MUDHA: MOVEMENTO DEMULLERES DOMINICO-HAITIANAS
Chámase Cristiana Louis, é avogada e naceu na República Dominicana. Visitou o CPI
Virxe da Cela o luns 20 de abril 2015 para impartir unha charla ao alumnado de 4º da ESO,
enmarcada dentro do proxecto Creando Cidadanía Global. Veu acompañada de María Caride,
técnico da ONG Solidariedade Internacional Galicia, quen a presentou aos rapaces e rapazas
como todo un exemplo de incidencia política. Cristiana pertence á organización MUDHA
(Movemento de Mulleres Dominico-Haitianas), unha organización que centra o seu traballo no
ámbito da educación, a saúde e os dereitos humanos, loitando pola mellora da calidade de
vida da poboación dominico-haitiana.
O 23 de setembro de 2013 o Tribunal Constitucional da República Dominicana emitiu
unha sentenza (168-13) a cal ordena o despoxo da nacionalidade de centos de persoas nacidas
en territorio nacional. As persoas que serían afectadas desta decisión son homes e mulleres
fillos e fillas de inmigrantes hatianos/as que foron recoñecidos/as como dominicanos/as e
gozaron deste dereito por máis de 20, 40, 60 e 80 anos. Cristiana veunos falar desta situación
que ameza coa deportación masiva destas persoas a partires do 15 de xuño deste mesmo ano,
converténdoas en apátridas e privándolles da documentación e dos dereitos que lles
corresponden. Unha enorme inxustiza na que se evidencian a violación de dereitos
fundamentais, como é o dereito á nacionalidade, á dignidade humana, a aplicación retroactiva
de leis, etc.
Admiramos o valente esforzo de Cristiana Louis e do Movemento de Mulleres
Dominico-Haitianas na denuncia e a loita contra esta inxusta sentenza, así como a importante
e valiosa labor que están desenvolver na República Dominicana para garantir os dereitos
básicos da poboación dominico-haitiana e ofrecendo servizos básicos ás familias.