1. As sereas de NENA
E O MAR
Adriana, Ruth, Alejandro e Miguel
2. SEREAS NA MITOLOXÍA:
Na mitoloxía grega, unha serea é unha ninfa filla do río Aqueloo, o maior
río de Grecia, e dunha musa, Calíope para uns, Terpsícore, para outros.
Segundo outras versións, filla de Forcis e Xea. Cos seus cantos engaiolaba
os mariñeiros e provocaba a súa morte contra os cantís que arrodeaban a
súa illa. Segundo a tradición grega, as sereas vivían nos cantís das costas
(Lenda das Sereas), como podemos ver nos gravados do mito de Ulises.
Aínda que este ser mitolóxico vénnos de herdanza do mundo grego,
pénsase que a súa orixe é anterior, Persa ou Indoeuropeo.
3. HISTORIAS DAS SEREAS:
O seu nome provén do termo latino siren, que á súa vez provén do grego seirên,
da palabra seira, "lazo", "corda", que fai referencia ao seu poder cativador.
A primeira mención ás sereas provén da Odisea, de Homero. Na viaxe de Ulises, a
deusa Circe advírtelle do perigo que significan os cantos das sereas, coas que se
atopará na viaxe. Dille que son tan sedutoras que quen escoita o seu canto perde
o sentido, desatendendo o navío de tal forma que terminará batendo contra as
rochas. Para vencer o perigo ordena á tripulación que se poñan todos cera nos
ouvidos para non oiren o canto pero, como el non quere perderse a experiencia
de escoitar tal melodía, manda que lle amarren ó mastro e que logo non o
desaten por máis que el o ordene. Deste xeito Ulises consegue superar sen
problemas a illa das sereas.
4. CARACTERÍSTICAS:
A serea é un ser mitolóxico, orixinalmente descrita como corpo de ave e cabeza
humana, que ben podía ser home ou muller. Co paso dos séculos vai predominando
cada vez máis a figura feminina, aínda que na iconografía relixiosa seguen aparecendo
sereas con cabeza de home ata ben entrada a Idade Media.
A serea simboliza a sedución, de aí que tome forma feminina. A tal fin utiliza o canto
ou a música, o que explica que por veces apareza con instrumentos musicais, como a
lira. Busca seducir os homes para levalos ó pecado ou á morte, física ou espiritual.
Como símbolo que indica este obxectivo incorpora moitas veces a serpe: serpes que lle
saen da boca, longos cabelos que rematan en cadansúa serpe, pescozo estilizado que
semella o dunha serpe ou rabo de serpe no canto do rabo de ave que lle sería propio.
Noutras representacións aparecen acompañadas ou entrelazadas con serpes.
5. Dentro da intención moralizante da arte medieval, nalgúns capiteis
reflíctese a loita contra o pecado (en forma de serea). Así, pódense ver
casos nos que unha figura humana agarra a serea polo pescozo, tenta
cortarlle a cabeza cunha espada ou abatela cun garrote. Outras veces a
serea aparece atacada -mesmo xa trabada- por cans, leóns ou dragóns.
No século XII, o sacerdote e teólogo Honorio de Autun identificaba as
sereas con tres pecados capitais: o canto, a voz, simbolizaba a avaricia; a
frauta, a soberbia; e a lira, a luxuria. Profundando no significado cristián
da lenda das sereas, Ulises sería o pobo cristián, o sabio; a nave na que
viaxan sería a Igrexa; o mastro ó que se mandou atar Ulises, a cruz; e a
cera coa que se mandou tapa-los oídos, Cristo.
Xa nos séculos XII-XIII comezan a aparecer as sereas-peixe: metade
superior de muller (torso, brazos e cabeza) e metade inferior de
peixe (abdome e o que serían as pernas). Esta morfoloxía muller-
peixe recibe o nome de Nereida.
6. SEREAS EN GALICIa:
A figura da serea, tanto como ave como en forma de peixe, é frecuente na imaxinería relixiosa galega.
Pódese ver en capiteis ou bases das columnas dos apóstolos e profetas dos pórticos das catedrais de
Santiago ou de Ourense, así como en metopas, canzorros ou nas paredes das igrexas de San Domingos de
Bonaval, de Ribadavia, Portomarín, Betanzos, Breixa (Silleda) etc. Tamén aparecen nalgunhas letras
capitulares das Cantigas de Santa María e nos doseletes no coro pétreo do Mestre Mateo.
Quizais relacionada coas sereas que seducían os mariñeiros para levar os barcos contra os cantís, na Costa
da Morte existe a crenza que asimila as sereas coas bruxas, que teñen o poder de voar.
Vicente Risco di que non foi quen de recoller en Galicia ningunha tradición popular nin lenda relacionada
coas sereas, aínda que si en Portugal. Non obstante, outros etnógrafos si que atoparon lendas e contos
sobre sereas, tanto de mar (por exemplo, as que habitan nas Illas Miranda, na ría de Ares, ou na praia de
Mogor, Marín), como de auga doce (por exemplo, as que viven no regato do Bao, en Sober, Lugo).
7. SEREAS NA HERÁLDICA:
A figura da serea (muller-peixe ou nereida)
está presente na heráldica. Un escudo galego
no que figura unha serea é o dos vizcondes
de Fefiñáns. Pode verse na fachada lateral do
Pazo de Fefiñáns, así coma na capela do
pazo.
Castelao tomou a imaxe dunha serea para
deseñar o seu escudo da Galiza para a época
da república co lema inscrito Denantes
mortos que escravos.