sesión Material necesario - Papel e pintura de cores. - Fotografías ou imaxes de paisaxes “naturais”, paisaxes urbanas e paisaxes destruídas/degradadas (minería, chatarras...).
  • 11. 4.Plantas no mapa Xustificación: as plantas teñen un papel nas sociedades humanas, ben como provedoras de recursos (fonte de alimento, fibras, materiais de construción ou combustible) ou polo seu valor emocional, simbólico ou cultural. Unha mostra disto son os fitotopónimos, nomes comúns de plantas usados en moitos topónimos (nomes propios de vilas, aldeas...) e tamén en microtopónimos (nomes de camiños, de fontes, de terras de cultivo...). Aproveitando os recursos xeográficos dispoñibles na rede (ver sección de recursos) ou ben mapas topográficos en papel, propomos nesta actividade explorar os topónimos dunha zona (por exemplo, o municipio ao que pertence a escola) procurando nomes de plantas (p. ex., en Compostela hai unha parroquia chamada Figueiras) ou de formacións da vexetación (p. ex., hai moitos lugares co nome de Souto). Completaremos a nosa busca cunha investigación fóra da aula, preguntándolles á familia e aos veciños por microtopónimos relacionados coa flora. *Previamente á sesión: Previamente á sesión, entregaremos a cada alumno unha copia do mapa topográfico (reducida ou só en anacos do mapa) correspondente ao municipio: animaremos a que o alumnado pregunte á familia e aos veciños por fitotopónimos e que, a ser posible, marque a súa localización no mapa. *Desenvolvemento da actividade: - Organizaremos a aula en pequenos grupos. - Dividiremos a área do municipio entre todos os grupos. - Cada grupo irá ollando o mapa (dixital ou en papel), procurando e anotando topónimos relacionados coa flora e a vexetación. - Farase unha posta en común para toda a clase das dúas investigacións (dentro e fóra da aula). - Pódese comentar cales son as plantas que aparecen (son plantas silvestres ou cultivadas? Son plantas “útiles” ou “daniñas”?). - Como conclusión gráfica, propomos que nun papel grande onde están marcados os límites do municipio cada grupo vaia situando e escribindo os nomes dos fitotopónimos.
  • 12. Obxectivos - Recoñecer o valor simbólico das plantas na sociedade e na cultura. - Ter contacto con información xeográfica, en papel ou en soportes dixitais (plataformas de visionado de mapas e fotografía aérea). - Coñecer mellor o noso contorno máis próximo. Competencias - Competencia matemática. - Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico. - Tratamento da información e competencia dixital. - Competencia social e cidadá. - Competencia cultural e artística. - Autonomía e iniciativa persoal. Duración aproximada Unha sesión Material necesario - Follas de mapa topográfico (escala 1:25 000) que correspondan ao municipio ao que pertence o centro ou ben dispoñibilidade de acceso á internet (preferiblemente con ordenador de aula) para poder consultar mapas dixitais. - Fotocopias en papel do mapa topográfico para a investigación fóra da aula. - Papel grande para poder elaborar un panel de conclusión. Recursos Ligazóns onde se poden consultar os mapas topográficos de Galicia e de Portugal. - http://signa.ign.es/signa/ - http://mapas.igeo.pt/igp/igp.phtml
  • 13. 5.Herbas de poesía Xustificación: os poetas teñen nas plantas unha fonte de inspiración, ben na beleza das flores…: “Sonhei com lúcidos delírios À luz de um puro amanhecer Numa planície onde crescem lírios E há regatos cantantes a correr.” Sophia de Mello Breyner Andresen (Portugal 1919-2004) ou ben nas paisaxes e inmensidade dos bosques: Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe! Eiquí síntese ben o pouco que é un home. Augas brancas da Rogueira! Bouzas pechas d'uces e xestas! Abrairas teixos faias xardois e reboleiras! Outo bosco calado! Fontiñas do corzo! Carrozos de picafondo! Non hai outro tempo máis vasto nin outro credo que este silencio Uxío Novoneyra (Galicia, 1930-1999). Nesta actividade propomos unha aproximación á poesía e ás plantas empregando haikus. Os haikus (no Brasil, hikai) son un tipo de poemas curtos tradicionais de Xapón relacionados coa natureza (as estacións, as plantas...). Teñen unha estrutura de só tres versos sen rima. Velaquí un exemplo: Porque não sabemos o nome Tenho de exclamar apenas: “Quantas flores amarelas!” Paulo Franchetti (Brasil, 1954)
  • 14. *Desenvolvemento da actividade: Presentaremos un panel/diapositivas con fotografias lindas de plantas, flores ou paisaxes naturais; ou daremos enderezos para procurar imaxes na rede - Motivaremos o alumnado para que faga as súas propias obras. - Compartiremos as creacións lendo por quendas. Obxectivos - Recoñecer o valor simbólico das plantas nas artes. - Estimular a creatividade e a expresión artística. Competencias - Competencias en comunicación lingüística. - Competencia social e cidadá. - Competencia cultural e artística. - Autonomía e iniciativa persoal. Duración aproximada Unha sesión Material necesario - Papel - Opcionalmente, pódese preparar un panel (ou un grupo de diapositivas) con imaxes bonitas de plantas e vexetación (ver recursos). - Opcionalmente, pódense buscar poemas sobre plantas (ver recursos). - Como alternativa, pódese dar acceso á internet para procurar imaxes bonitas (ver recursos). Recursos - Grupos de Flickr dedicados á botánica e ás flores dos cales podemos tirar fotografías: - http://www.flickr.com/groups/48889066957@N01/pool/ - http://www.flickr.com/groups/plantimages/pool/ - http://www.flickr.com/groups/flowercloseups/pool/ - Ligazón a unha páxina con diversos haikus de poetas do Brasil e outros países de América do Sur: http://seabra.com/haikai/
  • 15. 6.Plantas e contaminación Xustificación: o solo serve de soporte físico para as plantas. Ademais, do solo as plantas toman a auga e diferentes elementos químicos necesarios para o seu desenvolvemento. Existen diferentes tipos de solo, en función de diversas variables: material de orixe, contido de materia orgánica, temperatura ambiental, humidade... Moitas plantas teñen preferencia por solos cunhas determinadas propiedades. Un exemplo extremo disto son as plantas serpentinófitas (como Santolina melidensis, Armeria eryophylla ou Alyssum serpyllifolium subsp. lusitanicum, as tres endémicas de Galicia e o norte de Portugal), especies capaces de crecer sobre solos pobres en nutrientes, pero ricos en metais pesados (como Ni, Cr ou Co). Porén, diversas accións humanas afectan as condicións e a fertilidade dos solos, alterando ou facendo imposible o crecemento das plantas. Nesta actividade presentamos un experimento no que poder observar os efectos da contaminación do solo sobre as plantas. Desenvolvemento da actividade: Presentación teórica - Temos unha hipótese: a contaminación do solo afecta o crecemento das plantas. - Para testar esta hipótese imos facer crecer sementes de plantas en dous grupos de vasos cuxa única diferenza é a presenza ou ausencia de contaminación; para iso é moi importante que o resto dos factores sexa igual en todo o experimento. Se é posible, os vasos deben ser iguais, deben conter a mesma cantidade de substrato, debemos regar coa mesma cantidade de auga e en cada vaso colocaremos o mesmo número de sementes. - Observaremos os resultados do experimento e tentaremos extraer conclusións del. Sesión inicial - Dividiremos os vasos en dous grupos: “control” e “contaminado”. Marcaremos cada grupo con diferentes etiquetas ou adhesivos. - Encheremos os vasos “control” co substrato.
  • 16. - Mesturaremos substrato con sal de cociña (se usamos vaso de iogur, podemos engadir unha cullerada de sopa chea de sal para cada vaso) para obtermos substrato “contaminado”. Encheremos con este substrato os vasos “contaminado”. - Colocaremos en cada vaso dúas sementes (se é lentella ou grelo/col) ou unha semente (se é ervella). - Engadiremos auga e deixaremos todos os vasos sobre a bandexa nun lugar iluminado da aula, non moi preto dos calefactores. Debemos manter a terra dos vasos húmida. NOTA: para favorecer a xerminación das sementes, podemos deixalas nun algodón con auga o día anterior ao comezo do experimento. Seguimento Unha vez por semana observaremos os vasos, tomando datos do número de sementes xerminadas en cada vaso e do estado de desenvolvemento das plantas (p. ex. número de follas, lonxitude dos caules...). A información pódese recoller en táboas coma estas: Táboa 1: número de sementes xerminadas Vaso / Semana Semana 1 Semana 2 Semana 3 Semana 4 Vaso 1 Vaso 2 ... Vaso n Táboa 2: altura da pranta (cm) Vaso / Semana Semana 1 Semana 2 Semana 3 Semana 4 Vaso 1 Vaso 2 ... Vaso n
  • 17. Táboa 3: número de follas. Vaso / Semana Semana 1 Semana 2 Semana 3 Semana 4 Vaso 1 Vaso 2 ... Vaso n - Despois das nosas observacións, recolocaremos os vasos rotando as súas posicións na bandexa. Sesión final - Tentaremos responder á nosa pregunta inicial: a contaminación afectou o crecemento das plantas? - Para iso compararemos os datos dos dous grupos de plantas (“control” e “contaminado”) procurando diferenzas entre eles: o Diferenzas no tempo que tardaron en xermolar. o Diferenzas na altura das plantas. o Diferenzas na cantidade de follas que produciran. - Para simplificar, a comparación entre grupos pode facerse de xeito cualitativo e indicar só que grupo ten as plantas máis grandes ou máis pequenas. - De acordo coas diferenzas observadas, redactaremos entre toda a clase as conclusións. Optativo: este experimento pódese plasmar nun panel colectivo con fotografías das plantas, táboas ou gráficos cos datos, as conclusións...
  • 18. Obxectivos - Observar os efectos da contaminación do solo sobre as plantas. - Valorar o solo fértil como recurso non renovable. - Facer unha aproximación á metodoloxía científica. Competencias - Competencia matemática. - Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico. - Tratamento da información e a competencia dixital. - Competencia para aprender a aprender. Duración aproximada Dúas sesións (montaxe e desmonte) e seguimento durante catro semanas. Material necesario - Sementes (poden ser ervellas, lentellas ou sementes do grelo/col). - Oito vasos pequenos para as plantas. Poden ser vasos de iogur ou outro recipiente (podemos aumentar o número de vasos en función do espazo na aula, do número de alumnos/as...). - Bandexa. - Terra ou substrato suficiente para encher os vasos. - Etiquetas ou adhesivos para marcar os diferentes vasos. - Sal de cociña (que usaremos como contaminante). - Regra para tomar medidas.
  • 19. 7.As plantas e o cambio climatico Xustificación: a actividade industrial humana durante os últimos séculos ten alterado o funcionamento do ecosistema da Terra a nivel global. Unha destas alteracións é o chamado cambio climático, incremento da temperatura media da Terra causada por un aumento da cantidade de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro (como o metano) na atmosfera, causado á súa vez polo noso elevado consumo de combustibles fósiles (carbón, petróleo ou gas natural). Os cambios no clima afectan as plantas: estudos científicos revelan que, por exemplo, durante as glaciacións moitas especies de plantas que agora crecen no norte de Europa só puideron sobrevivir en diferentes lugares do sur do continente. Porén, non se coñecen os efectos concretos que a elevación da temperatura da Terra pode ter sobre a supervivencia futura de moitas plantas ameazadas. Esta actividade presenta un exemplo de experimento no que poder estudar os efectos do cambio climático sobre as plantas. *Desenvolvemento da actividade: Presentación teórica - Temos unha hipótese: o aumento da temperatura afecta o crecemento das plantas. - Para testar esta hipótese imos facer crecer sementes de plantas en dous grupos de vasos cuxa única diferenza é a presenza dun invernadoiro. Para iso é moi importante que o resto dos factores sexa igual en todo o experimento. Se é posible, os vasos deben ser iguais, deben conter a mesma cantidade de substrato, debemos regar coa mesma cantidade de auga e en cada vaso colocaremos o mesmo número de sementes. - Observaremos os resultados do experimento e tentaremos extraer conclusións del. Sesión inicial - Dividiremos os vasos en dous grupos: “control” e “invernadoiro”. Marcaremos cada
  • 20. grupo con diferentes adhesivos ou etiquetas. - Encheremos todos os vasos coa mesma cantidade de substrato. - Colocaremos en cada vaso dúas sementes (se é lentella ou grelo/col) ou unha semente (se é ervella) e engadiremos auga. - Usaremos as botellas sen fondo como invernadoiros artificiais, para o que as colocaremos sobre cada un dos vasos do grupo “invernadoiro”. Eses vasos deben permanecer sempre cubertos e só retiraremos as botellas cando queiramos regar. - Deixaremos todos os vasos sobre a bandexa nun lugar iluminado da aula, non moi preto dos calefactores. Debemos manter a terra dos vasos húmida. - Para favorecer a xerminación das sementes, podemos deixalas nun algodón con auga o día anterior ao comezo do experimento. Seguimento - Unha vez por semana observaremos os vasos, tomando datos sobre o estado de desenvolvemento das plantas (p. ex., número de follas, lonxitude dos caules...). A información pódese recoller en táboas coma estas: Táboa 1: altura da planta (cm) Vaso / Semana Semana 1 Semana 2 Semana 3 Semana 4 Vaso 1 Vaso 2 ... Vaso n Táboa 2: número de follas. Vaso / Semana Semana 1 Semana 2 Semana 3 Semana 4 Vaso 1
  • 21. Vaso 2 ... Vaso n - Despois das nosas observacións, recolocaremos os vasos rotando as súas posicións na bandexa. Sesión final - Tentaremos responder á nosa pregunta inicial: afectou a temperatura o crecemento das plantas? - Para iso compararemos os datos dos dous grupos de plantas (“control” e “estufa”) procurando diferenzas entre eles: o Diferenzas na altura das plantas. o Diferenzas na cantidade de follas que produciran. - Para simplificar, a comparación entre grupos pode facerse de xeito cualitativo e, por exemplo, indicar só que grupo ten as plantas máis grandes ou máis pequenas. - De acordo coas diferenzas observadas, redactaremos entre toda a clase as conclusións. Optativo: - Este experimento pódese plasmar nun panel colectivo con fotografías das plantas, táboas ou gráficos cos datos, as conclusións... - En paralelo a este experimento, pódese aproveitar para debater na aula sobre o fenómeno do cambio climático, as súas causas, as posibles solucións ou as accións que cada alumna/o pode facer na súa vida para reducir a súa contribución ao efecto invernadoiro.
  • 22. Obxectivos - Reflectir o fenómeno do cambio climático e os seus efectos. - Facer unha aproximación á metodoloxía científica. Competencias - Competencia matemática. - Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico. - Tratamento da información e competencia dixital. - Competencia para aprender a aprender. Duración aproximada Dúas sesións (montaxe e desmonte) e seguimento durante catro semanas. Material necesario - Sementes (poden ser de céspede ou sementes de grelo/col). - Oitos vasos pequenos para as plantas. Poden ser vasos de iogur ou outro recipiente (podemos aumentar o número de vasos en función do espazo na aula, o número de alumnas/os...). - Catro botellas transparentes de plástico con tapa (poden ser de auga ou de refresco) de 1,5 ou 2 litros, ás que previamente lles quitamos o fondo. - Bandexa. - Terra ou substrato suficiente para encher os vasos. - Adhesivos ou etiquetas para marcar os diferentes vasos. - Regra para tomar medidas.