Successfully reported this slideshow.
We use your LinkedIn profile and activity data to personalize ads and to show you more relevant ads. You can change your ad preferences anytime.

Cine y matemáticas

6,729 views

Published on

Selección de películas relacionadas con las matemáticas

Published in: Education, Technology

Cine y matemáticas

  1. 1. Cine e matemáticas Unha selección de películas realizada e comentada por Miguel Ángel Mirás Calvo e Carmen Quinteiro Sandomingo Publicada por: Mercando Libros http://mercandolibros.blogspot.com Vigo, 2008
  2. 2. Blade Runner Ridley Scott Un policía (un Blade Runner) enfróntase á penosa tarefa de ter que “retirar” uns androides (os replicantes) capaces de pensar e desenvolver emocións humanas. Para descubrilos, o Blade Runner dispón dunha única ferramenta: un test. Trátase dunha clara referencia ó famoso “xogo da imitación”, máis coñecido como test de Turing, proposto en 1950 polo xenial matemático británico como método para respostar á pregunta: Poden pensar as máquinas? En Blade Runner, ó igual que no relato “Poden soñar os androides con ovellas eléctricas?” de Philip K. Dick no que está inspirada, atopamos algún dos mellores e máis sofisticados exemplos de interrogatorios tipo test de Turing.
  3. 3. Moebius Gustavo Mosquera Película de ciencia ficción, cuxo título fai referencia a unha superficie dunha soa cara, non orientable: a banda de Moebius. Está baseada no conto A subway called Moebius, de A. J. Deutsch, e relátanos a desaparición, camiño da Plaza de Mayo, dun tren no labirinto de túneles do Metro de Buenos Aires. O enxeñeiro que realizara a última ampliación do metro, sen gana de dedicar un só minuto ó asunto, envía a Daniel Pratt, un matemático (topólogo, para sermos exactos) para que resolva el o problema. As pescudas para dar cos planos orixinais do metro levan a Pratt ata a casa dun antigo profesor seu de Matemáticas, agora desaparecido. Alí, ademais de debuxos de Escher, atopa os planos e unha banda de Moebius cravada nun taboeiro. O topólogo ten xa unha teoría para explicar o enigma.
  4. 4. La verdad oculta John Madden Baseada na obra de teatro Proof, do dramaturgo David Auburn, relata a historia de Catarina, unha estudante universitaria que abandona a súa prometedora carreira para se dedicar en exclusiva ó coidado do seu pai, Roberto, un brillante matemático que sofre unha enfermidade mental dexenerativa. Ademais do talento matemático, herda Catarina a enfermidade do seu pai? Despois da morte de Roberto, Catarina debe facer fronte non só a este pesadelo, senón tamén á súa irmá Clara, que pretende facerse cargo da súa vida e reconducila cara a normalidade, e a Alberto, un pupilo do seu pai que desexa revisar os escritos deste coa esperanza de atopar algún material inédito aproveitable. A aparición dun caderno cunha demostración matemática fantástica porá a proba ós
  5. 5. A.I. Steven Spielberg Nun mundo dependente do papel dos androides, chamados mecas, os enxeñeiros da intelixencia artificial queren dar un salto cualitativo: deseñar un robot capaz de amar. Constrúen un neno-meca que profesa un amor infinito e eterno a súa “nai” humana. Pero, será correspondido? Este meca revolucionario terase que embarcar nunha épica busca da súa propia identidade. Steven Spielberg culmina nesta obra un proxecto persoal de Stanley Kubrick con que rinde homenaxe póstumo ó xenial director de “2001”. “Intelixencia Artificial” é unha reflexión sobre as implicacións éticas e sociais da existencia de máquinas intelixentes, xa anticipadas na segunda metade do século XX, con posicións antagónicas, polos matemáticos Alan Turing e Roger Penrose.
  6. 6. Muerte de un ciclista Juan Antonio Bardem Este drama fainos partícipes dos medos e remordementos aos que se enfrontan unha parella de amantes, María José e Juan, despois de atropelar a un ciclista e fuxir abandonando ao moribundo. Descubrir que ninguén sabe nada do fatídico acontecemento, libera a esta moza burguesa madrileña dos seus medos de perder a reputación social da que goza, pero non disminúe os remordementos de Juan. A renuncia de María José a sacrificar a súa posición social e económica e o crecente sentimento de culpa deste profesor adxunto, que o leva a cometer unha inxustiza cunha alumna universitaria de Matemáticas, provocan un inesperado desenlace.
  7. 7. Flatland: The film Ladd Ehlinger Jr. Filme de animación, en versión orixinal inglesa sen subtítulos. Baseado no libro de finais do século XIX, Flatand: A Romance of Many Dimensions, de Edwin A. Abbott, toca temas de actualidade: a situación da muller, as desigualdades sociais, a guerra ou a manipulación política. Nun mundo de dúas dimensións, Planilandia (Flatland), habitado por polígonos cuxa clase social vén determinada polo seu número de lados e onde a irregularidade é considerada como unha anormalidade perigosa, prepáranse para recibir o ano 3000. A través dun cadrado, descubrimos non só os costumes do país, senón tamén a situación convulsa que nese momento se vive en Planilandia. Viaxamos con el a un mundo dunha dimensión e acompañámolo na súa viaxe, guiada por unha esfera, a Espazolandia. Darémonos conta da dificultade de imaxinar mundos doutras dimensións (mundos “diferentes”) pero, aínda así, preguntarémonos, como o fai o noso cadrado, se existirán mundos de catro, cinco, ou máis dimensións.
  8. 8. La habitación de Fermat Luis Piedrahita y Rodrigo Sopeña Catro matemáticos, que non se coñecen entre si, reciben unha invitación para asistir a unha velada na que terá lugar un gran descubrimento. Só poderán asistir se son quen de resolver o problema que aparece na carta. A invitación está asinada por Fermat. Días despois de resolver a cuestión, reúnense todos nun lugar determinado polo propio Fermat quen, tras recibir unha chamada de teléfono, se ve na obriga de os abandonar. Os catro convidados, “rebautizados” polo anfitrión como Pascal, Olivia, Galois e Hilbert (nomes de matemáticos todos eles a non ser Olivia), apercíbense de que a habitación na que se atopan mingua cada vez que non son capaces de resolver unha cuestión que, mediante unha PDA,se lles formula. A conxectura de Golbach, o problema de Kepler sobre o empaquetamento de esferas e distintos problemas matemáticos de diferentes niveis son empregados tanto para presentar por primeira vez os protagonistas como para ir desenvolvendo a historia.
  9. 9. Enigma Michael Apted “Enigma” é o nome dunha complexa máquina empregada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial para cifrar e descifrar mensaxes militares. No centro secreto británico de Bletchey Park, un brillante matemático, que xa descifrara con anterioridade o código desta máquina, debe agora non só tentar de descifrar o novo código que os xermanos veñen de cambiar, senón tamén resolver outro enigma: un posible caso de espionaxe relacionado coa muller da que está namorado e por culpa da que vén de pasar por un período de inestabilidade nerviosa. No filme, realidade e ficción mestúranse tanto no personaxe do brillante matemático, adaptado da figura de Alan M. Turing, como en feitos históricos que na película desempeñan un papel clave no desenlace da mesma.
  10. 10. Cortina rasgada Alfred Hitchcock Na época da guerra fría, un famoso científico estadounidense deserta á Alemaña Oriental, o outro lado do Telón de Aceiro. A súa incrédula e decepcionada prometida decide acompañalo só para descubrir que, en realidade, pretende entrevistarse cun eminente físico ruso, a única persoa capaz de proporcionarlle a clave (o asunto MacGuffin deste Hitchcock) para desatascar a súa propia investigación. Para conseguilo conta coa axuda dunha organización da resistencia denominada π (Pi). O mestre Hitchcock introduce a cuestión do papel dos científicos, e a Ciencia, en tempos de guerra e regálanos unha escena única: a reunión na que os dous físicos intercambian os seus segredos diante dunha pizarra.
  11. 11. Una mente maravillosa Ron Howard Película baseada no libro A beautiful mind, da xornalista Sylvia Nasar, relata parte da vida do gran matemático John Forbes Nash, gañador do premio Nobel de Economía en 1994 polo seu traballo en Teoría de Xogos. Ademais da súa chegada a Princeton, de momentos claves da carreira matemática ou da cerimonia de entrega do Nobel, o filme amosa, sobre todo, a evolución da esquizofrenia que Nash sofre e que o leva a crerse implicado nunha trama de espionaxe. Logo de permanecer algún tempo nun hospital psiquiátrico, pouco a pouco, e grazas ó apoio da súa muller e dunha gran forza de vontade, é quen de facer fronte á enfermidade e de volver facer investigación.
  12. 12. Croupier Mike Hodges Jack Manfred, aspirante a escritor, acepta volver traballar como “croupier” nun casino. Jack cre que as súas vivencias lle poden servir de material para unha novela, de xeito que comeza e escrutar meticulosamente os xogadores, os compañeiros e as situacións. Pronto recibirá unha proposición dunha cliente para enganar ó casino. Jack é un home frío e calculador, que trata de medir o risco implícito nas apostas e no xogo. Naturalmente, a película, só dispoñible na súa versión orixinal en inglés, evoca directamente moitos conceptos e ideas da teoría de probabilidades.
  13. 13. Ciudad mágica William A. Wellman Comedia estadounidense dos anos 40 que parte dunha curiosa formulación estatística: Rip Smith é un experto en enquisas que apenas pode sobrevivir no negocio. Desesperado, busca algo máxico: unha cidade na que os resultados das sondaxes de opinión reflictan exactamente as opinións do conxunto do país: unha mostra perfecta da sociedade norteamericana. Atopa esa cidade máxica e desprázase alí. Cando, a pesar do seus esforzos, se descubre o milagre de Grandview, a cidade muda debido ás presións dos políticos e empresarios.
  14. 14. Los crímenes de Oxford Álex de la Iglesia Martin chega a Oxford coa intención de que un coñecido profesor de lóxica, Arthur Seldom, lle dirixa a tese. Por casualidade, estudante e profesor atopan xuntos o cadáver dunha anciá que ven de ser asasinada. O crime resulta ser o primeiro dunha serie cuxa continuación Martin e Seldom tratan de averiguar. Nesta adaptación da novela do mesmo nome, do escritor arxentino Guillermo Martínez, atopamos numerosos aspectos relacionados coas Matemáticas: series lóxicas, o Teorema de Godel, o Último Teorma de Fermat (aínda que no filme aparece baixo o nome de Teorema de Bormat), os Pitagóricos, o efecto bolboreta. Tamén estamos convidados a reflexionar sobre cuestións como: Podemos coñecer a verdade? Se conseguimos descubrir o sentido secreto dos números, coñeceremos o sentido secreto da realidade? Existe o crime perfecto? En palabras do propio Seldom, quot;O único crime perfecto non é aquel que queda sen resolver senón o que se resolve cun falso culpablequot;.
  15. 15. Clandestino y caballero Fritz Lang Alvah Jesper, un físico estadounidense, viaxa pola Europa da II Guerra Mundial para tratar de impedir que os alemáns constrúan unha bomba atómica. A súa misión é chegar ata o profesor Polda, colaborador dos nazis, para convencelo de que retorne ó bando aliado. Nunha escena que amosa a minuciosidade do mestre Fritz Lang, o profesor Alvah, mentres está escondido agardando polo seu contacto no interior dun carrusel de cabaliños de feira, escribe nas paredes, con total exactitude, o cálculo, mediante unha integral de liña, da distancia percorrida por cada cabaliño no seu dobre movemento: dando voltas e subindo e baixando.
  16. 16. El efecto mariposa Fernando Colomo A máis mínima variación das condicións iniciais dun determinado sistema natural, pode provocar que o sistema evolucione de maneiras totalmente diferentes. A sensibilidade ás condicións iniciais é o que se denomina, dentro do marco da teoría do caos, o quot;efecto bolboretaquot;. Isto é o que acontece, nesta comedia española, cando Luis viaxa a Londres para realizar un máster e entra en contacto coa súa tía Olivia, a quen nunca antes vira. As circunstancias fan que Olivia e Luis se namoren; Que Luis Luis se convirta nun “atractor” para luisa; Que a relación entre eles estea a piques de rematar pola inesperada chegada de Noelia, a nai de Luis, que foxe do escándalo que deu co seu home no cárcere; Que Noelia comparta apartamento cun “caótico” veciño de Olivia e… e que “o aleteo das ás dunha bolboreta se sinta ó outro lado do mundo”.
  17. 17. Perros de paja Sam Peckinpah Dura e polémica reflexión sobre a violencia do controvertido director Sam Peckinpah. Nesta obra utiliza o estereotipo do matemático como persoa despistada, pacífica e axena ós asuntos mundanos para crear o personaxe de David, un tímido matemático americano, que muda coa súa atractiva esposa a unha pequena localidade inglesa. Unha enorme tensión entre os habitantes do pobo vai acumulándose sen que David se entere, totalmente absorto no seu traballo. Cando a situación estoupa de xeito brutal, David resposta con inesperada frialdade e violencia.
  18. 18. El amor tiene dos caras Barbra Streisand Comedia romántica centrada na relación persoal que xurde entre dous profesores universitarios en busca do amor que lles é esquivo. Ela é profesora de literatura, romántica, apaixonada e pouco atractiva físicamente. El é profesor de matemáticas e considera que a relación física, o sexo, é a culpable dos fracasos amorosos. Casan e deciden manter unha relación puramente intelectual. Película repleta de referencias matemáticas, xeralmente superficiais, sobre teoría de números (primos xemelgos), cálculo diferencial (derivación implícita) ou teoría de conxuntos (conxuntos infinitos). Pero tamén, película que alimenta a imaxe do matemático como persoa illada, aburrida, incomprensible e como docente insufrible.
  19. 19. Contact Robert Zemeckis Película baseada na novela homónima do malogrado astrónomo e divulgador científico Carl Sagan. Relata os acontecementos desatados cando a astrónoma Ellie Arroway detecta un estraño sinal procedente da estrela Vega: unha secuencia de números primos. O sinal resulta ser unha mensaxe codificada de orixe extraterrestre con instrucións detalladas para construír unha máquina coa que emprender unha viaxe de “contacto” entre as dúas civilizacións. As referencias matemáticas abundan: Os números primos, a criptografía, a xeometría tridimensional, os cálculos probabilísticos da existencia de vida no Cosmos, a relatividade, os buracos de verme,…
  20. 20. Cube Vicenzo Natali Un grupo de seis persoas (un policía, unha médico, un rapaz autista, un arquitecto, un fuxitivo e unha estudante de matemáticas), que non se coñecen de nada, aparecen de súpeto atrapadas nunha estraña e claustrofóbica estrutura formada por habitacións cúbicas. Ó tratar de avanzar dun habitáculo a outro descubren que algúns agachan trampas mortais. “Cube” convírtese nun microcosmos da nosa sociedade e das relacións humanas: ciumes, amizade, poder, solidariedade, morte, esperanza,… As matemáticas (a través dun complexo sistema de numeración das habitacións) tal vez sexan o camiño que leve ó entendemento do sistema que rexe ese mundo-cárcere e, polo tanto, á liberdade.
  21. 21. Pi : fe en el caos Darren Aronofsky Esta película é unha xenuína representante do denominado cinema independente estadounidense. Rodada en branco e negro, con mareantes movementos de cámara e música estridente, fainos sentir de xeito subxectivo as sensacións de Maximillian Cohen, un matemático xudeo que sofre terribles migrañas. Max cre firmemente que todo pode ser representado e entendido mediante as Matemáticas, e péchase co seu ordenador, Euclides, rexeitando calquera contacto humano, buscando o patrón numérico que subxace no aparentemente caótico mundo dos mercados bursátiles. Acosado e perseguido por uns inversores de bolsa e unha secta relixiosa, a súa vida torna cada vez máis caótica e paranoica e só atopa acougo nas conversas que mantén con Sol, o seu vello profesor de matemáticas.
  22. 22. Jurassic Park Steven Spielberg Un visionario empresario quere poñer en marcha un parque único, xa que as atraccións serán auténticos dinosaurios. Para convencer ós inversores precisa o aval dun grupo de científicos, entre os que se atopa un peculiar matemático experto na teoría do caos. Dende o principio, o matemático rexeita a idea empregando argumentos da teoría dos sistemas dinámicos: atractores estranos, sensibilidade ás condicións iniciais (o chamado “efecto bolboreta”)… A propia estrutura da película, como a da novela do mesmo título de Michael Crichton, semella un exemplo desta teoría: algúns feitos inesperados (unha tormenta, a ambición dun empregado, a reprodución de seres unisexuais) transforman o parque, aparentemente ben deseñado e indestrutible, nun auténtico “caos”.
  23. 23. El Indomable Will Hunting Gus van Sant Autodidacta, posuidor dunha memoria fotográfica fantástica e capaz de resolver sen esforzo difíciles problemas matemáticos, Will Hunting é un mozo marcado por unha infancia difícil e inmerso nun ambiente nada alentador, que agocha os seus medos detrás dunha conduta desordenada. O seu extraordinario talento para as Matemáticas é descuberto, por casualidade, por Lambeau, profesor do MIT e gañador dunha Medalla Fields, quen ve en Will o Ramanujan de finais do século XX. Empeñado en lle facer valorar as facultades das que goza e en devolvelo á “normalidade”, Lambeau tenta que o rapaz acepte algún dos postos de traballo que el lle atopa. Pero será Sean, un psicólogo e antigo compañeiro de Lambeau, quen consiga que Will deixe de “ler” o mundo desde fóra, como se fose un libro máis, e comece a tomar decisións sobre a súa vida.
  24. 24. Mesh : a journey through discrete geometry Beau Janzen and Konrad Polthier Documental de, aproximadamente, corenta minutos de duración, en versión orixinal inglesa sen subtítulos. Completamente creado por ordenador, Mesh explora os avances da xeometría discreta, desde os gregos ata os nosos días. Ademais de introducir, de forma sinxela e facilmente entendible, distintos conceptos de xeometría diferencial, neste vídeo matemático amósasenos, por exemplo, o xeito de crear figuras curvadas incriblemente complexas a partir dunha malla discreta ou a razón pola que as pompas de xabón non poden adoptar forma cúbica.
  25. 25. Julia Robinson and Hilbert’s tenth problem George Csicsery Documental en inglés (sen subtítulos) dunha hora de duración centrado na vida e obra da brillante matemática americana julia Robinson e a súa apaixonada procura do 10º problema de Hilbert. Amigos e colegas como Martin Davis, Hilary Putnam ou Yuri Matiyasevich poñen en perspectiva as achegas matemáticas de julia Robinson mentres a súa irmá, Constance Reed, debuxa o seu perfil familiar. O documental complétase cunha serie de 6 curtos que nos presentan a figura de David Hilbert e nos introducen nos segredos do número áureo e nas máquinas de Turing.
  26. 26. 2001 : Una odisea del espacio Stanley Kubrick
  27. 27. Filme dirixido por Stanley Kubrick en 1968, en cuxo guión colaboraron Arthur C. Clarke e o propio Kubrick. Está considerado como un dos filmes de ciencia ficción máis respetuosos coas leis da Física xamais rodados (a maioría dos pequenos erros que presenta son debidos a limitacións técnicas da época). Pioneira no que a efectos especiais se refire e cun uso moi reducido de diálogos, a película aborda diferentes temas de interese, tanto para a época na que se realizou a rodaxe como para a actual: evolución humana, intelixencia artificial, vida extraterrestre,… Hai catro millóns de anos, un grupo de primates atopa un monolito negro, un bloque perfecto de varios metros de altura. Pouco despois, percíbese neles certo grao de conciencia. En 1999, soterrado no Cráter Tycho, aparece outro monolito negro que, no momento en que recibe o primeiro raio do Sol, emite un potente sinal acústico, que deixa totalmente atordados os presentes. En 2001, a nave espacial Discovery emprende viaxe cara a Xúpiter con cinco tripulantes e HAL 9000, un superordenador de última xeración. Misión: investigar o destino do sinal emitido polo monolito en 1999. Durante a viaxe, detéctanse problemas de fiabilidade de HAL, que chega a acabar coa vida de catro dos tripulantes, polo que o único que permanece vivo vese na obriga de desconectalo.
  28. 28. The end

×