Con estes materiais pretendemos ofrecervos un recurso para a intervención coeducativa no ámbito afectivo-emocional e sexual, que vos poida resultar de utilidade na vosa práctica profesional. Antes de comezar a falar do asunto un pouco máis polo miúdo, gustaríanos indicar que o contido desta guía responde a un modelo de intervención educativa no ámbito das actitudes, fundamentado nos principios da psicoloxía dinámica, adaptado ao tema que nos ocupa e tamén ao colectivo a que vai dirixida: é dicir, nenas e nenos de entre 3 e 11 anos, e profesorado de Educación Infantil e Primaria. Neste sentido, tanto as actividades que se inclúen, coma a fundamentación teórica que as precede, constitúen un modelo vertebrado en torno a un obxectivo xeral: a contribución a un desenvolvemento afectivo-sexual saudábel das nenas e nenos, como parte fundamental da súa maduración. Este traballo vén precedido doutro anterior que, baixo o título Temas transversais e educación de actitudes. Proposta para unha intervención integral a propósito da prevención da infección polo vih-sida, que se está a desenvolver desde hai varios anos en centros de Ensino Secundario de Galicia, e que xa demostrou a súa efectividade a través dos resultados dunha avaliación realizada nos comezos da súa posta en funcionamento. Esperamos, por todo isto, que a proposta resulte de utilidade para o voso traballo e tamén, por suposto, que o seu desenvolvemento resulte divertido e produtivo...