1. Boletín do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística
CEIP de Randufe Nº 63 novembro de 2016
ENTREGA
Andei a esculcar, ano tras ano
con atento e delicado ouvido,
a voz de cada ser ou cada cousa:
o centilante sorriso do orballo,
a sinfonía do día baixo a luz,
a palabra sacramental dos ríos,
a cifrada mensaxe das estrelas,
os latexos da noite,
o sutil pestanexar da rosa,
o rumor das nubes camiñantes,
o doce fluír do noso sangue,
a animación de todo o inanimado.
E podo afirmar coa boca chea:
paisaxes, cousas e animais
falan galego.
Só en galego
se pode comprender e posuír
a total plenitude desta terra.
Manuel María
Oráculos para cabaliños do demo, 1986
2. DITOS E FRASES FEITAS (2): LUME DE BIQUEIRA!
Lume de biqueira é un dito para se referir a algunha cousa que se realiza con moita forza ou tamén a
moita velocidade. Por algún motivo, do que descoñecemos a orixe, é unha expresión moi relacionada co
mundo do fútbol; o dito é moi acaído cando se produce unha xogada con moito ímpeto ou simplemente
cando se dá un patadón ao balón que o lanza a moita distancia. Por tanto, lume de biqueira!, non será
expresión para acompañar o xogo de tiqui-taca, agora tan de moda, e si para o que se emprega con forza
ou como produto dunha arroutada na xogada. Outro dito, de moito uso nese deporte, para se referir a un
forte golpe á bóla é o de dar (ou tirar) un fungueirazo, que fóra do ámbito deportivo ten o significado de
dar un golpe moi forte.
Moi semellante a lume de biqueira é a expresión fume de biqueira, que indica facer, ou andar, con
moita présa, o mesmo que a fume de carozo, ás présas, ás carreiras, a escape, a carreira aberta, a un-
lla de cabalo, a catro pés,...
Non tanto para significar présa, mais si para indicar que algo que se anunciou, faise de inmediato,
temos a frase meu dito, meu feito; e con significado de realización rápida de algo temos as expresións nun
amén (ou nun santiamén), nun alustre, nun brinco, nun ai, nun chiscar de ollos,...
O defensa deu un
fungueirazo que mandou
o balón ás gradas.
As frases feitas adquiren un significa-
do distinto do que teñen as palabras que
as compoñen. Así fungueirazo sería o gol-
pe dado cun fungueiro que é, segundo o
dicionario da RAG, “cada unha das esta-
cas grosas, curtas e afiadas que se colo-
can verticalmente polos lados do carro, re-
molque ou caixa do camión, para que non
caia a carga ou para soster os ladrais”.
Biqueira ten varias acepcións:
“reforzo que se lle pon ao calzado pola
parte de diante do pé, cano ou picho por
onde sae auga ou outro líquido, punto de
comezo dun camiño ou dun percorrido”.
Meu dito, meu feito. Foi
pedir a pizza e saír o coci-
ñeiro pola porta con ela na
man.