1. 1. O Parlamento de Galicia como un dos poderes da Comunidade Autónoma
Galicia, nacionalidade histórica, está constituída en Comunidade Autónoma para acceder ao seu
autogoberno de conformidade coa Constitución española de 1978, que recoñece e garante o dereito
á autonomía das nacionalidades e das rexións que integran a nación española.
O Estatuto de Galicia é a norma institucional básica da Comunidade galega que define as súas
institucións, competencia e administración pública, así como a súa economía e facenda.
Os poderes públicos de Galicia exércense a través do Parlamento, da Xunta e do seu presidente.
Son funcións do Parlamento exercer a potestade lexislativa da Comunidade Autónoma, controlar a
acción executiva da Xunta, aprobar os seus orzamentos, designar para cada lexislatura das Cortes
Xerais os senadores representantes da Comunidade Autónoma galega, elixir de entre os seus
membros o presidente da Xunta de Galicia, esixirlles responsabilidade á Xunta de Galicia e ao seu
presidente, solicitar do Goberno do Estado a adopción de proxectos de lei e presentar ante a Mesa
do Congreso dos Deputados proposicións de lei, interpoñer recursos de inconstitucionalidade e
presentarse perante o Tribunal Constitucional nos supostos e termos previstos nas leis.