Successfully reported this slideshow.
We use your LinkedIn profile and activity data to personalize ads and to show you more relevant ads. You can change your ad preferences anytime.
28 de Abril 2014, Día Internacional
da Saúde e a Seguridade no Traballo
A desregulación lexislativa condena a seguridade e...
28 de Abril 2014, Día Internacional
da Saúde e a Seguridade no Traballo
económica e afirma que a prioridade debe centrarse...
28 de Abril 2014, Día Internacional
da Saúde e a Seguridade no Traballo
Neste sentido, non podemos esquecer que as estatís...
Upcoming SlideShare
Loading in …5
×

Manifesto galicia 28 abril 2014 (2)

986 views

Published on

  • Be the first to comment

  • Be the first to like this

Manifesto galicia 28 abril 2014 (2)

  1. 1. 28 de Abril 2014, Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo A desregulación lexislativa condena a seguridade e a saúde dos traballadores e a economía do noso país A medida que se prolonga o período de crise económica global que arrincou en 2008, vanse oíndo máis voces a diciren que a situación en que nos atopamos non é unha paréntese tras da cal volverán recuperarse os ritmos de crecemento e os dereitos sociais e laborais volatilizados polos recortes e as políticas de austeridade. O que ao primeiro se presentou como un momento de excepcionalidade pasaxeira desvelouse ao cabo como a imposición dun novo paradigma económico, social e laboral ao que a clase traballadora e a cidadanía en xeral deberán resignarse. As elites mundiais, seguindo un guión previamente redactado polos ideólogos do neoliberalismo, aproveitaron as condicións creadas por unha crise orixinada pola desregulación do sector financeiro para completar a implantación dun modelo de acumulación por desposuimento, mercantilizando aqueles servizos públicos básicos que garantían a protección social e dos dereitos laborais e cidadáns conquistados ao longo de décadas. En definitiva, un modelo que garante os beneficios ás elites á custa da calidade democrática das nosas sociedades. As políticas de austeridade impostas pola Comisión Europea e a troica aos Gobernos europeos e, en especial, aos da periferia do continente, transformáronse no noso país nunha vaga de recortes de servizos públicos básicos, de privatizacións e nunha reforma laboral que deteriora gravemente o dereito á negociación colectiva nas empresas e está logrando que o modelo precario se configure como hexemónico na estrutura sociolaboral española, desprazando o emprego estable, con dereitos e salarios dignos. O que os tecnócratas da troica presentan como un inevitable paquete de medidas para saír da crise non é máis ca a aposta ideolóxica do neoliberalismo e a imposición aos países periféricos de Europa dun modelo produtivo e de relacións laborais que desmonta o Estado social, democrático e de dereito e nos achega paso a paso a estándares propios dos países en desenvolvemento. Pero esta ofensiva non se limita a deteriorar as condicións de traballo e privatizar os servizos públicos rendibles. Arestora, a saúde laboral é un dos obxectivos que está no albo das elites: o dereito á seguridade e á saúde no traballo, un dos obxectivos centrais das políticas sociais europeas, é considerado hoxe un atranco que hai que superar para aumentar a competitividade da economía europea. Esta argumentación non só se materializa nun descenso dos investimentos en políticas preventivas nas empresas, senón que esixe reformas lexislativas que rebaixen a protección da saúde e a seguridade dos traballadores. Esta deriva desreguladora deu os seus primeiros pasos en Europa a mediados da pasada década pero acelerou a súa escalada coa chegada da crise económica. Desde 1978 e cada cinco anos, a Comisión Europea fixaba metas concretas, precisas e avaliables en programas de acción cos que se pretendía harmonizar a situación da saúde e a seguridade no traballo entre os diferentes países da UE fixando como obxectivo os estándares máis elevados de protección. Desde 2002, o instrumento utilizado con este fin pasou a denominarse «estratexia», e aínda que a xuízo do movemento sindical europeo continúa sendo unha ferramenta imprescindible para lograr o propósito da harmonización, está a sufrir devagar un desgaste na súa concepción. Cada nova estratexia incorpora máis partes descritivas e desiderativas e menos obxectivos concisos e cuantificables. Desde 2011, a Comisión Europea está a afondar nesta liña, expoñendo as súas dúbidas sobre a necesidade dunha Estratexia Europea de Seguridade e Saúde no Traballo nun contexto de crise
  2. 2. 28 de Abril 2014, Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo económica e afirma que a prioridade debe centrarse en aliviar as empresas da carga administrativa da lexislación vixente. O desemprego utilízase como elemento de chantaxe para desprazar a saúde dos obxectivos centrais das políticas comunitarias. Pero o novo tento que ao cabo axustou todas estas políticas foi a publicación, o 2 de outubro de 2013 por parte da Comisión Europea, do programa REFIT (Adecuación e eficacia da normativa: resultados e próximas etapas), un documento que, baixo o paraugas de conceptos como «regulación intelixente», «simplificación lexislativa» ou «redución da carga reguladora», oculta unha das maiores agresións coñecidas contra a protección social e do ambiente, a saúde e seguridade dos traballadores, os dereitos de información e consulta e o diálogo social. En materia de prevención de riscos supuxo, entre outras consecuencias, a decisión de non impulsar nova lexislación en materia de saúde laboral no que resta do mandato da Comisión, o que leva consigo paralizar as dúas principais iniciativas lexislativas comprometidas na vixente Estratexia Europea, como son a revisión da directiva de canceríxenos e a aprobación da de trastornos musculoesqueléticos, e non trasladar a texto articulado acordos sectoriais asinados no marco do diálogo social europeo. As políticas do Goberno, inseridas nesta corrente ideolóxica e cuxa máxima expresión é a reforma laboral de 2012, teñen o seu último fito en cuestións de saúde e seguridade no traballo coa presentación do anteproxecto de reforma da lei de mutuas en decembro do pasado ano. A aposta do Goberno é configurar as mutuas como únicas entidades capaces de asumir a xestión das novas prestacións da seguridade social, e faise por unha suposta maior eficacia no aproveitamento dos recursos públicos. Esta afirmación está trufada de ideoloxía neoliberal e desmóntase só con ler os informes do Tribunal de Contas ou con considerar o tremendo subrexistro de enfermidades relacionadas co traballo que terminan derivándose aos servizos públicos de saúde como enfermidades comúns (un descenso acumulado de preto do 28% das enfermidades profesionais notificadas desde 2008). A desaparición do concepto «prevención» do Fondo de Rehabilitación das Mutuas reduce de maneira significativa a súa competencia preventiva e demostra o afán mercantilista da reforma. A vinculación dos recursos públicos xerados polas continxencias profesionais ás políticas públicas en materia de prevención supuxo importantísimas reducións de sinistralidade que hoxe en día corre o perigo de rebrotar (xa se veñen apreciando significativas moderacións do descenso da sinistralidade, tanto en termos absolutos como en índices de incidencia, en todos os sectores, cando non significativos incrementos como no caso do sector dos servizos). Pero tal vez sexa a xestión da incapacidade temporal por continxencias comúns, dando capacidade á mutua para propoñer a alta sen existir o acto médico e concedendo a consideración de silencio administrativo positivo ante a ausencia de resolución expresa do médico do sistema de saúde, o elemento que demostre de xeito máis palpable o carácter economicista dunhas políticas fundamentadas que eliminan o dereito ao restablecemento da saúde a cambio dos intereses económicos das empresas e que se basean en presupostos falsos, neste caso unha suposta perda de competitividade debida a uns elevados niveis de absentismo que a realidade nos indica que son similares aos dos países do noso contorno. O 28 de abril, Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo, é a xornada que o movemento sindical mundial aproveita para recordar as vítimas dos accidentes e as enfermidades producidas polo traballo e para reclamar a mellora das condicións que soportan as traballadoras e os traballadores.
  3. 3. 28 de Abril 2014, Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo Neste sentido, non podemos esquecer que as estatísticas de sinistralidade laboral continúan a amosar datos totalmente inasumibles para as nosas organizacións sindicais. O índice de incidencia dos accidentes mortais en Galicia alcanzou no ano 2013 o valor de 5,3, valor superior á media do Estado español que foi de 3,1 o que sitúa á nosa Comunidade no terceiro lugar no conxunto do Estado. O índice de incidencia de accidentes graves de Galicia foi no 2013 do 52,2 e é o máis alto de todas as comunidades chegando case a duplicar a media estatal, que foi do 23,8. A Confederación Europea de Sindicatos e a Confederación Sindical Internacional lembran cada 28 de abril que coa presenza de sindicatos na empresa o traballo é máis seguro. Nesta liña, a Unión Xeral de Traballadores e Comisións Obreiras non podemos deixar de denunciar en 2014 unhas políticas que, de non se corrixir, terán devastadoras consecuencias en termos de saúde laboral e pública, que están contribuíndo a acentuar as desigualdades e que condenan o noso país a un modelo produtivo incapacitado para xerar un emprego digno e de calidade. Por este motivo, CCOO e UGT reclamámoslle ao Goberno: • A retirada daqueles elementos lesivos para os traballadores do texto do proxecto de reforma da lei de mutuas, na liña do ditame aprobado polo Pleno do Consello Económico e Social. • Unha mellora na normativa de enfermidades profesionais que, co obxectivo de reducir o seu subrexistro, facilite os procesos de recoñecemento e actualice a súa listaxe de acordo coas últimas investigacións científicas. • A aprobación da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2013-2020, incluíndo obxectivos precisos de redución da sinistralidade, afloramento de enfermidades producidas polo traballo e de equivalencia da protección independentemente do tipo de relación laboral. • Mantemento dos investimentos públicos en materia de prevención de riscos laborais. Somos conscientes de que ningún destes obxectivos enfrontados aos intereses das elites poderán alcanzarse sen o concurso activo dunha maioría social. Por este motivo, CCOO e UGT facemos un chamamento á cidadanía a participar en todas as convocatorias sociais e sindicais que se desenvolverán nos meses vindeiros, empezando polo próximo 1.º de Maio.

×