Successfully reported this slideshow.
We use your LinkedIn profile and activity data to personalize ads and to show you more relevant ads. You can change your ad preferences anytime.

"A Estadea"

585 views

Published on

Relato gañador na categoría da ESO no V Concurso de Relatos e Vídeos de Terror do CPI de Pontecesures

Published in: Education
  • Be the first to comment

  • Be the first to like this

"A Estadea"

  1. 1. A ESTADEA Din que non existe, pero eu teño as miñas dúbidas. Aparece de noite, sen que ninguén a espere e dise que trae consigo un mal agoiro. Xa o meu bisavó falaba dela e contaba con gran emoción aquelas historias de medo que ninguén quería escoitar. Eu sí. Pedíalle con moito fervor que me contara algunha, algunha daquelas historias que a el lle daban arrepío e que tantas veces tiña que insistir para que falara. A tarde estaba escura e ameazante. O aire bruaba nas pólas dos piñeiros e carballos, o arume e as follas secas cubrían o camiño. A choiva non tardaría en se achegar. O ceo gris e toldado facía que o día se convertese en noite. Cun saco de millo ás costas, paseniñamente, Manuel ía camiño do muíño dos Tarrulos. Cunha man apreixaba o saco e coa outra suxeitaba unha dura vara de carballo coa que el mesmo se axudaba para camiñar. Levaba posta a chambra do inverno e os zocos de pel de coiro, os mesmos que mandara arranxar había uns días e que quedaran coma do trinque. O son dos seus pasos ó pasar pola faísca de follas facía que apurase máis o paso. Ó chegar ó río da ponte Trilla, o tempo embraveceuse máis, asomaban as primeiras pingas e as árbores abaneaban con moita forza. Preto da ponte estaba o muíño. Este último cacho facíase máis rilleiro e duro, o camiño trucábase en carreiro e as pedras apenas o deixaban camiñar. Coa vara apartaba os toxos e as silvas para poder pasar pero os refachos de aire empuxábano cara atrás. Aló ó lonxe avistou o muíño, sacou a chave do peto e apurou o paso para abrir a porta decontado. Estaba escuro, só entraba unha raiola de luz do día pola pequena xanela do penal. Botou o millo na maseira e abriulle á auga. O rodicio comezou a xirar e, canda el, o muiño, que convertía en fariña o gran de millo. Fíxose de noite, ó compás do ruído do muíño. Manuel prendeu a luz de carburo que había alí, colleu a fariña para o saco e despois de atalo e levalo outra vez ó lombo, abriuno coa súa chambra. Apagou o candil e pechou a porta. A treboada facíase cada vez máis forte, os lóstregos iluminaban aquela inmensa escuridade traendo canda si sarabia e choiva ata máis non poder. Dispúxose a percorrer o camiño de volta á casa pero o medo corríalle polo corpo, tremíanlle as pernas e non acertaba a ver ben onde poñía os pés. A pantasma da noite brava apoderouse del. Decidiu seguir andando, a auga esvaráballe polas meixelas, pola roupa e custaba moito manterse en pé. O aire facíao abanear coma un xunco verde. Atravesou a ponte e seguiu o carreiro do monte. Cun paso diante doutro, andaba amodo e con firmeza xa que a fariña pesaba moito e o chan, cheo de pedras e fochancas dificultaba poder avanzar máis. De súpeto un forte raio caeu preto de onde el se atopaba, os piñeiros comezaron a moverse máis fortemente, por pouco tempo a noite dou paso ó día. Ollou para un lado e para o outro, pero agora a escuridade aínda era máis negra. Manuel caeu de xeonllos, o saco foi camiño abaixo e o medo paralizoulle o corazón, chegoulle ata o fondo da alma. Quixo pórse en pé, pero alguén estábao collendo pola roupa e non podía erguerse. Suplicou ó ceo para que o deixaran ir, pero non era capaz de desprenderse e saír correndo. Levantou a vista cara ao monte e berrou con todas as súas forzas, pero todo era en van. Albiscou aló detrás dos castiñeiros unhas luces brillantes, que coa noite que facía movíanse moi lixeiramente. Canto máis se achegaban a el, máis clarexaba aquela noite. A través dos piñeiros máis próximos ó río, Manuel decatouse de que realmente estaban a ver os seus ollos. Un cadaleito percorría o camiño do muíño, e canda el portábano varias persoas con fachos de lume nas mans. O máis alto deles levaba unha cruz e un misal nas mans. Non puido chegar a ver máis porque xa non era el. Os ollos saíanlle das órbitas e por máis que empurraba para marchar, non daba atinado no seu empeño. Levantou a cabeza e ollou para aquela inmensa negrura, foi cando se decatou dun rosario de luces de cores que percorrían o alto dos carballos á esquerda do
  2. 2. camiño. Na súa vida vira tal cousa. Que era aquilo? Cousa do demo? O pobre homiño non podía dar crédito ó que vira. Toda a noitiña a pasou alí, axeonllado no carreiro, cheo de medo e coa roupa mollada. O día foi abrindo, xa non chovía. Foi entón cando Manuel, despois de repoñerse algo, decatouse que tiña os pantalóns enganchados nunhas silvas do valado que daba ó carreiro. Iso era o que non o deixaba mover. Axudouse a poñer en pé coa súa vara e marchou ás présas sen nin sequera coller o fardo da fariña. Non contou a ninguén o que vira en moito tempo, nin sequera na casa. Había daquela moito respecto por esas cousas e a xente tíñalle medo. Din que se vés a Estadea que logo van vir a por un. Non o sei , ó mellor era a fame que había naqueles tempos e víanse cousas raras. Meu bisavó dixo que de alí a uns días na casa do Manuel había un moucho berrando nas pólas dun carballo todas as noites e, ata que lle botaron unha misa ás ánimas, o animal non marchou. De alí a pouco tempo morreu tamén a señora Alsira, a muller do ferreiro do lugar. “Seguro que viñan a por ela”, dicía meu bisavó. De verdade existe a Estadea? Hai alguén que nos quere avisar de algo? Non atopo resposta en ningures. María Figueira Collazo 2ºA

×