Successfully reported this slideshow.
We use your LinkedIn profile and activity data to personalize ads and to show you more relevant ads. You can change your ad preferences anytime.

Comunicación para o cambio social como tecnoloxía para o desenvolvemento humano

847 views

Published on

20 páxinas de reflexións sobre o papel da comunicación para acadar unha sociedade xusta e solidaria analizada como unha tecnoloxía en si mesma, e como debe interactuar o proceso comunicativo coa tecnoloxía existente para acadar ese cambio social

Published in: Technology
  • Login to see the comments

  • Be the first to like this

Comunicación para o cambio social como tecnoloxía para o desenvolvemento humano

  1. 1. A comunicación para o cambio social como tecnoloxía para o desenvolvemento humano
  2. 2. Só o cambio perdura Heráclito A evolución do “Que” Que complexo amarrar a través dunha sucesión de verbas conceptos vivos, inmensos, irreducibles. Que difícil expresar o significado dun termo que se atopa incluído no mesmo acto da expresión. No entanto, somos capaces de darlle unha definición precisa a concepcións tan complexas como son a sociedade, a política e mesmo a propia existencia. Segundo Javier Erro, investigador de comunicación para o desenvolvemento na Universidade de Navarra, un dos paradoxos do noso século é precisamente que, en plena era da información, non somos quen de definir coa exactitude da que gozan outros conceptos á propia comunicación. A palabra comunicación provén do latín communicare, sinónimo de comulgar. Nun principio, o acto de comunicar supoñía poñer en común, relacionarse, participar. Ata ben entrado o século XVI eses dous termos, comulgar e comunicar, seguían a ter significados parellos. É a partir dese momento histórico cando, segundo Erro, se comeza a utilizar o vocábulo comunicar no sentido de practicar unha noticia. É dicir, comunicar empeza a entenderse como transmitir. Nos séculos XVII e XVIII, a formación dos mercados nacionais e a construción de vías de comunicación cambian de xeito radical (de raíz) o senso orixinal de communicare que pasa a entenderse como o conxunto de instrumentos e de redes que fan circular tanto ás persoas coma aos saberes e ás informacións. Así, a comunicación se traslada desde o mundo das persoas ao mundo dos instrumentos, deixando de ser palabra sinónima de “comulgar” para converterse na irmá xemelga de “informar”. Seguindo a liña de análise histórica de Javier Erro, a partir do século XVII esta interpretación se vincula de xeito directo coa produción, o consumo, o traballo e o espectáculo. Aparecen en escena os medios de comunicación de masas que contribúen de xeito definitivo á hexemonía da vertente informativa, deixando relegados case á inexistencia aos demais compoñentes da complexa comunicación. Segundo Edward Sapir, os nosos hábitos lingüísticos nos predispoñen a ver o mundo exactamente tal e como o vemos. O significado asumido socialmente dun
  3. 3. termo nos predispón na nosa actitude cara el. Neste sentido, desde ese cambio no universo conceptual comunicativo, fálase moito máis de mensaxes, vías e medios de comunicación que do propio proceso da posta en común. Non queda lonxe do entendemento de ninguén onde se sitúa a evolución tecnolóxica en todo este proceso de transformación conceptual. A inserción na sociedade de tecnoloxías duras1 aplicadas ao mundo comunicativo (e a todos os mundos posibles) grazas á evolución tecno-científica, sen atender á chamada tecnoloxía branda2 desvirtuou, como en tantos outros eidos, a importancia do propio proceso en beneficio da tanxibilidade das informacións. A denominada sociedade da información e do coñecemento na que parece que vivimos, confirma esta idea, xa que a información foi lexitimada de xeito teórico e científico a través da súa asociación coa revolución tecnolóxica, un irmandamento que nos empurrou ata bater estrepitosamente nun novo e manido concepto: a globalización. A través desta exposición terminolóxica é como pretendemos resolver a falla de concreción dun “que” confuso e confundido, incompleto; deixándoo no mesmo punto de indefinición. Neste traballo, centrarémonos nos “comos”, pois son precisamente eses modelos comunicativos os que nos van a permitir afirmar que un xeito concreto de organización da propia comunicación pode ser considerado tecnoloxía para o desenvolvemento humano. 1Tecnoloxía dura: 2Tecnoloxía branda:
  4. 4. “Calquera home que poda desmontar un mural de televisión e volver a armalo despois, e, na actualidade, a maioría dos homes poden facelo; é máis feliz que calquera outro que trate de medir, calibrar e sopesar o Universo, que non pode ser medido nin sopesado sen que un home se sinta bestial e solitario”. Ray Bradbury Fahrenheit 451 O papel da comunicación nestes “tecnotempos” Situándonos no tempo presente, semella necesario facer unha pequena análise da situación que xoga ese indefinido concepto na nosa sociedade actual. Falando de procesos, non debemos esquecer que a evolución do acceso a contidos informativos elaborados, viviu unha absoluta transformación desde a invención da imprenta moderna no século XV ata a incorporación da liberdade de expresión na Declaración Universal dos Dereitos Humanos do ano 1948. Tal e como asegura Richard Maxwell no seu artigo “O papel da comunicación na nosa sociedade”, a premisa da teoría da política liberal consiste en afirmar que os medios de comunicación (de novo, ese reducionismo) son vitais para sustentar as modernas institucións da democracia. Neste modelo de organización social, definido como “goberno do pobo”, o papel idóneo da comunicación comprende, segundo o autor, tres aspectos principais: o de ser facilitadora da expansión dese pobo na participación política, económica, cultural, etc.; ser organizadora de comunidades de variada dimensión e identidade; e ser catalizadora de novos xeitos de ser e chegar a ser (fomentando o pensamento crítico ou presentando interrogantes problematizadores, por exemplo). Trátase, polo tanto, dun papel de suma importancia para que se garanta a propia esencia definitoria do sistema. O problema reside en que, precisamente, a decisión de desenvolver e empregar a comunicación con estes fins depende do poder efectivo. É aquí cando Maxwell presenta o segundo paradoxo do tema que nos ocupa: non existe ningunha garantía de que as persoas que controlan aos medios encargados de impulsar eses tres aspectos (os medios de comunicación), compartan esa mesma idea que lle confire á comunicación un papel saudable dentro da democracia. Semella
  5. 5. doado darse de conta de como na nosa sociedade autodenominada democrática, a información e o propio coñecemento son tratados como bens de consumo por parte do tecido empresarial global. Independentemente do momento actual no que estamos a vivir, no que numerosas iniciativas de medios de comunicación de carácter alternativo xorden a través de espazos virtuais cada vez máis frecuentados pola cidadanía; este texto vaise afastar da idiosincrasia dos denominados mass media e da súa evolución para centrarse na propia organización da comunicación dentro das entidades de carácter social inscritas no denominado Terceiro Sector. Analizarase tamén a importancia da comunicación na evolución da Cooperación Internacional de cara a conseguir o desenvolvemento humano. Porén, é preciso mencionar que toda a evolución tecnolóxica vivida no seo dos instrumentos de difusión da comunicación (as TIC) poderían permitirnos (nos contextos das zonas enriquecidas dos países enriquecidos), avanzar cara esa sociedade democrática cunha posibilidade de participación máis directa nos temas de interese cidadán. Seguimos a bater no muro dos “comos” e os medios camiñan na busca doutros fins. Non somos anti-sistemas somos cambia-sistemas Berro pegado a unha parede A comunicación coma un sistema de transformación social Atopámonos nun momento onde non é difícil percibir unha situación de subdesenvolvemento, pero non precisamente atribuído a cuestións de carácter económico, senón que estamos “subdesenvolvendo” a nosa visión da realidade reducindo a panorámica a unha simple e maniquea concepción do mundo, que chega a ser mesmo retórica, pois semella que se está a abusar do emprego de certas figuras literarias que se refiren ao “todo” a través dunha das súas partes. Como vimos na introdución deste texto, a redución da comunicación á mera transmisión de informacións é un claro exemplo desta tendencia, xa que a información é unha parte fundamental da comunicación, pero non explica a totalidade da súa complexa natureza. Amparándonos baixo un paraugas teórico, a Teoría Social da Comunicación do profesor da Universidade Complutense de Madrid, Manuel Martín Serrano,
  6. 6. ACTORES INSTRUMENTOS EXPRESIÓNS REPRESENTACIÓNS presenta unha visión do sistema comunicativo que parece abarcalo na súa complexidade. É evidente que existen numerosas teorías que poden explicar o proceso comunicativo, no tanto, Martín Serrano sitúa á comunicación no centro da súa investigación, o que lle outorga á súa proposta teórica, cando menos, un punto de vista interesante. Desde un posicionamento persoal, considero a comunicación coma un factor de creación, transformación, aprendizaxe e recomposición teórica permanente; precisamente por iso, parece importante presentar os postulados dunha teoría que funda a súa existencia no suposto de que existen interdependencias entre a transformación da comunicación pública e o cambio da sociedade. Así, en función do exposto por Serrano, podemos afirmar que ese ansiado cambio social que buscan as entidades do Terceiro Sector vai parella a un cambio de modelo e práctica comunicativa. Segundo Serrano, toda comunicación é un proceso de interacción entre dous (ou máis) actores que participan no intercambio comunicativo. Ditos actores ocupan distintas posicións e desempeñan funcións diferentes segundo a súa situación no sistema comunicativo. Martín Serrano representa o Sistema de Comunicación do seguinte xeito: Neste esquema, son denominados actores a aquelas persoas que elaboran e reciben a información (emisoras e receptoras); as materias expresivas son toda aquela materia da que se poida valer un actor para comunicar (biolóxicas, naturais, fabricadas); os instrumentos (biolóxicos, tecnolóxicos) son todo o que permite aos actores elaborar expresións; mentres que as representacións son aquelas ideas forza que os actores realizan do mundo e que proceden da interacción dos diferentes sistemas do noso entorno.
  7. 7. ACTORES INSTRUMENTOS EXPRESIÓNS REPRESENTACIÓNS SISTEMA DE COMUNICACIÓNSISTEMA SOCIAL SISTEMA DE REFERENCIA SS SR Por outra banda, ao ter unha concepción sistémica da comunicación, podemos decatarnos de que este (o Sistema de Comunicación) se atopa en interacción constante co Sistema Social e o Sistema de Referencia (teoría de sistemas). Segundo Manuel Martín Serrano, non existe un sistema que inflúa máis que os demais, senón que os tres se atopan no mesmo nivel de influencia. Deste xeito, calquera nivel do Sistema Social ou ben do Sistema de Comunicación poden verse afectado polo que acontece en calquera nivel do outro sistema (a evolución das TIC como instrumentos do Sistema de Comunicación e a súa influencia no Sistema Social pode ser un exemplo). A diferenza do exposto por Richard Maxwell, a teoría de Martín Serrano non limita a parte activa do proceso aos medios de comunicación (aínda que estes xogan un papel fundamental), pero semella que si que concorda co analista estadounidense na importancia que xoga o Sistema de Comunicación na súa relación directa coa sociedade debido á súa influencia mutua. Hai dous aspectos interesantes que amosa a representación gráfica desta teoría. En primeiro lugar está a horizontalidade na que conviven os sistemas e os seus elementos internos; en segundo lugar destaca a concepción da comunicación coma un proceso dialóxico. Estas son dúas das características que debería conservar unha práctica comunicativa para ser considerada tecnoloxía para o desenvolvemento humano.
  8. 8. “A educación bancaria dita ideas, non hai intercambio de ideas. Non debate ou discute temas. Traballa sobre o educando. Imponlle unha orde que el non comparte, á que só se acomoda. Non lle ofrece medios para pensar autenticamente, porque ao recibir as fórmulas dadas, simplemente as garda. Non as incorpora, porque a incorporación é o resultado da busca, de algo que esixe de parte de quen o intenta, un esforzo de re-creación, de invención”. Paulo Freire. A educación como práctica da liberdade Paralelismos I Modelos comunicativos e modelos educativos A Constitución Española recoñece no seu Artigo 20, por un lado, a Liberdade de Expresión (apartado 1.a.) e, por outro, a Liberdade de Comunicación (apartado 1.d.), recollendo, así, tanto a vertente activa da comunicación, coma a pasiva. Esta diferenciación establece, polo tanto, o dereito a recibir unha información de calidade (medida en criterios de imparcialidade, veracidade, etc.), e o dereito activo a crear, comunicar e expresar. A pesar do pouco rigor que parece existir na aplicación efectiva dos dereitos civís, sobre todo cando se atopan preto grupos empresariais, é interesante ter en conta este marco legal establecido no que se concibe á persoa como suxeito emisor e receptor en todo proceso comunicativo. Dentro da vertente pasiva (a parte da recepción), semella que hoxe en día se “extrapasivizou”. Atopámonos nun momento onde predomina o falso mito da “información de titulares” que nos convence de que estamos ben informados e informadas de todo o que acontece con só atender ás cabeceiras dos informativos. Tal e como expuxo no ano 1995 Ignacio Ramonet no editorial do primeiro número da versión española de Le Monde Diplomatique, existe unha tendencia por parte da cidadanía a querer estar informada sen esforzo, unha postura atribuída, segundo o xornalista galego, ao novo modelo mediático dominado polas televisións. Este medo, que se pode constatar coma unha terrible realidade hoxe en día, pode que teña xurdido ante o cambio de “medio” de información, pero desde logo, tamén é froito innegable do modelo de comunicación dominante na nosa sociedade.
  9. 9. E R m Desde as Facultades de Ciencias da Comunicación, adoita ser unánime a división das funcións da comunicación en tres grandes grupos: informar, formar e entreter. Desde a concepción do proceso comunicativo como fundamental na construción dunha cidadanía crítica e participativa, é inevitable considerar como prioritaria a función formativa da comunicación. Mario Kaplún, discípulo de Paulo Freire, estableceu no seu traballo Unha pedagoxía da comunicación, un estreito vínculo entre os modelos comunicativos e os modelos pedagóxicos. Kaplún entende a comunicación como un proceso formativo e denomina ao modelo que defende e practica como comunicación educativa. O autor parte da premisa básica de que a cada tipo de educación lle corresponde unha determinada concepción e unha determinada práctica da comunicación, e, así, ao longo do seu traballo, establece de xeito concreto eses paralelismos. • A comunicación bancaria Na liña do pedagogo brasileiro Paulo Freire que empregou o adxectivo “bancaria” para referirse ao modelo educativo tradicional; Kaplún denomina comunicación bancaria a aquela que concibe o acto e proceso que xeralmente se chama comunicación, como a mera transmisión de información, ideas, emocións, etc., mediante o emprego de signos e palabras. A mensaxe (m) parte dunha persoa que a emite (E) cara unha receptora que a recibe (R). • A comunicación “manipuladora” Segundo Kaplún, este tipo de comunicación deriva do modelo pedagóxico baseado na psicoloxía condutista e que ten como obxectivo que a persoa “educanda” faga. Este modelo de comunicación monologada está moi presente na nosa sociedade e na estrutura organizacional de moitas entidades sociais. Trátase dunha comunicación de carácter unidireccional na que todo o fluxo comunicativo, incluído o contido das emisións, está controlado pola persoa, grupo ou departamento que emite as mensaxes.
  10. 10. E R m r Este modelo, ideado en Estados Unidos durante a II Guerra Mundial, foi o que máis ten influído na concepción e práctica da comunicación. Podemos recoñecer este modelo nos medios de comunicación masiva, que se valen dos resortes condicionantes para manipular a opinión pública da audiencia e modelar e uniformar as súas condutas. Tamén empregan este modelo as técnicas publicitarias, que actúan por presión, repetición e motivacións subliminares; pois o que interesa é a compra dun produto como acto impulsivo motivado por un mecanismo ilusorio de estímulo-recompensa que, moitas veces, pouco ten que ver co contido do produto. Outro dos emblemas das sociedades democráticas modernas son as campañas de propaganda política que, en xeral, só se propoñen a creación dunha presión para que a “masa” vote á persoa candidata sen reflexión nin análise do seu programa de goberno. Centrándonos no eido das entidades sociais, podemos recoñecer este modelo nas campañas de captación de persoas socias que se están a multiplicar nas rúas das grandes e medianas cidades. Nestas campañas, os obxectivos e contidos están prefixados de antemán polas persoas que as idean, e o que se espera non é unha sensibilización ou concienciación real da cidadanía en relación a un tema en concreto, senón o seu apoio económico á entidade impulsora da campaña. Continúa existindo unha entidade emisora (E) protagonista, dona da comunicación, que envía unha mensaxe (m) a unha persoa receptora (R), a cal continúa relegada a un papel secundario e dependente. Porén, agora aparece unha resposta ou reacción denominada retroalimentación (r) ou feedback. Polo tanto, parece que se atenúa a unidireccionalidade, pero non hai que esquecer que se trata dunha comunicación persuasiva cuxo obxectivo é conseguir efectos (os efectos que desexa a entidade emisora). • Comunicación educativa
  11. 11. Acción Reflexión Acción En América Latina, Paulo Freire e outro grupo de educadores elaboran unha pedagoxía do oprimido, que se convertería nunha educación para a democracia e nun instrumento para la transformación social. A educación é entendida coma un proceso de acción-reflexión-acción que fai cada persoa, desde a súa realidade, desde a súa práctica social, a súa experiencia, xunto cos demais. A persoa educadora-educanda xa non é a que ensina ou dirixe, senón que acompaña, para estimular o proceso de análise e reflexión no que el tamén aprende. A comunicación educativa de Kaplún está baseada neste modelo pedagóxico. Adaptando ese proceso educativo ao mundo da comunicación, as persoas que realizan unha comunicación educativa consideran que non se trata de informar nin de conformar comportamentos. Trátase, pola contra, de formar para transformar. Segundo Freire, a transmisión de información é un momento fundamental do acto do coñecemento. Pero esa información debe responder a unha previa problematización, a unha necesidade que o grupo (ou cidadanía) sinte, a unhas preguntas que este se formula. Por outra banda, desde o propio exercicio comunicativo é conveniente incentivar o interese, facer que xurdan as preguntas, problematizar, en definitiva. Neste modelo comunicativo, neste xeito de entender o proceso e o propio concepto da comunicación, é onde pensamos que a comunicación pode ser unha ferramenta fundamental para acadar o desenvolvemento humano. A comunicación de moitos dos movementos sociais que estouparon nos últimos anos están moi na liña deste modelo que presenta Kaplún, pois procuran a máxima horizontalidade, a transversalización da comunicación a través da multiplicidade de persoas emisoras que problematizan, cuestionan e critican as realidades. Porén, parece que no sector das ONGD non se conseguiu dar este salto de paradigma, de rotura cos modelos comunicativos propios dos sectores empresariais e publicitarios. O control dos fluxos comunicativos descontrola a súa
  12. 12. esencia, pois non están a exercer como catalizadoras de forzas de cara á transformación social. Na aldea global do universo mediático, mestúranse todos os continentes e todos os séculos ocorren á súa vez. “Somos a voz de aquí e de todas partes, é dicir, de ningunha”, di Alain Touraine, a propósito da televisión: “As imáxenes, sempre atractivas para o público, xustapoñen o surtidor de gasolina e o camelo, a Coca-Cola e a aldea andina, os blue jeans e o castelo principesco”. Créndose condenadas a elixir entre a copia e a cerrazón, moitas culturas locais, desconcertadas, desgarradas, tenden a borrarse ou se refuxian no pasado”. Eduardo Galeano. Patas Arriba. La escuela del mundo al revés Paralelismos II A evolución da comunicación e da cooperación para o desenvolvemento A historia e evolución da cooperación internacional pódese explicar, desde un punto de vista dialóxico, como o inicio dunha achega comunicativa entre os diferentes actores políticos que conformaban o panorama mundial despois da Segunda Guerra Mundial. Desde esta perspectiva, e falando en termos xerais, podemos afirmar que unha das grandes eivas que afectaron ao longo da súa historia ao mundo da cooperación ao desenvolvemento, foi o feito de que traballou arreo co “antidiálogo”, xa que a comunicación foi a grande marxinada durante moito tempo dos proxectos de desenvolvemento. E sen comunicación é imposible establecer ese necesario diálogo que marcará o entendemento. Como acabamos de ver, tanto a cooperación internacional, coma os gobernos e incluso moitas ONGD, conciben a comunicación como un instrumento de visibilización, concentrando os seus esforzos no uso dos medios masivos baixo as directrices da espectacularidade e a solidariedade como produto de consumo. Volvendo de novo ás reflexións do profesor e investigador Javier Erro, a relación entre comunicación e desenvolvemento é tan estreita que, toda interpretación do
  13. 13. desenvolvemento supón, á súa vez, unha interpretación da comunicación (e viceversa) de xeito que medios e fins resultan inseparables. Seguindo coa (in)definición de conceptos complexos, o “desenvolvemento” é unha concepción eternamente debatida, con posturas divididas onde é importante posicionarse para definir desde que lente observamos este termo. Seguindo a reflexión de Rosa María Alfaro no seu completo libro Otra brújula. Innovaciones en comunicación y desarrollo, cada modo de entender ou realizar actividades de axuda, promoción ou intervención baseánse en comprensións da realidade e en apostas sobre como modificala. Deste xeito, a autora sinala que só desde esta perspectiva se pode falar de Teorías ou Modelos do Desenvolvemento como “formas de achegamento ao cambio”. Seguindo con Rosa María Alfaro e coa concepción dialóxica dos procesos sempre presente, a autora considera que o desenvolvemento é unha interlocución entre a teoría e a práctica que “nos axuda a buscar outro modelo que aínda non está” pero que se vai predeterminando se se sabe construír. E no medio desa construción, a comunicación xoga un papel chave para profundar a vontade e facela máis colectiva. “O desenvolvemento supón palabra compartida na acción de transformar, construíndo novos sentidos comúns”. Falamos dunha comunicación viva, que compromete os imaxinarios e os desexos da xente na liña de resolver os seus problemas, xerar cambios sostibles e seguir cara adiante sendo protagonistas da ruta iniciada. Cando falamos de desenvolvemento humano, o concepto debe incluír toda esta dimensión de cambio social e, como tal, debe ter en conta o compoñente comunicativo imprescindible para xerar un cambio transformador verdadeiramente endóxeno. O nacemento e evolución da comunicación para o desenvolvemento é unha historia dividida en dous, un relato partido en hemisferios ao igual que o está o mundo. A evolución no Norte e no Sur da comunicación para o desenvolvemento merece unha explicación por separado, por iso nos guiaremos por unha estupenda lectura do especialista en comunicación Alfonso Gumicio Dagron titulada "Comunicación para o cambio social: clave do desenvolvemento participativo", na que conseguiu explicar moi claramente como xurdiu, como evolucionou e, o máis importante, en que situación se encontra actualmente a comunicación para o desenvolvemento. A comunicación aplicada ao desenvolvemento económico e social, naceu nos frenéticos anos posteriores á explosión da Segunda Guerra Mundial. Dende os anos 50, xurdiron sobre a base da experiencia, varios modelos que se desenvolveron paralelamente, con opcións diferentes moi marcadas. Destacan dúas correntes principais: en primeiro lugar unha vertente comunicativa inspirada nas teorías da modernización e en técnicas derivadas das estratexias informativas
  14. 14. impulsadas polo goberno de Estados Unidos. E, en segundo lugar, a partir das loitas sociais anticoloniais e antiditatoriais do Terceiro Mundo, nace unha comunicación cuxa vertente teórica reside nas teorías da dependencia. Deste xeito, e ao igual que fai Gumicio Dagron no seu escrito, explicaremos por separado estas dúas vertentes teóricas e a súa evolución. • Teorías da modernización: a busca da dependencia Estas teorías parten da base de que son as tradicións e as raíces culturais as que impiden que os pobos do chamado “Terceiro Mundo” se suban ao tren do progreso e da modernidade. En palabras de Gumicio Dagron, trátase dunha crenza que impuxo a premisa de que "os países pobres eran dalgún xeito responsables da súa propia pobreza". Estas teorías asígnanlle un papel central á economía e á tecnoloxía e consideran que debe ser precisamente a introdución destes "coñecementos" o camiño a seguir para modernizar os campesiños dos países empobrecidos. Esta visión paternalista estaba lexitimada polas universidades norteamericanas que concibía á comunicación como "un traslado unidireccional de información cara a aqueles que supostamente carecían dela". Esta formulación xerou un paradigma que foi o dominante durante varias décadas, cuxo principal propoñente teórico foi o estadounidense Everett Rogers. Este modelo proposto aplicouse sobre todo no campo da agricultura (Revolución Verde); pero en numerosas ocasións as accións de comunicación utilizáronse con fins abertamente políticos. É evidente que todas estas estratexias xurdiron co fin de manter unha velada influencia colonial nos países “descolonizados”; os novos nomes destas ferramentas foron a cooperación militar e a axuda para o desenvolvemento, entendendo desenvolvemento como a necesidade de modelar ás nacións pobres seguindo os patróns dos países industrializados (e hoxe capitalistas). Os modelos de información afíns ao paradigma da modernización apoiaron a expansión de mercados, o fomento do consumo en países subdesenvolvidos a través da persuasión e da transferencia (a través de modelos verticais) de información e difusión de innovacións tecnolóxicas. No tanto, a historia demostrou que o desenvolvemento non depende exclusivamente da tenza de maior información, polo que este paradigma teórico debería estar totalmente inutilizado. A continuación explicaremos moi brevemente algúns dos modelos máis importantes que desenvolveron as teorías da modernización. o O mercadeo social
  15. 15. Este modelo emerxeu como dominante en programas de desenvolvemento principalmente en África, Asia e América Latina e a súa estratexia de actuación estivo estreitamente vinculada aos modos de operación das axencias de cooperación internacional. A columna vertebral deste modelo estivo formada polos grandes medios masivos de información e o obxectivo principal do mercadeo social foi a modificación de actitudes e comportamentos individuais (seguindo o modelo de “comunicación manipuladora” de Kaplún). Un dos aspectos que podemos destacar é que para o mercadeo social as culturas locais son vistas como barreiras para o desenvolvemento e a modernización. o Promoción da Saúde Este modelo incorpora como elementos destacables, unha maior énfase na comunicación interpersoal, no papel dos axentes de saúde como comunicadores, e nos procesos educativos. Non obstante, tal e como apunta Alfonso Gumicio, non conseguiu chegar a ser unha comunicación sobre a saúde, senón que consistiu en comunicar sobre a enfermidade. Os medios de comunicación de masas xa non foron o vehículo dominante, senón que se combinou o uso dos anteriores con accións de comunicación grupal e interpersoal. o Enter-education (educación e entretemento) Este modelo foi froito da unión do mercadeo social e do entretemento, e caracterizouse pola súa flexibilidade e a súa capacidade de adaptación aos contextos culturais locais. Consiste en aplicar as técnicas do espectáculo ao terreo da sensibilización e da educación. Non obstante, a crítica maioritaria a este enfoque reside no detrimento da auténtica aprendizaxe en favor dun modelo moito máis entretido e espectacular. • As teorías dependentistas Ao abeiro das loitas pola independencia colonial xurdiu toda unha corrente intelectual que consideraba errónea a concepción do desenvolvemento das teorías modernistas. Segundo estes autores, as diferenzas entre países ou rexións do mundo se debían ao sistema de explotación sufrido polos países empobrecidos, polo que había unha serie de razóns estruturais de índole política, económica, social, cultural e legal, que explicaban as verdadeiras causas do
  16. 16. subdesenvolvemento e do atraso. Estas reflexións e teorías influíron no nacemento de innumerables experiencias de comunicación alternativa cuxo obxectivo era a conquista de espazos de expresión antes inexistentes. Estes modelos comunicativos atópanse na liña da comunicación educativa proposta e defendida por Kaplún e incorporan moitos aspectos relacionados coa incorporación apropiada de novas tecnoloxías para conseguir un desenvolvemento humano respectuoso coa diversidade cultural e ambiental, os ritmos de aprendizaxe e o autocontrol de tecnoloxías e procesos. o A comunicación para o desenvolvemento Trátase dun dos modelos mellor estruturados, inspirado no modelo de difusión de innovacións pero presentando unhas claras diferenzas. A comunicación para o desenvolvemento fai énfase nunha tecnoloxía apropiada, que poida ser asumida polo campesiñado dos territorios máis desfavorecidos. Formula, ademais, a necesidade de establecer fluxos de intercambio de coñecemento e de información entre as comunidades rurais e os técnicos expertos, en lugar de que se produza a xa coñecida transferencia unidireccional de tecnoloxía. Deste xeito, o modelo demostra a súa valoración positiva cara ao coñecemento local, entendendo a importancia que ten respectar as formas tradicionais de organización social, e fortalecelas para contar con interlocutores válidos e representativos. Outro dos seus aspectos máis destacables é a énfase na capacitación en técnicas de comunicación dos axentes de cambio, así como a produción de materiais apropiados para o contexto cultural de cada programa. Tal e como afirman os distintos estudos consultados, existen moitas experiencias de éxito no eido da comunicación para o desenvolvemento en todo o mundo, entre as que destacan a promoción das radios comunitarias, o vídeo participativo, e as novidosas técnicas de comunicación educativa e participativa. o Comunicación alternativa Esta tipoloxía non é considerada aínda como modelo, pois non dispón dunha base constitucional, aínda uqe hoxe en día ten unha vixencia abraiante en todo o mundo. Xurdiu a través dunha gran variedade de experiencias en distintas rexións do mundo e só foi a posteriori que se tratou de elaborar unha teoría entorno a esta importante vía comunicativa. Un dos libros máis interesantes ao respecto é o escrito por John Downing titulado Radical Media, no cal defende a idea de que este tipo de comunicación debería considerarse como unha parte fundamental do
  17. 17. ensino da historia dos medios de comunicación. En xeral baséase en esforzos contestatarios que teñen como obxectivo a conquista de espazos de comunicación en sociedades represivas ou socialmente estancadas. Deste xeito, o seu aspecto fundamental é a apropiación dos medios, entendendo por apropiación un modo de desenvolver a capacidade propia, comunitaria e colectiva, de adoptar a comunicación e os seus medios como un proceso de axuda ás loitas sociais. Esta práctica comunicativa permite desenvolver, principalmente, a parte activa do dereito á Liberdade de Expresión recollida nas Constitucións occidentais. Nesta época de auxe da comunicación alternativa, a preocupación polo estado da comunicación na esfera Norte do planeta formulouse no famoso informe encargado pola UNESCO e que recibiu o nome de Informe McBride. No devandito informe denunciouse por vez primeira o sometemento da información e da comunicación á lóxica do mercado, e apostouse pola proliferación de múltiples voces que nomeasen o mundo dende os seus propios referentes. Como apunta Fernando Quirós no seu libro Recuperando o espírito McBride, este informe sinalaba que se está a ignorar un feito fundamental: a particularidade das estruturas propias de cada país. A raíz deste informe leváronse a cabo unha serie de accións a favor dunha Nova Orde da Información e a Comunicación. Foi neste momento cando Estados Unidos e Inglaterra decidiron retirarse da UNESCO aínda que, hoxe en día, xa volven a formar parte desta institución. o A comunicación para o cambio social Aparece a fins do século como un paradigma reformulado, de feito, a súa conceptualización empezou a xerarse a partir do ano 1997, a raíz dunha serie de reunións entre especialistas de comunicación e participación social. O concepto central consensuado é que a comunicación para o cambio social é un proceso de diálogo e debate, baseado na tolerancia, o respecto, a equidade, a xustiza social e a participación activa de todas as persoas. Entre as características novidosas que ofrece este modelo, cómpre destacar entre as súas premisas o rexeitamento á transmisión lineal de información desde un centro emisor cara a un individuo receptor, propoñendo un proceso cíclico de interaccións co fin de xerar coñecemento compartido. É evidente, que esta idea é herdeira das propostas do pedagogo brasileiro Paulo Freire e está relacionada directamente co que Mario Kaplún entendeu que era a comunicación educativa.
  18. 18. IM posible Berro pegado a unha pancarta Concluíndo co “porqué” Por que afirmamos que a comunicación para o cambio social pode ser entendida como tecnoloxía para o desenvolvemento humano? Tal e como se defende noutros artigos desta colección sobre tecnoloxía para o desenvolvemento humano, unha tecnoloxía é unha “forma de pensar, de solucionar as dificultades que se nos presentan”. Fala, polo tanto dos “comos”, dos procesos; e a comunicación para o cambio social está entendida precisamente como iso, coma un proceso vivo en constante cambio. Aínda que resulte dificultoso teorizar sobre un concepto cambiantes, segundo Alfonso Gumicio, existen cinco características ou condicións que parecen indispensables, máis alá dunha simple catalogación teórica. Son condicións que están presentes nos diferentes procesos de comunicación para o cambio social. Participación comunitaria e apropiación Sobran as experiencias de comunicación, no contexto dos cambios sociais e do desenvolvemento, que fracasaron debido á falta de participación e compromiso dos actores e suxeitos do cambio. As experiencias de "acceso" aos medios son claramente insuficientes e con frecuencia resultan en manipulacións interesadas. Por iso, unha condición indispensable na comunicación para o cambio social é a participación democrática e a apropiación tanto do proceso coma dos contidos comunicativos, nos termos descritos máis arriba. Lingua e pertinencia cultural Durante varias décadas os programas de desenvolvemento foron impostos sobre os países empobrecidos, mentres as estratexias de comunicación eran elaboradas en laboratorios dos países industrializados. As mesmas mensaxes, as mesmas técnicas, os mesmos formatos, se utilizaron -e utilízanse aínda- en contextos culturais diferentes. O proceso de comunicación non pode ignorar as
  19. 19. particularidades de cada cultura e de cada lingua, pola contra, debe apoiarse nelas para lexitimarse. A interacción cultural, é dicir, os intercambios entre linguas e culturas, son saudables cando teñen lugar nun marco de equidade e respecto, a través do diálogo crítico, o debate de ideas, e a solidariedade. Xeración de contidos locais Os modelos verticais de comunicación aplicada ao desenvolvemento asumen que as comunidades empobrecidas nos países dependentes carecen de "coñecemento" e de "saber". O acceso á información xerada nos países industrializados vese como a solución aos problemas. Hai demasiada arrogancia nesta posición que asume que o coñecemento é privilexio das nacións industrializadas. A comunicación para o cambio social fortalece o saber comunitario e promove o intercambio de coñecementos en condicións equitativas; a aprendizaxe a través do diálogo, nun proceso de crecemento conxunto. Na comunicación para o cambio social é fundamental a xeración de contidos propios, que rescaten o saber acumulado a través de moitas xeracións. Uso de tecnoloxía apropiada Como levamos vendo ao longo deste documento, a fascinación polas novidades tecnolóxicas, que ás veces se presentan como condicións indispensables para o desenvolvemento, pode derivar nunha maior dependencia. Innumerables proxectos fracasaron porque foron dotados de tecnoloxía que non podían amortizar, nin renovar, nin controlar. A mistificación dá tecnoloxía sobre a capacidade humana leva distorsións. A comunicación para ou cambio social promove os procesos, non os instrumentos. O uso da tecnoloxía debe dimensionarse de acordo ás necesidades de cada proceso comunicativo. Segundo considera Alfonso Gumicio, a capacidade de apropiación que desenvolvan os actores involucrados define, en cada etapa do proceso, ás características dá tecnoloxía que debe usarse. Converxencias e redes Os procesos de comunicación que se illan, que non establecen un diálogo máis amplo con outras experiencias similares a nivel local, rexional ou global, teñen menos posibilidades de crecer e de ser sostibles no longo prazo. A comunicación para o cambio social promove o diálogo e o debate, non soamente no interior do proceso de comunicación, senón cara a outros procesos similares. A constitución de redes contribúe a consolidar os procesos, e o intercambio enriquéceos.

×