SlideShare a Scribd company logo
1 of 15
Download to read offline
ANTEPROXECTO DE LEI DAS ARTES ESCÉNICAS DE GALICIA
(26 de marzo de 2016)
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Lei de Artes Escénicas de Galicia nace coa misión de ser un instrumento xurídico que
permita desenvolver os mandados de impulso, protección e difusión que garantan a creación cultural e
o acceso da cidadanía á cultura establecidos na Constitución e no Estatuto de Autonomía de Galicia.
As artes escénicas constitúen, segundo a UNESCO, a Declaración Universal dos Dereitos
Humanos de 1948, a Observación Xeral nº 21 sobre o dereito a participar da vida cultural de Xenebra
do 19 de Novembro de 2009 e o Protocolo facultativo ao Pacto Internacional de Dereitos Económicos,
Sociais e Culturais de 1966, ademais dunha das principais manifestacións do patrimonio cultural dun
pobo e, xunto coa lingua, un dos máis fortes vehículos de transmisión de coñecemento, un dereito
colectivo fundamental. Dende os albores da humanidade, as artes escénicas son un elemento central
da vida en sociedade e da creación estética. Pinturas rupestres con máis de dez milenios amosan
figuras danzantes e prácticas rituais de grande dramaticidade, teatralidade e espectacularidade ligadas
á vida cotiá, o que revela a importancia que as artes escénicas tiveron dende as comunidades
primitivas até a actualidade. O desenvolvemento das artes escénicas en todas as culturas é constante
cunha ampla diversidade de formas: dende manifestacións de carácter ritual a expresións puramente
estéticas, pasando por prácticas instrumentais, e que serven como vehículo de transmisión de
coñecemento, punto de encontro e fonte de debate e reflexión para a formación de pensamento crítico.
A asistencia e participación en actividades escénicas é un importante indicador do
desenvolvemento dunha sociedade e a ONU liga este feito intrinsecamente ao desenvolvemento
económico dun pobo. É por iso que resulta un sector estratéxico que debe gozar da protección,
impulso, promoción, regulación e difusión por parte das administracións públicas a fin de garantir a súa
visibilidade, difusión e normalización. Así mesmo a lei garantirá o acceso ás artes escénicas en
condicións de liberdade e igualdade para toda a poboación, favorecendo a pluralidade de expresións e
formas de creación ligadas á escena. As artes escénicas, como ben de carácter económico, deben ser
analizadas en función do seu impacto como factor de innovación económica e social e non
exclusivamente polo seu peso específico en relación ao PIB. Polas características económicas das
artes escénicas, a asignación exclusiva de recursos dende o mercado non asegura un nivel de
produtos escénicos desexable nin aceptable social e artisticamente, ao tempo que existe un consenso
na sociedade en considerar a cultura como dereito fundamental, o que implica un despregue de
garantías constitucionais equiparables á protección doutros dereitos fundamentais como a sanidade, a
educación ou a xustiza, polo que as administracións públicas deben garantir a súa provisión e acceso.
A arte, como elemento cultural que é, constitúe un dos principais medios de comunicación
simbólicos do ser humano, vehículo transmisor de ideas e sentimentos, a través da cal expresar a súa
visión particular do mundo e forma de relacionarse con el. Polas súas características comunicativas, a
arte conecta directamente o ser humano coa súa contorna, converténdoa en elemento catalizador
primordial da creación de capital social que permite aumentar as posibilidades globais de toda a
comunidade. Dende unha perspectiva social, as artes, e en particular as artes escénicas, achegan moi
distintos e variados beneficios: mellora do rendemento académico, benestar físico e psicolóxico,
revitalización de barrios, inclusión social, etc. É por iso que as administracións públicas deben atender
e intervir para garantir a súa óptima provisión, acceso, desenvolvemento e normalización social a fin de
valorizar e prestixiar as artes escénicas como ben de interese social, artístico, cultural e patrimonial.
A Constitución Española, no seu artigo 44.1, sinala que “os poderes públicos promoverán e
tutelarán o acceso á cultura, á cal toda a cidadanía ten dereito”. No artigo 148.17 recolle que “as
Comunidades Autónomas terán a responsabilidade do fomento da cultura, da investigación e do ensino
da lingua da Comunidade Autónoma”. O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2, sitúa
como competencia autonómica “facilitar a participación de toda a poboación galega na vida cultural” e,
no artigo 5.2, recolle que “é facultade de Galicia potenciar o emprego do galego en todos os planos da
vida pública, cultural e informativa”. O artigo 32 recolle “que lle corresponde á Comunidade Autónoma
a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Con tal finalidade, e mediante lei do
Parlamento, constituirase un fondo cultural galego e o Consello da Cultura Galega”. O artigo 35.3
sinala que “a Comunidade Autónoma galega poderá solicitar do Goberno que asine e lle presente, se é
o caso, ás Cortes Xerais para a súa autorización os tratados ou convenios que permitan o
establecemento de relacións culturais cos estados cos que manteña particulares vínculos culturais ou
lingüísticos”. Por último o Estatuto de Autonomía de Galicia no seu artigo 27.19 contempla a
competencia exclusiva da Comunidade Autónoma en materia de “fomento da cultura e da investigación
en Galicia, sen perxuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución” artigo no que se establece que
“sen perxuizo das competencias que poderán asumir as Comunidades Autónomas, o Estado
considerará o servicio da cultura como deber e atribución esencial.
A presente Lei é un instrumento único para desenvolver as potencialidades da Constitución
Española e do Estatuto de Autonomía de Galicia nos ámbitos da creación, xestión, promoción,
normalización e internacionalización das Artes Escénicas. Deste xeito, a Lei promoverá a creación dun
Fondo Escénico Galego con dotación económica, un Consello das Artes Escénicas e convenios de
internacionalización das artes escénicas con calquera país, especialmente con aqueles cos que Galicia
está ligada histórica, lingüística ou culturalmente como os da lusofonía, cultura celta e Galicia exterior.
Galicia, polas súas particularidades xeográficas, lingüísticas, demográficas, históricas e
culturais, posúe un sistema escénico con características e elementos propios e distintivos que fan
preciso un marco legal específico adaptado ao seu contexto e relato cultural. A xeografía e demografía
do país definen unhas necesidades estruturais e de programación diferenciadas doutras comunidades.
Polo tanto, a lei consolidará o uso das artes escénicas como ferramenta de normalización da lingua
galega.
A Lei consta de seis títulos organizados da seguinte maneira:
 TÍTULO PRELIMINAR. DISPOSICIÓNS XERAIS establece disposicións directivas xerais que
regulan o obxecto da Lei, o seu ámbito de aplicación e os plans e programas de actuación
dirixidos a cubrir as necesidades de normalización, planificación e execución.
 TÍTULO PRIMEIRO. DEFINICIÓN DO SISTEMA ESCÉNICO define o sistema escénico e os
seus compoñentes estruturais.
 TÍTULO SEGUNDO. ORGANIZACIÓN INTERNA recolle aspectos referidos á planificación
integral e funcionamento dos espazos e equipamentos públicos para as artes escénicas, aos
planos de difusión e mediación e ás estratexias de internacionalización das Artes Escénicas de
Galicia e de estímulo para a edición e a tradución.
 TÍTULO TERCEIRO. DESENVOLVEMENTO E FOMENTO aborda os planos de financiamento,
axudas públicas e de estímulo económico para a creación, produción, difusión e axudas á
innovación, fomento da excelencia e da competitividade das Artes Escénicas galegas no marco
autonómico e para o fomento da súa actividade no exterior; así como o apoio efectivo para o
tránsito á vida laboral dos/as novas profesionais das Artes Escénicas.
 TÍTULO CUARTO. FORMACIÓN E INNOVACIÓN garante a formación en Artes Escénicas nos
diferentes niveis de ensino regrado, coa ulterior necesidade de crear titulacións, plans de
estudo e centros que satisfagan as necesidades do sistema escénico, e ensino non regrado.
Do mesmo xeito, establece os mecanismos que permitan a investigación e creación de
carácter científico no campo.
 TÍTULO QUINTO. CONSELLO DAS ARTES ESCÉNICAS DE GALICIA aborda a composición e
funcionamento do Consello das Artes Escénicas de Galicia, entre outras disposicións.
Entre os principais fins da Lei, están a consolidación e mellora do sistema escénico, garantir e
facilitar as condicións de acceso ás artes escénicas de toda a poboación e promover a normalización e
desenvolvemento das artes escénicas en todos os eidos da vida en sociedade. Son obxectivos da
mesma a promoción do ensino de artes escénicas en todos os niveis formativos, o apoio á creación
escénica no eido da comunidade e sociedade civil, facilitar o acceso aos espazos de creación e
representación a compañías e creadores/as, mellorar as condicións de traballo da profesión escénica,
ampliar os públicos, potenciar a difusión e garantir o acceso a un financiamento económico axeitado
para a consolidación da cadea de valor das artes escénicas.
TÍTULO PRELIMINAR
DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. Obxecto da Lei.
A presente Lei ten por obxecto establecer o marco xurídico para o desenvolvemento, fomento,
formación, difusión, protección, normalización e preservación das artes escénicas en Galicia e de
Galicia, e de maneira particular:
a) Favorecer a coordinación entre todas as Administracións Públicas e axentes implicados/as
para lograr unha elevada eficiencia nos obxectivos dos recursos e tarefas destinadas á
promoción da actividade escénica en Galicia.
b) Garantir a diversidade e a visión humanística da actividade escénica, como capital simbólico e
estratéxico de Galicia sen que por iso sexa considerada como unha actividade ligada ao
concepto das industrias culturais.
c) Asegurar un acompañamento orzamentario adecuado para o sector escénico, cunha achega
suficiente para esta actividade dentro dos orzamentos xerais da Administración autonómica
acorde ao PIB da Comunidade galega.
d) Regular os dereitos de todos/as as creadoras e deseñadoras implicadas na autoría dunha obra
escénica, acollendo acollendo diferentes sensibilidades e opcións de xestión como a
autoxestión, as entidades de xestión, licencias de código libre, etc...
e) Modernizar, visibilizar e estender socialmente os oficios, o patrimonio e as técnicas e
ocupacións que vaian xurdindo entre a sociedade e en novos ámbitos de aplicación.
f) Incentivar a participación do sector privado no desenvolvemento de todas as actividades
escénicas.
g) Garantir a aplicación das normas e convenios profesionais específicos que regulan as
condicións de traballo da profesión escénica así como delimitar o ámbito de aplicación da
normativa de contratación pública do rexido polos acordos convenionais establecidos polo
sector.
Artigo 2. Ámbito de aplicación da Lei.
O contido desta lei será aplicado ao sistema escénico de Galicia e correspóndelle ás institución
públicas de Galicia apoiar e promover a creación e produción das artes escénicas, así como a súa
difusión, facilitando o acceso de toda a poboación.
Artigo 3. Desenvolvemento da Lei.
1. Correspóndelle á Xunta de Galicia baixo o control técnico do Consello das Artes Escénicas establecer
o desenvolvemento normativo, regulamentos e a elaboración de planos de acción plurianuais con
dotación orzamentaria que permitan cumprir co mandado da mesma.
2. Da presente normativa poderanse derivar tantas normas de rango igual ou inferior, de acordo coas
necesidades e especificidades de cada área, nomeadamente as leis de creación das compañías
públicas de Artes Escénicas; así como acordos e convenios de colaboración con distintos organismos
para a dinamización da actividade escénica en Galicia.
TÍTULO PRIMEIRO
DEFINICIÓN DO SISTEMA ESCÉNICO
Artigo 4. Definición do feito escénico.
Proceso de creación, interpretación e exhibición de toda acción dramática ou dramatizada que
aconteza nun mesmo espazo/tempo e que permita o encontro cos públicos.
Artigo 5. Definición dos oficios do sistema escénico.
1. Oficios ligados á creación artística. Todos os implicados no proceso de deseño, construción, creación,
interpretación e exhibición escénica.
2. Oficios ligados á resolución técnica. Todos os implicados no desenvolvemento e apoio aos procesos de
deseño, construción, creación, interpretación e exhibición escénica.
3. Oficios ligados á formación. Todos os implicados na docencia, investigación e divulgación dos
diferentes procesos das artes escénicas.
4. Oficios ligados á xestión, mediación e animación. Todos os que permiten a comunicación e
intermediación entre os diferentes oficios, institucións e públicos do sistema escénico: responsables da
xestión, animadores, tarefas e servizos auxiliares, programación, dirección artística de espazos,
programas ou festivais, xornalismo cultural, crítica, produción, distribución, comunicación e promoción
dos diferentes procesos das artes escénicas.
Artigo 6. Definición dos/as profesionais, alumno/as e afeccionado/as das artes
escénicas.
1. Considérase profesional das artes escénicas toda aquela persoa que dispoña dunha titulación oficial e
a que exerce un oficio escénico como actividade laboral por conta propia ou allea e polo que recibe
unha contraprestación económica.
2. Considérase alumno/a das artes escénicas toda aquela persoa que recibe formación escénica ou que
exerce unha actividade escénica dentro dunha actividade formativa e polo que non recibe unha
contraprestación económica, excepto no caso de bolseiros/as.
3. Considérase afeccionado/a das artes escénicas toda aquela persoa que exerce unha actividade
escénica de lecer pola que non recibe unha contraprestación económica.
Artigo 7. Definición da actividade profesional, académica, afeccionada e mixta.
1. Considéranse actividades e espectáculos profesionais das artes escénicas todos os integrados en
exclusiva por profesionais do sistema escénico que exercen unha actividade laboral,
independentemente da fórmula xurídica que os acolla.
2. Considéranse actividades e espectáculos académicos das artes escénicas todos os integrados en
exclusiva por alumnos/as e docentes do sistema escénico que exercen unha actividade formativa,
independentemente da fórmula xurídica que os acolla.
3. Considéranse actividades e espectáculos afeccionados das artes escénicas todos os integrados en
exclusiva por afeccionados/as do sistema escénico que exercen unha actividade de lecer pola que non
reciben unha contraprestación económica, independentemente da fórmula xurídica que os acolla.
4. Considéranse actividades e espectáculos mixtos das artes escénicas todos os que non se acollen
baixo ningún dos anteriores epígrafes, independentemente da fórmula xurídica que os acolla.
Artigo 8. Definición das institucións do sistema escénico segundo a súa
titularidade.
1. Institucións de carácter público. Todas aquelas institucións públicas con responsabilidades,
competencias e intereses no feito escénico en todos os seus ámbitos: estatal, autonómico, provincial,
supramunicipal e municipal.
2. Institucións de carácter privado. Todas aquelas institucións privadas con actividades e intereses
relacionados co feito escénico.
3. Institucións de carácter mixto. Todas aquelas institucións con participación pública, privada ou outro
tipo de estruturas ligadas á sociedade civil.
Artigo 9. Definición das estruturas do sistema escénico segundo a súa función.
1. Institucións educativas. Todas as institucións relacionadas co ensino e a investigación do feito escénico
de calquera nivel, tanto de carácter regrado como non regrado, incluídas as artes escénicas escolares
e universitarias.
2. Asociacións, federacións e colectivos sectoriais. Todas as que agrupen a persoas ou organizacións
implicadas en calquera dos ámbitos relacionados co feito escénico para a defensa dos seus dereitos
colectivos e a promoción das artes escénicas.
3. Compañías. Entidades dedicadas como fin principal á creación e exhibición de espectáculos e
proxectos escénicos.
4. Produtoras. Entidades dedicadas principalmente á produción e xestión de espectáculos e proxectos
escénicos.
5. Distribuidoras. Entidades dedicadas principalmente a exercer a mediación entre creadores/as e
produtores/as de espectáculos e proxectos escénicos, coas persoas e entidades responsables da
programación e os espazos de creación e exhibición.
6. Provedores de servizos escénicos. Entidades dedicadas á prestación de servizos auxiliares ás artes
escénicas.
7. Organizacións ligadas á comunicación e difusión. Entidades dedicadas a exercer a mediación e facilitar
o intercambio de información entre os/as diferentes axentes do sistema escénico e os públicos.
8. Sociedades de xestión de dereitos.
Artigo 10. Espazos de exhibición e difusión.
Todos aqueles espazos e localizacións susceptibles de acoller a práctica e exhibición escénica.
1. Espazos interiores: teatros, salas, auditorios, centros autoxestionados e espazos non convencionais.
2. Espazos exteriores: prazas, rúas, patios, entornos naturais e espazos non convencionais.
Artigo 11. Programas de exhibición e difusión.
Todos aqueles programas destinados a exhibir e difundir a práctica escénica.
1. Circuítos. Programa que permite a itinerancia ás compañías por diferentes espazos pertencentes ao
circuíto.
2. Redes. Conxunto de espazos agrupados que comparten recursos, información ou outros elementos
para a configuración da súa programación.
3. Tempadas.
4. Festivais.
5. Ciclos.
6. Xornadas.
7. Encontros.
8. Mostras.
9. Feiras.
Artigo 12. Espectadoras e espectadores.
Interlocutores e interlocutoras do feito escénico e públicos potenciais en toda a súa diversidade
que acompañan, completan, protagonizan e participan do proceso artístico.
Artigo 13. Consello das Artes Escénicas.
Consello con representación de todos os sectores da actividade escénica destinado a elaborar
informes con carácter preceptivo e controlar o cumprimento das liñas principais da política escénica
que a Xunta de Galicia levará a cabo a través do organismo ou departamento específico neste ámbito.
TÍTULO SEGUNDO
ORGANIZACIÓN INTERNA
Artigo 14. Funcionamento dos espazos e equipamentos públicos para as artes
escénicas.
1. Todas as administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das súas
competencias, terán a obriga legal de establecer un plan director para os seus espazos públicos de
representación e creación, que contemple a misión, visión e acción escénica dos mesmos.
2. A Xunta de Galicia velará e apoiará con ferramentas e recursos polo correcto cumprimento de cada
plan, que se supervisará e avaliará periodicamente.
3. Cada un destes espazos deberá formular o seu modelo de xestión en base ás fórmulas directas ou
indirectas como poden ser: Dirección Artística de espazos escénicos, Compañías Residentes, modelos
mixtos que se consideren oportunos para cada contexto. Neste proxecto, deberanse incluír estratexias
relativas á mellora de equipamentos e infraestruturas, accesibilidade, estabilidade creativa e
participación de toda a cidadanía na diversidade creativa das artes escénicas: teatro, circo, danza,
monicreques, maxia e calquera outra disciplina escénica.
Artigo 15. As compañías institucionais de artes escénicas de Galicia.
A Xunta de Galicia dotará os centros institucionais, Centro Dramático Galego e Centro
Coreográfico Galego ou calquera outro que se poida crear no futuro, dunha estrutura xurídica propia
que permita o seu funcionamento autónomo.
Artigo 16. Programas de difusión do teatro afeccionado, comunitario e para a
inclusión social.
1. Teatro afeccionado. As administracións públicas, no ámbito das súas competencias, deberán
desenvolver programas específicos que poñan en valor o labor do teatro afeccionado, principalmente
como piar para a creación de públicos e a súa base social. Así mesmo, deberanse destinar recursos e
oportunidades que garantan a creación e difusión do patrimonio escénico dos colectivos de teatro
afeccionado, potenciando igualmente os marcos de formación, encontro e intercambio entre persoas
practicantes e usuarias.
2. Teatro comunitario. As administracións públicas deberán fomentar, así mesmo, o traballo e a
cooperación entre asociacións, colectivos, organizacións ou compañías que leven a cabo actividades
artístico-terapéuticas, pedagóxicas ou socio-políticas en liña co teatro comunitario ou para a inclusión
social a través das Artes Escénicas.
Artigo 17. Programas de mediación e comunicación social das Artes Escénicas.
1. As Administracións Públicas, en coordinación cos espazos de representación e de creación, terán a
obriga de implementar programas de mediación que contribúan á visibilización e consideración social
das Artes Escénicas.
2. Os poderes públicos tamén deberán deseñar e implantar campañas específicas para fomentar a
mellora da competencia estética da cidadanía co obxecto de incrementar o uso, coñecemento e goce
das Artes Escénicas.
3. As Administracións Públicas deberán orientar a comunicación social en materia de Artes Escénicas en
base a estudos e análises sociolóxicas periódicas, podendo establecer convenios con institucións e
entidades que poidan contribuír a tal fin.
4. As Administracións Públicas deberán incluír contidos no sistema educativo galego, nomeadamente nos
ciclos de formación primaria e secundaria, tanto de expresión dramática coma de análise e recepción
escénica.
5. A Xunta de Galicia deberá establecer, a través da CRTVG, unha serie de contidos mínimos e liñas
estratéxicas para aumentar a visibilidade e prestixio social das Artes Escénicas entre os públicos e
potenciais persoas usuarias. Tamén se deberá promover a presenza de información e crítica escénica
estable nos medios de comunicación.
6. A Xunta de Galicia deberá promover a creación dun centro expositivo con tarefas de catalogación,
investigación e innovación en materia de Artes Escénicas, que podería estar adscrito a institucións
afíns para poder optimizar bens e recursos, como pode ser a ESAD de Galicia.
Artigo 18. Promoción exterior.
A Xunta de Galicia creará unha marca específica e un conxunto de accións destinadas á
proxección exterior das Artes Escénicas galegas, tanto a nivel estatal coma a nivel internacional e con
especial atención ao ámbito lusófono e ás comunidades galegas como receptoras, creadoras,
promotoras e distribuidoras de cultura galega no exterior, coordinadas baixo o amparo dun futuro
instituto de proxección exterior da cultura galega.
Artigo 19. Estímulo e apoio á edición e tradución teatral.
1. A Xunta de Galicia creará programas específicos que garantan a tradución e edición de obras
dramáticas e de textos sobre materia escénica galegos a linguas estranxeiras, e á inversa.
2. As institucións públicas deberán velar pola difusión e fomento da materia dramatúrxica galega
contemporánea mediante a sinatura de convenios, liñas editoriais, campañas de intercambio con
festivais, organismos e institucións externas e internas, residencias artísticas, etc.
TÍTULO TERCEIRO
DESENVOLVEMENTO E FOMENTO
Artigo 20. Axudas á promoción do sector escénico.
A Xunta de Galicia, en colaboración coas demais administracións públicas, publicará programas de
apoio con convocatorias públicas por concorrencia competitiva e cunha dotación económica suficiente
para atender as necesidades do sector. A convocatoria de axudas debe garantir o correcto
desenvolvemento da creación, produción e distribución das artes escénicas galegas, atendendo á
especificidade de cada un dos/das axentes, proxectos e fases de traballo: compañía consolidada e
emerxente ou de nova creación; creadores/as individuais; proxectos puntuais e estables; teatro
profesional, afeccionado, para a inclusión social e comunitario; espazos de formación, creación e
representación públicos, privados, mixtos, autoxestionados e non convencionais; festivais, mostras,
encontros, etc. de teatro, danza, circo, monicreques, etc; produción, xestión, programación,
distribución, difusión, publicación, edición e investigación científica, etc. e deste xeito:
a) Apoiando a formación profesional mediante axudas, bolsas, titorías e residencias para a
formación permanente e o perfeccionamento das persoas ligadas ás profesións do sistema
escénico.
b) Acompañando orzamentariamente o desenvolvemento de programas de investigación e
difusión das novas liñas de investigación e innovación creativa.
c) Acompañando orzamentariamente programas e proxectos de recuperación, documentación e
catalogación, conservación e difusión do patrimonio artístico escénico galego.
d) Acompañando orzamentariamente programas de mediación cultural e formación de públicos.
e) Acompañando orzamentariamente plans para a implementación de infraestruturas e
equipamentos específicos que cubran as necesidades dotacionais de todos os procesos do
sector escénico.
f) Acompañando orzamentariamente o apoio a compañías profesionais emerxentes, de nova
creación ou outros proxectos puntuais froito da asociación de creadores individuais.
g) Acompañando orzamentariamente o apoio a compañías profesionais para a contratación de
profesionais ligados/as ao proceso de deseño e creación escénica.
Así mesmo, a Administración tamén poderá asinar convenios bilaterais ou protocolos de
colaboración con dotacións nominativas para cantas actividades ou eventos considere de especial
interese e protección.
Artigo 21. Axudas á creación, promoción e fomento de espazos de formación,
creación e representación.
É labor da Xunta de Galicia favorecer e garantir a creación e desenvolvemento de espazos de
formación, creación e representación escénicos a través de:
a) Dotación orzamentaria para a creación de establecementos de ensino superior de artes
escénicas específicos a cada unha das diversidades creativas das artes escénicas (teatro,
danza, circo, monicreques, maxia ou calquera outra disciplina escénica.)
b) Dotación orzamentaria de proxectos orientados á xestión de espazos de creación e
representación con nula ou escasa cobertura, con especial atención a espazos do entorno rural
e vilas.
c) Dotación orzamentaria para o uso axeitado dos espazos do patrimonio escénico ou en proceso
de seren considerados e que se atopan en situación de abandono para a realización de
actividades relacionadas co feito escénico.
d) Dotación orzamentaria para a creación e desenvolvemento de residencias artísticas en
espazos de creación e representación públicos, privados e mixtos da comunidade galega.
e) Dotación orzamentaria para a programación e sostenibilidade, equipamento e o axeitado
mantemento de espazos de creación e representación públicos, privados e mixtos,
especialmente aqueles en situación de risco e con especial atención a espazos alternativos.
f) Dotación orzamentaria para a creación de novos espazos de creación e representación
alternativos e autoxestionados.
g) Dotación orzamentaria para a creación ou adaptación de espazos de creación, representación
e adestramento específicos a cada unha das diversidades creativas das artes escénicas
(danza, teatro, circo, monicreques, maxia ou calquera outra disciplina escénica.)
h) Dotación orzamentaria para a xestión e programación de espazos de creación e
representación a través de compañías residentes.
i) Dotación orzamentaria para e xestión e programación de festivais, mostras, encontros, etc.
específicos a cada unha das diversidades creativas das artes escénicas (danza, teatro, circo,
monicreques, maxia e calquera outra disciplina escénica).
j) Dotación orzamentaria para a reactivación de festivais, mostras, encontros, etc. de recoñecida
traxectoria e repercusión social en situación de risco.
Artigo 22. Coproducións, residencias e espazos de creación.
A Xunta de Galicia a través de convenios e outras fórmulas cooperará con outras
Administracións, institucións e entidades públicas e privadas para o desenvolvemento de
coproducións, proxectos de residencias e espazos estables de creación e adestramento, como xeito de
abrir novas vías de relación público-privadas que contribúan á estabilidade e sostenibilidade do
sistema escénico galego.
Artigo 23. Promoción exterior das artes escénicas galegas.
A Xunta de Galicia ten a obriga de estar presente en feiras estatais e internacionais e
concederá axudas para promover a participación doutras administracións e entidades privadas na
apertura de novos mercados das artes escénicas galegas.
Artigo 24. Premios, bolsas e outros recoñecementos.
1. A Xunta de Galicia outorgará un galardón específico na categoría de Artes Escénicas, con dotación
económica, para premiar a excelencia ou valor cultural e favorecer o impulso dos bens e produtos máis
competitivos do sector: profesionais e axentes; producións e proxectos escénicos; compañías,
festivais, escolas, asociacións e colectivos; editoriais especializadas e publicacións críticas e de
investigación científica; investigación e innovación creativa, etc.
2. A Xunta de Galicia concederá bolsas de estudo orientadas á promoción e formación de profesionais
adscritos/as a novas liñas de investigación e innovación creativa e ao tránsito á vida laboral dos novos
titulados en Arte Dramática de Galicia e doutros centros superiores de ensinanzas escénicas, así como
á formación permanente e ao perfeccionamento dos/as profesionais das distintas áreas das artes
escénicas.
3. Outros recoñecementos que estimulen a actividade do sector:
a) Estatuto de espazos escénicos de interese cultural ou de referencia.
b) Recoñecemento público a determinadas asociacións de espectadores/as.
c) Recoñecemento de interese cultural a empresas de artes escénicas pola súa traxectoria ou
carácter innovador.
d) Estatuto de programacións escénicas de interese cultural ou de referencia para determinados
festivais e programacións en función da súa traxectoria ou carácter innovador e estratéxico.
Artigo 25. Fondo de promoción escénica.
A Xunta de Galicia, a través do seu órgano correspondente, creará un Fondo de Promoción
Escénica para a captación de fondos públicos e privados procedentes de sectores distintos do
estritamente escénico, que sirvan para a mellora dos mecanismos de financiamento dos proxectos
escénicos galegos.
Trataríase de axudas retornables, de natureza distinta ás subvencións, e será a Xunta de
Galicia, a través do seu Consello de Artes Escénicas, quen determine o tipo de proxectos que poderían
obter financiamento a través deste fondo e en que condicións.
A CRTVG formará parte deste Fondo aportando unha cantidade determinada.
Artigo 26. Fomento das artes escénicas na educación.
A Consellería de Educación e a Consellería de Traballo levarán a cabo accións coordinadas co
fin de estimular, a través de bolsas, titorías e residencias, accións orientadas ao desenvolvemento da
educación artística e profesional, ao perfeccionamento docente ou á produción de obras de interese
académico.
Artigo 27. Medios de comunicación públicos.
1. A rede de radio e televisión da Comunidade Autónoma, dentro dos seus espazos destinados á
publicidade, outorgará unha redución de canto menos o 50% das súas tarifas para a publicidade das
xiras das compañías galegas.
2. A Xunta de Galicia establecerá un sistema de axudas destinado aos medios de comunicación privados
que editen suplementos semanais ou outro tipo de publicación, en calquera soporte, destinados á
promoción das artes escénicas e da crítica da produción escénica galega, e en lingua galega.
Artigo 28. Outras medidas de fomento e incentivos fiscais.
A Xunta de Galicia empregará todos os mecanismos fiscais á súa disposición para a mellora do
sistema escénico dentro das competencias en materia fiscal delegadas.
TÍTULO CUARTO
FORMACIÓN E INNOVACIÓN
Artigo 29. As artes escénicas no ensino infantil, secundario e ciclos formativos.
1. Tanto no ensino infantil como no primario e secundario obrigatorio, as artes escénicas gozarán dun
tratamento transversal. É labor das administracións educativas incluír este tratamento nos programas
educativos dos distintos niveis, así como poñer os medios necesarios para levalos a cabo.
2. O segundo ciclo do ensino secundario incluirá unha materia específica que sirva de iniciación ás artes
escénicas cun carácter eminentemente práctico. É labor das administracións educativas lexislar o
currículo desta materia, a súa inclusión no curso que sexa conveniente e poñer os medios necesarios
para levalo a cabo.
3. O Bacharelato Artístico, na súa modalidade de “Artes escénicas e musicais”, incluirá as ensinanzas de
circo, danza, monicreques, música, maxia, teatro ou calquera outra disciplina escénica. É labor das
administracións educativas lexislar o currículo desta materia, a súa inclusión no curso que sexa
conveniente e poñer os medios necesarios para levalo a cabo.
4. Os Ciclos Formativos incluirán nos seus catálogos ofertas de cursos superiores relacionados coas
artes escénicas, tanto de animación escénica (circo, monicreques, danza, teatro ou calquera outra
disciplina escénica) como de montaxe e asistencia técnica (iluminación, son e tremoia), así como
cursos medios de técnicos/as de montaxe de espectáculos.
5. Os Estudos Superiores Universitarios, nomeadamente no eido das humanidades, deberían incluír
programas de estudo disciplinares ou multidisciplinares de artes escénicas. É labor das
administracións educativas lexislar os currículos destes estudos, a súa inclusión no seu catálogo de
especialidades e poñer os medios necesarios para levalos a cabo.
Artigo 30. Sobre o Ensino Superior de Artes Escénicas.
1. O Ensino Superior de Artes Escénicas ten como obxectivo formar profesionais nos ámbitos da danza,
monicreques, teatro, circo ou calquera outra disciplina escénica.
2. Os establecementos onde se imparte Ensino Superior de Artes Escénicas deben poder ter capacidade
para adscribirse ou integrarse na universidade, para poder ofertar titulacións de grao e posgrao e, así,
desenvolver programas de investigación segundo estableza a lei vixente.
3. Os establecementos onde se imparte Ensino Superior de Artes Escénicas deben poder desenvolver
programas que permitan parcerías con axentes do sector, institucións e establecementos públicos ou
privados de carácter científico, cultural e ou profesional para o fomento da investigación aplicada á
creación e innovación.
4. O profesorado dos establecementos onde se imparte Ensino Superior de Artes Escénicas, para
acceder a impartir dito ensino deberán contar coa titulación que marque a lei vixente. Ademais, para
accións puntuais, deberase poder contar coa presenza de profesorado convidado, seleccionado entre
prestixiosos/as profesionais especialistas na materia.
5. Os establecementos onde se imparte Ensino Superior de Artes Escénicas deben poder formar os
alumnos/as tendo en conta a súa futura inserción no ámbito laboral, tanto por conta allea como por
conta propia.
6. Os establecementos onde se imparte Ensino Superior de Artes Escénicas deben poder dispor das
infraestruturas, recursos humanos e equipamentos específicos para a debida formación do alumnado
nas diversidades creativas das artes escénicas (danza, teatro, circo, monicreques ou calquera outra
disciplina escénica). É labor das administracións públicas lexislar para destinar recursos dos seus
orzamentos correspondentes para levar a cabo ditas accións anteriormente descritas.
Artigo 31. O ensino non regrado das Artes Escénicas.
Enuméranse como ensino non regrado os seguintes tipos de ensino:
a) Escolas municipais de circo, danza e teatro ou calquera disciplina escénica.
b) Academias, centros e escolas privadas de circo, danza, teatro ou calquera disciplina escénica.
c) Programas ou proxectos de formación organizados por asociacións, federacións, compañías,
colectivos ou outras entidades en colaboración ou non con entidades ou organismos oficiais.
d) Obradoiros de formación interna organizados polos propios grupos afeccionados.
As administracións públicas, nomeadamente as autonómicas, provinciais e locais, fomentarán e
destinarán recursos nos seus orzamentos correspondentes para apoiar as diferentes modalidades de
ensino non regrado na forma que estimen oportuno (subvencións, financiamento mixto, axudas, etc.)
Artigo 32. Formación continuada e investigación.
1. É labor de todo o profesorado das artes escénicas estar en permanente actualización a través de
programas de investigación, formación e innovación.
2. É labor de todas as administracións públicas activar programas de apoio á investigación, formación e
innovación en artes escénicas vinculadas ao contexto e á comunidade.
3. É labor dos centros de ensino primario, secundario, formación profesional e superior activar programas
de apoio á investigación, formación e innovación en artes escénicas vinculados ao contexto ou á
comunidade a través dos programas que a comunidade educativa teña previstos.
4. É labor das administracións públicas lexislar para destinar recursos nos seus orzamentos
correspondentes para levar a cabo as accións anteriormente descritas.
Artigo 33. Promoción e formación dos recursos humanos para facilitar unha
inserción laboral satisfactoria e un sector escénico competitivo.
2. É labor da Xunta favorecer a cualificación dos Recursos Humanos para mellorar a inserción laboral por
conta allea, e deste xeito:
a) Favorecendo a actividade e o desenvolvemento das organizacións profesionais e sindicais
coas que colaborar no deseño dunha oferta formativa coherente coas necesidades do sector.
b) Favorecendo as prácticas profesionais en empresas de artes escénicas, dando a coñecer as
condicións laborais, características da cotización á Seguridade Social, os convenios colectivos
de aplicación, riscos laborais e saúde no traballo, etc.
3. É labor da Xunta favorecer a cualificación dos Recursos Humanos para mellorar a inserción laboral por
conta propia, e deste xeito:
a) Deseñando unha oferta formativa sobre emprendemento nas artes escénicas, tendo en conta
as características do sector, as oportunidades e as posibilidades de innovación.
b) Deseñando unha oferta formativa dirixida a empresas constituídas no sector escénico, para a
mellora empresarial en cuestións como xestión empresarial, canles de distribución e
comercialización, internacionalización, etc.
c) Desenvolvendo unha rede de mentorización mediante a cal as empresas do sector escénico
consolidadas se convertan en mentoras das empresas de nova creación que necesiten dun
asesoramento baseado na experiencia.
d) Promovendo a creación de viveiros de empresas das artes escénicas que conten con espazos
diferenciados para a creación artística e para a xestión empresarial, con aulas para a formación
especializada e titorización en xestión empresarial.
4. É labor das administracións públicas lexislar para destinar recursos nos seus orzamentos
correspondentes para levar a cabo as accións anteriormente descritas.
Artigo 34. Documentación e arquivo.
1. É labor de todas os/as artistas, compañías, organizacións e colectivos que reciban recursos públicos
para desenvolver proxectos de artes escénicas documentar, arquivar, visibilizar e conservar as
diferentes etapas do seu proceso de creación e produción.
2. É labor da Xunta de Galicia, en colaboración coa comunidade universitaria, centros de investigación
públicos e ensinanzas superiores en Artes Escénicas, crear, manter e actualizar un centro de
documentación on e off line que recolla toda a información dispoñible dos proxectos que apoia a través
dos diferentes mecanismos de financiamento e subvencións, no que teñan tamén cabida proxectos
galegos producidos sen apoio público.
3. É labor de todas as cidades galegas rexidas pola lei de grandes cidades poñer en marcha, xestionar e
manter actualizado un arquivo escénico local a través de bibliotecas públicas, e en colaboración coa
comunidade universitaria, centros de investigación públicos e ensinanzas superiores en artes
escénicas, a partir dos recursos que a Xunta de Galicia destina para dito fin.
4. É labor das administracións públicas lexislar para destinar recursos nos seus orzamentos
correspondentes para levar a cabo as accións anteriormente descritas.
TÍTULO QUINTO
CONSELLO DAS ARTES ESCÉNICAS DE GALICIA
Artigo 35. Plan de fomento da recepción escénica.
Nun prazo máximo de seis meses, contados a partir da entrada en vigor desta Lei, a Xunta de
Galicia presentará perante o Parlamento de Galicia un Plan de fomento e dinamización da recepción
escénica no que, ademais de recoller obxectivos e medidas, se determine unha periodización e o
orzamento necesario para o seu desenvolvemento.
Artigo 36. Composición e funcionamento do Consello das Artes Escénicas de
Galicia.
1. O Consello das Artes Escénicas estará formado por un máximo de quince membros, dos cales polo
menos oito serán elixidos/as polos diferentes colectivos e persoas representativas do sector das Artes
Escénicas galegas. O resto serán designados/as polo Parlamento de Galicia, entre expertos/as no
mundo das Artes Escénicas e membros das diferentes administracións públicas.
2. O Consello das Artes Escénicas establecerá os mecanismos de seguimento e control, con dotación
orzamentaria suficiente para medir e avaliar a posta en práctica dos planos plurianuais.
3. O Consello das Artes Escénicas debe velar polo desenvolvemento da actividade escénica, colaborar
no ordenamento e intervir nas políticas de apoio á creación e promoción, e organizar un sistema de
auditoría escénica dos equipamentos e subvencións públicas que teña en conta a promoción das artes
escénicas e do seu retorno social.
4. A Xunta de Galicia proporcionará ao Consello das Artes Escénicas o apoio preciso para realizar as
súas actividades e cumprir as súas finalidades.
5. O regulamento de funcionamento será desenvolvido mediante decreto pola consellería que asuma as
competencias relativas á cultura.
6. O Consello das Artes Escénicas constituirase no prazo de seis meses despois da entrada en vigor
desta lei.

More Related Content

Viewers also liked

ทฤษฎีการเรียนรู้ที่เป็นที่นิยมในปัจจุบัน
ทฤษฎีการเรียนรู้ที่เป็นที่นิยมในปัจจุบันทฤษฎีการเรียนรู้ที่เป็นที่นิยมในปัจจุบัน
ทฤษฎีการเรียนรู้ที่เป็นที่นิยมในปัจจุบันZalarung Auai
 
Wirelesss power transmission psa
Wirelesss power transmission psaWirelesss power transmission psa
Wirelesss power transmission psaRafie Ahmed
 

Viewers also liked (6)

Mohamed Said CV1
Mohamed Said CV1Mohamed Said CV1
Mohamed Said CV1
 
ทฤษฎีการเรียนรู้ที่เป็นที่นิยมในปัจจุบัน
ทฤษฎีการเรียนรู้ที่เป็นที่นิยมในปัจจุบันทฤษฎีการเรียนรู้ที่เป็นที่นิยมในปัจจุบัน
ทฤษฎีการเรียนรู้ที่เป็นที่นิยมในปัจจุบัน
 
SALUD PUBLICA
SALUD PUBLICASALUD PUBLICA
SALUD PUBLICA
 
Januarius-rec
Januarius-recJanuarius-rec
Januarius-rec
 
resume
resumeresume
resume
 
Wirelesss power transmission psa
Wirelesss power transmission psaWirelesss power transmission psa
Wirelesss power transmission psa
 

Similar to Anteproxecto de lei de artes escénicas de galicia

Artilleria Naval La Carrraca
Artilleria Naval La CarrracaArtilleria Naval La Carrraca
Artilleria Naval La CarrracaEncarna Lago
 
XII Festival Artes pola integración
XII Festival Artes pola integraciónXII Festival Artes pola integración
XII Festival Artes pola integraciónEncarna Lago
 
Ditame Do C C G Sobre O Decretazo Contra O Galego
Ditame Do  C C G Sobre O Decretazo Contra O GalegoDitame Do  C C G Sobre O Decretazo Contra O Galego
Ditame Do C C G Sobre O Decretazo Contra O GalegoSanti P
 
Un museo para todos entre todos
Un museo para todos entre todosUn museo para todos entre todos
Un museo para todos entre todosrmplugo
 
Consello Municipal de Cultura
Consello Municipal de CulturaConsello Municipal de Cultura
Consello Municipal de Culturabng.compostela
 
Diptico lugo arxentina
Diptico lugo arxentinaDiptico lugo arxentina
Diptico lugo arxentinaEncarna Lago
 
Programa Carlos Calvelo
Programa Carlos CalveloPrograma Carlos Calvelo
Programa Carlos CalveloCarlos Calvelo
 
IV Congreso Xeneros, Museos Arte Educación Rede Museística
IV Congreso Xeneros, Museos Arte Educación Rede MuseísticaIV Congreso Xeneros, Museos Arte Educación Rede Museística
IV Congreso Xeneros, Museos Arte Educación Rede MuseísticaEncarna Lago
 
II Congreso de Xénero, Museos, Arte e Migración
II Congreso de Xénero, Museos, Arte e MigraciónII Congreso de Xénero, Museos, Arte e Migración
II Congreso de Xénero, Museos, Arte e Migraciónrmplugo
 
Comunicado ConstitucióN Queremos Galego
Comunicado ConstitucióN Queremos GalegoComunicado ConstitucióN Queremos Galego
Comunicado ConstitucióN Queremos Galegocenlf
 

Similar to Anteproxecto de lei de artes escénicas de galicia (17)

Declaración de compromiso coas artes escénicas
Declaración de compromiso coas artes escénicasDeclaración de compromiso coas artes escénicas
Declaración de compromiso coas artes escénicas
 
Artilleria Naval La Carrraca
Artilleria Naval La CarrracaArtilleria Naval La Carrraca
Artilleria Naval La Carrraca
 
Lingua galega e axentes culturais. Luís Bará
Lingua galega e axentes culturais. Luís BaráLingua galega e axentes culturais. Luís Bará
Lingua galega e axentes culturais. Luís Bará
 
XII Festival Artes pola integración
XII Festival Artes pola integraciónXII Festival Artes pola integración
XII Festival Artes pola integración
 
boletín xaneiro 2017
boletín   xaneiro 2017boletín   xaneiro 2017
boletín xaneiro 2017
 
Ditame Do C C G Sobre O Decretazo Contra O Galego
Ditame Do  C C G Sobre O Decretazo Contra O GalegoDitame Do  C C G Sobre O Decretazo Contra O Galego
Ditame Do C C G Sobre O Decretazo Contra O Galego
 
Un museo para todos entre todos
Un museo para todos entre todosUn museo para todos entre todos
Un museo para todos entre todos
 
Consello Municipal de Cultura
Consello Municipal de CulturaConsello Municipal de Cultura
Consello Municipal de Cultura
 
Diptico lugo arxentina
Diptico lugo arxentinaDiptico lugo arxentina
Diptico lugo arxentina
 
Dia internacional da arte
Dia internacional da arteDia internacional da arte
Dia internacional da arte
 
Programa Carlos Calvelo
Programa Carlos CalveloPrograma Carlos Calvelo
Programa Carlos Calvelo
 
Lugo Camerata dossier informativo
Lugo Camerata dossier informativoLugo Camerata dossier informativo
Lugo Camerata dossier informativo
 
Concellos en rede por galiza
Concellos en rede por galizaConcellos en rede por galiza
Concellos en rede por galiza
 
IV Congreso Xeneros, Museos Arte Educación Rede Museística
IV Congreso Xeneros, Museos Arte Educación Rede MuseísticaIV Congreso Xeneros, Museos Arte Educación Rede Museística
IV Congreso Xeneros, Museos Arte Educación Rede Museística
 
II Congreso de Xénero, Museos, Arte e Migración
II Congreso de Xénero, Museos, Arte e MigraciónII Congreso de Xénero, Museos, Arte e Migración
II Congreso de Xénero, Museos, Arte e Migración
 
ColeccióN 5
ColeccióN 5ColeccióN 5
ColeccióN 5
 
Comunicado ConstitucióN Queremos Galego
Comunicado ConstitucióN Queremos GalegoComunicado ConstitucióN Queremos Galego
Comunicado ConstitucióN Queremos Galego
 

Anteproxecto de lei de artes escénicas de galicia

  • 1. ANTEPROXECTO DE LEI DAS ARTES ESCÉNICAS DE GALICIA (26 de marzo de 2016) EXPOSICIÓN DE MOTIVOS A Lei de Artes Escénicas de Galicia nace coa misión de ser un instrumento xurídico que permita desenvolver os mandados de impulso, protección e difusión que garantan a creación cultural e o acceso da cidadanía á cultura establecidos na Constitución e no Estatuto de Autonomía de Galicia. As artes escénicas constitúen, segundo a UNESCO, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, a Observación Xeral nº 21 sobre o dereito a participar da vida cultural de Xenebra do 19 de Novembro de 2009 e o Protocolo facultativo ao Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de 1966, ademais dunha das principais manifestacións do patrimonio cultural dun pobo e, xunto coa lingua, un dos máis fortes vehículos de transmisión de coñecemento, un dereito colectivo fundamental. Dende os albores da humanidade, as artes escénicas son un elemento central da vida en sociedade e da creación estética. Pinturas rupestres con máis de dez milenios amosan figuras danzantes e prácticas rituais de grande dramaticidade, teatralidade e espectacularidade ligadas á vida cotiá, o que revela a importancia que as artes escénicas tiveron dende as comunidades primitivas até a actualidade. O desenvolvemento das artes escénicas en todas as culturas é constante cunha ampla diversidade de formas: dende manifestacións de carácter ritual a expresións puramente estéticas, pasando por prácticas instrumentais, e que serven como vehículo de transmisión de coñecemento, punto de encontro e fonte de debate e reflexión para a formación de pensamento crítico. A asistencia e participación en actividades escénicas é un importante indicador do desenvolvemento dunha sociedade e a ONU liga este feito intrinsecamente ao desenvolvemento económico dun pobo. É por iso que resulta un sector estratéxico que debe gozar da protección, impulso, promoción, regulación e difusión por parte das administracións públicas a fin de garantir a súa visibilidade, difusión e normalización. Así mesmo a lei garantirá o acceso ás artes escénicas en condicións de liberdade e igualdade para toda a poboación, favorecendo a pluralidade de expresións e formas de creación ligadas á escena. As artes escénicas, como ben de carácter económico, deben ser analizadas en función do seu impacto como factor de innovación económica e social e non exclusivamente polo seu peso específico en relación ao PIB. Polas características económicas das artes escénicas, a asignación exclusiva de recursos dende o mercado non asegura un nivel de produtos escénicos desexable nin aceptable social e artisticamente, ao tempo que existe un consenso na sociedade en considerar a cultura como dereito fundamental, o que implica un despregue de garantías constitucionais equiparables á protección doutros dereitos fundamentais como a sanidade, a educación ou a xustiza, polo que as administracións públicas deben garantir a súa provisión e acceso.
  • 2. A arte, como elemento cultural que é, constitúe un dos principais medios de comunicación simbólicos do ser humano, vehículo transmisor de ideas e sentimentos, a través da cal expresar a súa visión particular do mundo e forma de relacionarse con el. Polas súas características comunicativas, a arte conecta directamente o ser humano coa súa contorna, converténdoa en elemento catalizador primordial da creación de capital social que permite aumentar as posibilidades globais de toda a comunidade. Dende unha perspectiva social, as artes, e en particular as artes escénicas, achegan moi distintos e variados beneficios: mellora do rendemento académico, benestar físico e psicolóxico, revitalización de barrios, inclusión social, etc. É por iso que as administracións públicas deben atender e intervir para garantir a súa óptima provisión, acceso, desenvolvemento e normalización social a fin de valorizar e prestixiar as artes escénicas como ben de interese social, artístico, cultural e patrimonial. A Constitución Española, no seu artigo 44.1, sinala que “os poderes públicos promoverán e tutelarán o acceso á cultura, á cal toda a cidadanía ten dereito”. No artigo 148.17 recolle que “as Comunidades Autónomas terán a responsabilidade do fomento da cultura, da investigación e do ensino da lingua da Comunidade Autónoma”. O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2, sitúa como competencia autonómica “facilitar a participación de toda a poboación galega na vida cultural” e, no artigo 5.2, recolle que “é facultade de Galicia potenciar o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa”. O artigo 32 recolle “que lle corresponde á Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Con tal finalidade, e mediante lei do Parlamento, constituirase un fondo cultural galego e o Consello da Cultura Galega”. O artigo 35.3 sinala que “a Comunidade Autónoma galega poderá solicitar do Goberno que asine e lle presente, se é o caso, ás Cortes Xerais para a súa autorización os tratados ou convenios que permitan o establecemento de relacións culturais cos estados cos que manteña particulares vínculos culturais ou lingüísticos”. Por último o Estatuto de Autonomía de Galicia no seu artigo 27.19 contempla a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma en materia de “fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen perxuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución” artigo no que se establece que “sen perxuizo das competencias que poderán asumir as Comunidades Autónomas, o Estado considerará o servicio da cultura como deber e atribución esencial. A presente Lei é un instrumento único para desenvolver as potencialidades da Constitución Española e do Estatuto de Autonomía de Galicia nos ámbitos da creación, xestión, promoción, normalización e internacionalización das Artes Escénicas. Deste xeito, a Lei promoverá a creación dun Fondo Escénico Galego con dotación económica, un Consello das Artes Escénicas e convenios de internacionalización das artes escénicas con calquera país, especialmente con aqueles cos que Galicia está ligada histórica, lingüística ou culturalmente como os da lusofonía, cultura celta e Galicia exterior. Galicia, polas súas particularidades xeográficas, lingüísticas, demográficas, históricas e culturais, posúe un sistema escénico con características e elementos propios e distintivos que fan preciso un marco legal específico adaptado ao seu contexto e relato cultural. A xeografía e demografía do país definen unhas necesidades estruturais e de programación diferenciadas doutras comunidades. Polo tanto, a lei consolidará o uso das artes escénicas como ferramenta de normalización da lingua galega.
  • 3. A Lei consta de seis títulos organizados da seguinte maneira:  TÍTULO PRELIMINAR. DISPOSICIÓNS XERAIS establece disposicións directivas xerais que regulan o obxecto da Lei, o seu ámbito de aplicación e os plans e programas de actuación dirixidos a cubrir as necesidades de normalización, planificación e execución.  TÍTULO PRIMEIRO. DEFINICIÓN DO SISTEMA ESCÉNICO define o sistema escénico e os seus compoñentes estruturais.  TÍTULO SEGUNDO. ORGANIZACIÓN INTERNA recolle aspectos referidos á planificación integral e funcionamento dos espazos e equipamentos públicos para as artes escénicas, aos planos de difusión e mediación e ás estratexias de internacionalización das Artes Escénicas de Galicia e de estímulo para a edición e a tradución.  TÍTULO TERCEIRO. DESENVOLVEMENTO E FOMENTO aborda os planos de financiamento, axudas públicas e de estímulo económico para a creación, produción, difusión e axudas á innovación, fomento da excelencia e da competitividade das Artes Escénicas galegas no marco autonómico e para o fomento da súa actividade no exterior; así como o apoio efectivo para o tránsito á vida laboral dos/as novas profesionais das Artes Escénicas.  TÍTULO CUARTO. FORMACIÓN E INNOVACIÓN garante a formación en Artes Escénicas nos diferentes niveis de ensino regrado, coa ulterior necesidade de crear titulacións, plans de estudo e centros que satisfagan as necesidades do sistema escénico, e ensino non regrado. Do mesmo xeito, establece os mecanismos que permitan a investigación e creación de carácter científico no campo.  TÍTULO QUINTO. CONSELLO DAS ARTES ESCÉNICAS DE GALICIA aborda a composición e funcionamento do Consello das Artes Escénicas de Galicia, entre outras disposicións. Entre os principais fins da Lei, están a consolidación e mellora do sistema escénico, garantir e facilitar as condicións de acceso ás artes escénicas de toda a poboación e promover a normalización e desenvolvemento das artes escénicas en todos os eidos da vida en sociedade. Son obxectivos da mesma a promoción do ensino de artes escénicas en todos os niveis formativos, o apoio á creación escénica no eido da comunidade e sociedade civil, facilitar o acceso aos espazos de creación e representación a compañías e creadores/as, mellorar as condicións de traballo da profesión escénica, ampliar os públicos, potenciar a difusión e garantir o acceso a un financiamento económico axeitado para a consolidación da cadea de valor das artes escénicas. TÍTULO PRELIMINAR DISPOSICIÓNS XERAIS Artigo 1. Obxecto da Lei. A presente Lei ten por obxecto establecer o marco xurídico para o desenvolvemento, fomento, formación, difusión, protección, normalización e preservación das artes escénicas en Galicia e de
  • 4. Galicia, e de maneira particular: a) Favorecer a coordinación entre todas as Administracións Públicas e axentes implicados/as para lograr unha elevada eficiencia nos obxectivos dos recursos e tarefas destinadas á promoción da actividade escénica en Galicia. b) Garantir a diversidade e a visión humanística da actividade escénica, como capital simbólico e estratéxico de Galicia sen que por iso sexa considerada como unha actividade ligada ao concepto das industrias culturais. c) Asegurar un acompañamento orzamentario adecuado para o sector escénico, cunha achega suficiente para esta actividade dentro dos orzamentos xerais da Administración autonómica acorde ao PIB da Comunidade galega. d) Regular os dereitos de todos/as as creadoras e deseñadoras implicadas na autoría dunha obra escénica, acollendo acollendo diferentes sensibilidades e opcións de xestión como a autoxestión, as entidades de xestión, licencias de código libre, etc... e) Modernizar, visibilizar e estender socialmente os oficios, o patrimonio e as técnicas e ocupacións que vaian xurdindo entre a sociedade e en novos ámbitos de aplicación. f) Incentivar a participación do sector privado no desenvolvemento de todas as actividades escénicas. g) Garantir a aplicación das normas e convenios profesionais específicos que regulan as condicións de traballo da profesión escénica así como delimitar o ámbito de aplicación da normativa de contratación pública do rexido polos acordos convenionais establecidos polo sector. Artigo 2. Ámbito de aplicación da Lei. O contido desta lei será aplicado ao sistema escénico de Galicia e correspóndelle ás institución públicas de Galicia apoiar e promover a creación e produción das artes escénicas, así como a súa difusión, facilitando o acceso de toda a poboación. Artigo 3. Desenvolvemento da Lei. 1. Correspóndelle á Xunta de Galicia baixo o control técnico do Consello das Artes Escénicas establecer o desenvolvemento normativo, regulamentos e a elaboración de planos de acción plurianuais con dotación orzamentaria que permitan cumprir co mandado da mesma. 2. Da presente normativa poderanse derivar tantas normas de rango igual ou inferior, de acordo coas necesidades e especificidades de cada área, nomeadamente as leis de creación das compañías públicas de Artes Escénicas; así como acordos e convenios de colaboración con distintos organismos para a dinamización da actividade escénica en Galicia.
  • 5. TÍTULO PRIMEIRO DEFINICIÓN DO SISTEMA ESCÉNICO Artigo 4. Definición do feito escénico. Proceso de creación, interpretación e exhibición de toda acción dramática ou dramatizada que aconteza nun mesmo espazo/tempo e que permita o encontro cos públicos. Artigo 5. Definición dos oficios do sistema escénico. 1. Oficios ligados á creación artística. Todos os implicados no proceso de deseño, construción, creación, interpretación e exhibición escénica. 2. Oficios ligados á resolución técnica. Todos os implicados no desenvolvemento e apoio aos procesos de deseño, construción, creación, interpretación e exhibición escénica. 3. Oficios ligados á formación. Todos os implicados na docencia, investigación e divulgación dos diferentes procesos das artes escénicas. 4. Oficios ligados á xestión, mediación e animación. Todos os que permiten a comunicación e intermediación entre os diferentes oficios, institucións e públicos do sistema escénico: responsables da xestión, animadores, tarefas e servizos auxiliares, programación, dirección artística de espazos, programas ou festivais, xornalismo cultural, crítica, produción, distribución, comunicación e promoción dos diferentes procesos das artes escénicas. Artigo 6. Definición dos/as profesionais, alumno/as e afeccionado/as das artes escénicas. 1. Considérase profesional das artes escénicas toda aquela persoa que dispoña dunha titulación oficial e a que exerce un oficio escénico como actividade laboral por conta propia ou allea e polo que recibe unha contraprestación económica. 2. Considérase alumno/a das artes escénicas toda aquela persoa que recibe formación escénica ou que exerce unha actividade escénica dentro dunha actividade formativa e polo que non recibe unha contraprestación económica, excepto no caso de bolseiros/as. 3. Considérase afeccionado/a das artes escénicas toda aquela persoa que exerce unha actividade escénica de lecer pola que non recibe unha contraprestación económica. Artigo 7. Definición da actividade profesional, académica, afeccionada e mixta. 1. Considéranse actividades e espectáculos profesionais das artes escénicas todos os integrados en exclusiva por profesionais do sistema escénico que exercen unha actividade laboral, independentemente da fórmula xurídica que os acolla. 2. Considéranse actividades e espectáculos académicos das artes escénicas todos os integrados en exclusiva por alumnos/as e docentes do sistema escénico que exercen unha actividade formativa, independentemente da fórmula xurídica que os acolla.
  • 6. 3. Considéranse actividades e espectáculos afeccionados das artes escénicas todos os integrados en exclusiva por afeccionados/as do sistema escénico que exercen unha actividade de lecer pola que non reciben unha contraprestación económica, independentemente da fórmula xurídica que os acolla. 4. Considéranse actividades e espectáculos mixtos das artes escénicas todos os que non se acollen baixo ningún dos anteriores epígrafes, independentemente da fórmula xurídica que os acolla. Artigo 8. Definición das institucións do sistema escénico segundo a súa titularidade. 1. Institucións de carácter público. Todas aquelas institucións públicas con responsabilidades, competencias e intereses no feito escénico en todos os seus ámbitos: estatal, autonómico, provincial, supramunicipal e municipal. 2. Institucións de carácter privado. Todas aquelas institucións privadas con actividades e intereses relacionados co feito escénico. 3. Institucións de carácter mixto. Todas aquelas institucións con participación pública, privada ou outro tipo de estruturas ligadas á sociedade civil. Artigo 9. Definición das estruturas do sistema escénico segundo a súa función. 1. Institucións educativas. Todas as institucións relacionadas co ensino e a investigación do feito escénico de calquera nivel, tanto de carácter regrado como non regrado, incluídas as artes escénicas escolares e universitarias. 2. Asociacións, federacións e colectivos sectoriais. Todas as que agrupen a persoas ou organizacións implicadas en calquera dos ámbitos relacionados co feito escénico para a defensa dos seus dereitos colectivos e a promoción das artes escénicas. 3. Compañías. Entidades dedicadas como fin principal á creación e exhibición de espectáculos e proxectos escénicos. 4. Produtoras. Entidades dedicadas principalmente á produción e xestión de espectáculos e proxectos escénicos. 5. Distribuidoras. Entidades dedicadas principalmente a exercer a mediación entre creadores/as e produtores/as de espectáculos e proxectos escénicos, coas persoas e entidades responsables da programación e os espazos de creación e exhibición. 6. Provedores de servizos escénicos. Entidades dedicadas á prestación de servizos auxiliares ás artes escénicas. 7. Organizacións ligadas á comunicación e difusión. Entidades dedicadas a exercer a mediación e facilitar o intercambio de información entre os/as diferentes axentes do sistema escénico e os públicos. 8. Sociedades de xestión de dereitos. Artigo 10. Espazos de exhibición e difusión. Todos aqueles espazos e localizacións susceptibles de acoller a práctica e exhibición escénica. 1. Espazos interiores: teatros, salas, auditorios, centros autoxestionados e espazos non convencionais.
  • 7. 2. Espazos exteriores: prazas, rúas, patios, entornos naturais e espazos non convencionais. Artigo 11. Programas de exhibición e difusión. Todos aqueles programas destinados a exhibir e difundir a práctica escénica. 1. Circuítos. Programa que permite a itinerancia ás compañías por diferentes espazos pertencentes ao circuíto. 2. Redes. Conxunto de espazos agrupados que comparten recursos, información ou outros elementos para a configuración da súa programación. 3. Tempadas. 4. Festivais. 5. Ciclos. 6. Xornadas. 7. Encontros. 8. Mostras. 9. Feiras. Artigo 12. Espectadoras e espectadores. Interlocutores e interlocutoras do feito escénico e públicos potenciais en toda a súa diversidade que acompañan, completan, protagonizan e participan do proceso artístico. Artigo 13. Consello das Artes Escénicas. Consello con representación de todos os sectores da actividade escénica destinado a elaborar informes con carácter preceptivo e controlar o cumprimento das liñas principais da política escénica que a Xunta de Galicia levará a cabo a través do organismo ou departamento específico neste ámbito. TÍTULO SEGUNDO ORGANIZACIÓN INTERNA Artigo 14. Funcionamento dos espazos e equipamentos públicos para as artes escénicas. 1. Todas as administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das súas competencias, terán a obriga legal de establecer un plan director para os seus espazos públicos de representación e creación, que contemple a misión, visión e acción escénica dos mesmos. 2. A Xunta de Galicia velará e apoiará con ferramentas e recursos polo correcto cumprimento de cada plan, que se supervisará e avaliará periodicamente. 3. Cada un destes espazos deberá formular o seu modelo de xestión en base ás fórmulas directas ou indirectas como poden ser: Dirección Artística de espazos escénicos, Compañías Residentes, modelos mixtos que se consideren oportunos para cada contexto. Neste proxecto, deberanse incluír estratexias relativas á mellora de equipamentos e infraestruturas, accesibilidade, estabilidade creativa e
  • 8. participación de toda a cidadanía na diversidade creativa das artes escénicas: teatro, circo, danza, monicreques, maxia e calquera outra disciplina escénica. Artigo 15. As compañías institucionais de artes escénicas de Galicia. A Xunta de Galicia dotará os centros institucionais, Centro Dramático Galego e Centro Coreográfico Galego ou calquera outro que se poida crear no futuro, dunha estrutura xurídica propia que permita o seu funcionamento autónomo. Artigo 16. Programas de difusión do teatro afeccionado, comunitario e para a inclusión social. 1. Teatro afeccionado. As administracións públicas, no ámbito das súas competencias, deberán desenvolver programas específicos que poñan en valor o labor do teatro afeccionado, principalmente como piar para a creación de públicos e a súa base social. Así mesmo, deberanse destinar recursos e oportunidades que garantan a creación e difusión do patrimonio escénico dos colectivos de teatro afeccionado, potenciando igualmente os marcos de formación, encontro e intercambio entre persoas practicantes e usuarias. 2. Teatro comunitario. As administracións públicas deberán fomentar, así mesmo, o traballo e a cooperación entre asociacións, colectivos, organizacións ou compañías que leven a cabo actividades artístico-terapéuticas, pedagóxicas ou socio-políticas en liña co teatro comunitario ou para a inclusión social a través das Artes Escénicas. Artigo 17. Programas de mediación e comunicación social das Artes Escénicas. 1. As Administracións Públicas, en coordinación cos espazos de representación e de creación, terán a obriga de implementar programas de mediación que contribúan á visibilización e consideración social das Artes Escénicas. 2. Os poderes públicos tamén deberán deseñar e implantar campañas específicas para fomentar a mellora da competencia estética da cidadanía co obxecto de incrementar o uso, coñecemento e goce das Artes Escénicas. 3. As Administracións Públicas deberán orientar a comunicación social en materia de Artes Escénicas en base a estudos e análises sociolóxicas periódicas, podendo establecer convenios con institucións e entidades que poidan contribuír a tal fin. 4. As Administracións Públicas deberán incluír contidos no sistema educativo galego, nomeadamente nos ciclos de formación primaria e secundaria, tanto de expresión dramática coma de análise e recepción escénica. 5. A Xunta de Galicia deberá establecer, a través da CRTVG, unha serie de contidos mínimos e liñas estratéxicas para aumentar a visibilidade e prestixio social das Artes Escénicas entre os públicos e potenciais persoas usuarias. Tamén se deberá promover a presenza de información e crítica escénica estable nos medios de comunicación. 6. A Xunta de Galicia deberá promover a creación dun centro expositivo con tarefas de catalogación, investigación e innovación en materia de Artes Escénicas, que podería estar adscrito a institucións afíns para poder optimizar bens e recursos, como pode ser a ESAD de Galicia.
  • 9. Artigo 18. Promoción exterior. A Xunta de Galicia creará unha marca específica e un conxunto de accións destinadas á proxección exterior das Artes Escénicas galegas, tanto a nivel estatal coma a nivel internacional e con especial atención ao ámbito lusófono e ás comunidades galegas como receptoras, creadoras, promotoras e distribuidoras de cultura galega no exterior, coordinadas baixo o amparo dun futuro instituto de proxección exterior da cultura galega. Artigo 19. Estímulo e apoio á edición e tradución teatral. 1. A Xunta de Galicia creará programas específicos que garantan a tradución e edición de obras dramáticas e de textos sobre materia escénica galegos a linguas estranxeiras, e á inversa. 2. As institucións públicas deberán velar pola difusión e fomento da materia dramatúrxica galega contemporánea mediante a sinatura de convenios, liñas editoriais, campañas de intercambio con festivais, organismos e institucións externas e internas, residencias artísticas, etc. TÍTULO TERCEIRO DESENVOLVEMENTO E FOMENTO Artigo 20. Axudas á promoción do sector escénico. A Xunta de Galicia, en colaboración coas demais administracións públicas, publicará programas de apoio con convocatorias públicas por concorrencia competitiva e cunha dotación económica suficiente para atender as necesidades do sector. A convocatoria de axudas debe garantir o correcto desenvolvemento da creación, produción e distribución das artes escénicas galegas, atendendo á especificidade de cada un dos/das axentes, proxectos e fases de traballo: compañía consolidada e emerxente ou de nova creación; creadores/as individuais; proxectos puntuais e estables; teatro profesional, afeccionado, para a inclusión social e comunitario; espazos de formación, creación e representación públicos, privados, mixtos, autoxestionados e non convencionais; festivais, mostras, encontros, etc. de teatro, danza, circo, monicreques, etc; produción, xestión, programación, distribución, difusión, publicación, edición e investigación científica, etc. e deste xeito: a) Apoiando a formación profesional mediante axudas, bolsas, titorías e residencias para a formación permanente e o perfeccionamento das persoas ligadas ás profesións do sistema escénico. b) Acompañando orzamentariamente o desenvolvemento de programas de investigación e difusión das novas liñas de investigación e innovación creativa. c) Acompañando orzamentariamente programas e proxectos de recuperación, documentación e catalogación, conservación e difusión do patrimonio artístico escénico galego. d) Acompañando orzamentariamente programas de mediación cultural e formación de públicos. e) Acompañando orzamentariamente plans para a implementación de infraestruturas e equipamentos específicos que cubran as necesidades dotacionais de todos os procesos do sector escénico. f) Acompañando orzamentariamente o apoio a compañías profesionais emerxentes, de nova
  • 10. creación ou outros proxectos puntuais froito da asociación de creadores individuais. g) Acompañando orzamentariamente o apoio a compañías profesionais para a contratación de profesionais ligados/as ao proceso de deseño e creación escénica. Así mesmo, a Administración tamén poderá asinar convenios bilaterais ou protocolos de colaboración con dotacións nominativas para cantas actividades ou eventos considere de especial interese e protección. Artigo 21. Axudas á creación, promoción e fomento de espazos de formación, creación e representación. É labor da Xunta de Galicia favorecer e garantir a creación e desenvolvemento de espazos de formación, creación e representación escénicos a través de: a) Dotación orzamentaria para a creación de establecementos de ensino superior de artes escénicas específicos a cada unha das diversidades creativas das artes escénicas (teatro, danza, circo, monicreques, maxia ou calquera outra disciplina escénica.) b) Dotación orzamentaria de proxectos orientados á xestión de espazos de creación e representación con nula ou escasa cobertura, con especial atención a espazos do entorno rural e vilas. c) Dotación orzamentaria para o uso axeitado dos espazos do patrimonio escénico ou en proceso de seren considerados e que se atopan en situación de abandono para a realización de actividades relacionadas co feito escénico. d) Dotación orzamentaria para a creación e desenvolvemento de residencias artísticas en espazos de creación e representación públicos, privados e mixtos da comunidade galega. e) Dotación orzamentaria para a programación e sostenibilidade, equipamento e o axeitado mantemento de espazos de creación e representación públicos, privados e mixtos, especialmente aqueles en situación de risco e con especial atención a espazos alternativos. f) Dotación orzamentaria para a creación de novos espazos de creación e representación alternativos e autoxestionados. g) Dotación orzamentaria para a creación ou adaptación de espazos de creación, representación e adestramento específicos a cada unha das diversidades creativas das artes escénicas (danza, teatro, circo, monicreques, maxia ou calquera outra disciplina escénica.) h) Dotación orzamentaria para a xestión e programación de espazos de creación e representación a través de compañías residentes. i) Dotación orzamentaria para e xestión e programación de festivais, mostras, encontros, etc. específicos a cada unha das diversidades creativas das artes escénicas (danza, teatro, circo, monicreques, maxia e calquera outra disciplina escénica). j) Dotación orzamentaria para a reactivación de festivais, mostras, encontros, etc. de recoñecida traxectoria e repercusión social en situación de risco.
  • 11. Artigo 22. Coproducións, residencias e espazos de creación. A Xunta de Galicia a través de convenios e outras fórmulas cooperará con outras Administracións, institucións e entidades públicas e privadas para o desenvolvemento de coproducións, proxectos de residencias e espazos estables de creación e adestramento, como xeito de abrir novas vías de relación público-privadas que contribúan á estabilidade e sostenibilidade do sistema escénico galego. Artigo 23. Promoción exterior das artes escénicas galegas. A Xunta de Galicia ten a obriga de estar presente en feiras estatais e internacionais e concederá axudas para promover a participación doutras administracións e entidades privadas na apertura de novos mercados das artes escénicas galegas. Artigo 24. Premios, bolsas e outros recoñecementos. 1. A Xunta de Galicia outorgará un galardón específico na categoría de Artes Escénicas, con dotación económica, para premiar a excelencia ou valor cultural e favorecer o impulso dos bens e produtos máis competitivos do sector: profesionais e axentes; producións e proxectos escénicos; compañías, festivais, escolas, asociacións e colectivos; editoriais especializadas e publicacións críticas e de investigación científica; investigación e innovación creativa, etc. 2. A Xunta de Galicia concederá bolsas de estudo orientadas á promoción e formación de profesionais adscritos/as a novas liñas de investigación e innovación creativa e ao tránsito á vida laboral dos novos titulados en Arte Dramática de Galicia e doutros centros superiores de ensinanzas escénicas, así como á formación permanente e ao perfeccionamento dos/as profesionais das distintas áreas das artes escénicas. 3. Outros recoñecementos que estimulen a actividade do sector: a) Estatuto de espazos escénicos de interese cultural ou de referencia. b) Recoñecemento público a determinadas asociacións de espectadores/as. c) Recoñecemento de interese cultural a empresas de artes escénicas pola súa traxectoria ou carácter innovador. d) Estatuto de programacións escénicas de interese cultural ou de referencia para determinados festivais e programacións en función da súa traxectoria ou carácter innovador e estratéxico. Artigo 25. Fondo de promoción escénica. A Xunta de Galicia, a través do seu órgano correspondente, creará un Fondo de Promoción Escénica para a captación de fondos públicos e privados procedentes de sectores distintos do estritamente escénico, que sirvan para a mellora dos mecanismos de financiamento dos proxectos escénicos galegos. Trataríase de axudas retornables, de natureza distinta ás subvencións, e será a Xunta de Galicia, a través do seu Consello de Artes Escénicas, quen determine o tipo de proxectos que poderían obter financiamento a través deste fondo e en que condicións. A CRTVG formará parte deste Fondo aportando unha cantidade determinada.
  • 12. Artigo 26. Fomento das artes escénicas na educación. A Consellería de Educación e a Consellería de Traballo levarán a cabo accións coordinadas co fin de estimular, a través de bolsas, titorías e residencias, accións orientadas ao desenvolvemento da educación artística e profesional, ao perfeccionamento docente ou á produción de obras de interese académico. Artigo 27. Medios de comunicación públicos. 1. A rede de radio e televisión da Comunidade Autónoma, dentro dos seus espazos destinados á publicidade, outorgará unha redución de canto menos o 50% das súas tarifas para a publicidade das xiras das compañías galegas. 2. A Xunta de Galicia establecerá un sistema de axudas destinado aos medios de comunicación privados que editen suplementos semanais ou outro tipo de publicación, en calquera soporte, destinados á promoción das artes escénicas e da crítica da produción escénica galega, e en lingua galega. Artigo 28. Outras medidas de fomento e incentivos fiscais. A Xunta de Galicia empregará todos os mecanismos fiscais á súa disposición para a mellora do sistema escénico dentro das competencias en materia fiscal delegadas. TÍTULO CUARTO FORMACIÓN E INNOVACIÓN Artigo 29. As artes escénicas no ensino infantil, secundario e ciclos formativos. 1. Tanto no ensino infantil como no primario e secundario obrigatorio, as artes escénicas gozarán dun tratamento transversal. É labor das administracións educativas incluír este tratamento nos programas educativos dos distintos niveis, así como poñer os medios necesarios para levalos a cabo. 2. O segundo ciclo do ensino secundario incluirá unha materia específica que sirva de iniciación ás artes escénicas cun carácter eminentemente práctico. É labor das administracións educativas lexislar o currículo desta materia, a súa inclusión no curso que sexa conveniente e poñer os medios necesarios para levalo a cabo. 3. O Bacharelato Artístico, na súa modalidade de “Artes escénicas e musicais”, incluirá as ensinanzas de circo, danza, monicreques, música, maxia, teatro ou calquera outra disciplina escénica. É labor das administracións educativas lexislar o currículo desta materia, a súa inclusión no curso que sexa conveniente e poñer os medios necesarios para levalo a cabo. 4. Os Ciclos Formativos incluirán nos seus catálogos ofertas de cursos superiores relacionados coas artes escénicas, tanto de animación escénica (circo, monicreques, danza, teatro ou calquera outra disciplina escénica) como de montaxe e asistencia técnica (iluminación, son e tremoia), así como cursos medios de técnicos/as de montaxe de espectáculos. 5. Os Estudos Superiores Universitarios, nomeadamente no eido das humanidades, deberían incluír programas de estudo disciplinares ou multidisciplinares de artes escénicas. É labor das administracións educativas lexislar os currículos destes estudos, a súa inclusión no seu catálogo de especialidades e poñer os medios necesarios para levalos a cabo.
  • 13. Artigo 30. Sobre o Ensino Superior de Artes Escénicas. 1. O Ensino Superior de Artes Escénicas ten como obxectivo formar profesionais nos ámbitos da danza, monicreques, teatro, circo ou calquera outra disciplina escénica. 2. Os establecementos onde se imparte Ensino Superior de Artes Escénicas deben poder ter capacidade para adscribirse ou integrarse na universidade, para poder ofertar titulacións de grao e posgrao e, así, desenvolver programas de investigación segundo estableza a lei vixente. 3. Os establecementos onde se imparte Ensino Superior de Artes Escénicas deben poder desenvolver programas que permitan parcerías con axentes do sector, institucións e establecementos públicos ou privados de carácter científico, cultural e ou profesional para o fomento da investigación aplicada á creación e innovación. 4. O profesorado dos establecementos onde se imparte Ensino Superior de Artes Escénicas, para acceder a impartir dito ensino deberán contar coa titulación que marque a lei vixente. Ademais, para accións puntuais, deberase poder contar coa presenza de profesorado convidado, seleccionado entre prestixiosos/as profesionais especialistas na materia. 5. Os establecementos onde se imparte Ensino Superior de Artes Escénicas deben poder formar os alumnos/as tendo en conta a súa futura inserción no ámbito laboral, tanto por conta allea como por conta propia. 6. Os establecementos onde se imparte Ensino Superior de Artes Escénicas deben poder dispor das infraestruturas, recursos humanos e equipamentos específicos para a debida formación do alumnado nas diversidades creativas das artes escénicas (danza, teatro, circo, monicreques ou calquera outra disciplina escénica). É labor das administracións públicas lexislar para destinar recursos dos seus orzamentos correspondentes para levar a cabo ditas accións anteriormente descritas. Artigo 31. O ensino non regrado das Artes Escénicas. Enuméranse como ensino non regrado os seguintes tipos de ensino: a) Escolas municipais de circo, danza e teatro ou calquera disciplina escénica. b) Academias, centros e escolas privadas de circo, danza, teatro ou calquera disciplina escénica. c) Programas ou proxectos de formación organizados por asociacións, federacións, compañías, colectivos ou outras entidades en colaboración ou non con entidades ou organismos oficiais. d) Obradoiros de formación interna organizados polos propios grupos afeccionados. As administracións públicas, nomeadamente as autonómicas, provinciais e locais, fomentarán e destinarán recursos nos seus orzamentos correspondentes para apoiar as diferentes modalidades de ensino non regrado na forma que estimen oportuno (subvencións, financiamento mixto, axudas, etc.) Artigo 32. Formación continuada e investigación. 1. É labor de todo o profesorado das artes escénicas estar en permanente actualización a través de programas de investigación, formación e innovación. 2. É labor de todas as administracións públicas activar programas de apoio á investigación, formación e innovación en artes escénicas vinculadas ao contexto e á comunidade.
  • 14. 3. É labor dos centros de ensino primario, secundario, formación profesional e superior activar programas de apoio á investigación, formación e innovación en artes escénicas vinculados ao contexto ou á comunidade a través dos programas que a comunidade educativa teña previstos. 4. É labor das administracións públicas lexislar para destinar recursos nos seus orzamentos correspondentes para levar a cabo as accións anteriormente descritas. Artigo 33. Promoción e formación dos recursos humanos para facilitar unha inserción laboral satisfactoria e un sector escénico competitivo. 2. É labor da Xunta favorecer a cualificación dos Recursos Humanos para mellorar a inserción laboral por conta allea, e deste xeito: a) Favorecendo a actividade e o desenvolvemento das organizacións profesionais e sindicais coas que colaborar no deseño dunha oferta formativa coherente coas necesidades do sector. b) Favorecendo as prácticas profesionais en empresas de artes escénicas, dando a coñecer as condicións laborais, características da cotización á Seguridade Social, os convenios colectivos de aplicación, riscos laborais e saúde no traballo, etc. 3. É labor da Xunta favorecer a cualificación dos Recursos Humanos para mellorar a inserción laboral por conta propia, e deste xeito: a) Deseñando unha oferta formativa sobre emprendemento nas artes escénicas, tendo en conta as características do sector, as oportunidades e as posibilidades de innovación. b) Deseñando unha oferta formativa dirixida a empresas constituídas no sector escénico, para a mellora empresarial en cuestións como xestión empresarial, canles de distribución e comercialización, internacionalización, etc. c) Desenvolvendo unha rede de mentorización mediante a cal as empresas do sector escénico consolidadas se convertan en mentoras das empresas de nova creación que necesiten dun asesoramento baseado na experiencia. d) Promovendo a creación de viveiros de empresas das artes escénicas que conten con espazos diferenciados para a creación artística e para a xestión empresarial, con aulas para a formación especializada e titorización en xestión empresarial. 4. É labor das administracións públicas lexislar para destinar recursos nos seus orzamentos correspondentes para levar a cabo as accións anteriormente descritas. Artigo 34. Documentación e arquivo. 1. É labor de todas os/as artistas, compañías, organizacións e colectivos que reciban recursos públicos para desenvolver proxectos de artes escénicas documentar, arquivar, visibilizar e conservar as diferentes etapas do seu proceso de creación e produción. 2. É labor da Xunta de Galicia, en colaboración coa comunidade universitaria, centros de investigación públicos e ensinanzas superiores en Artes Escénicas, crear, manter e actualizar un centro de documentación on e off line que recolla toda a información dispoñible dos proxectos que apoia a través dos diferentes mecanismos de financiamento e subvencións, no que teñan tamén cabida proxectos galegos producidos sen apoio público.
  • 15. 3. É labor de todas as cidades galegas rexidas pola lei de grandes cidades poñer en marcha, xestionar e manter actualizado un arquivo escénico local a través de bibliotecas públicas, e en colaboración coa comunidade universitaria, centros de investigación públicos e ensinanzas superiores en artes escénicas, a partir dos recursos que a Xunta de Galicia destina para dito fin. 4. É labor das administracións públicas lexislar para destinar recursos nos seus orzamentos correspondentes para levar a cabo as accións anteriormente descritas. TÍTULO QUINTO CONSELLO DAS ARTES ESCÉNICAS DE GALICIA Artigo 35. Plan de fomento da recepción escénica. Nun prazo máximo de seis meses, contados a partir da entrada en vigor desta Lei, a Xunta de Galicia presentará perante o Parlamento de Galicia un Plan de fomento e dinamización da recepción escénica no que, ademais de recoller obxectivos e medidas, se determine unha periodización e o orzamento necesario para o seu desenvolvemento. Artigo 36. Composición e funcionamento do Consello das Artes Escénicas de Galicia. 1. O Consello das Artes Escénicas estará formado por un máximo de quince membros, dos cales polo menos oito serán elixidos/as polos diferentes colectivos e persoas representativas do sector das Artes Escénicas galegas. O resto serán designados/as polo Parlamento de Galicia, entre expertos/as no mundo das Artes Escénicas e membros das diferentes administracións públicas. 2. O Consello das Artes Escénicas establecerá os mecanismos de seguimento e control, con dotación orzamentaria suficiente para medir e avaliar a posta en práctica dos planos plurianuais. 3. O Consello das Artes Escénicas debe velar polo desenvolvemento da actividade escénica, colaborar no ordenamento e intervir nas políticas de apoio á creación e promoción, e organizar un sistema de auditoría escénica dos equipamentos e subvencións públicas que teña en conta a promoción das artes escénicas e do seu retorno social. 4. A Xunta de Galicia proporcionará ao Consello das Artes Escénicas o apoio preciso para realizar as súas actividades e cumprir as súas finalidades. 5. O regulamento de funcionamento será desenvolvido mediante decreto pola consellería que asuma as competencias relativas á cultura. 6. O Consello das Artes Escénicas constituirase no prazo de seis meses despois da entrada en vigor desta lei.