Un dia de Xaneiro. De Carlos Penela
Upcoming SlideShare
Loading in...5
×
 

Un dia de Xaneiro. De Carlos Penela

on

  • 811 views

Un día de Xaneiro. Un texto do escritor galego Carlos Penela

Un día de Xaneiro. Un texto do escritor galego Carlos Penela

Statistics

Views

Total Views
811
Views on SlideShare
809
Embed Views
2

Actions

Likes
0
Downloads
1
Comments
0

1 Embed 2

http://www.blogoteca.com 2

Accessibility

Categories

Upload Details

Uploaded via as Adobe PDF

Usage Rights

© All Rights Reserved

Report content

Flagged as inappropriate Flag as inappropriate
Flag as inappropriate

Select your reason for flagging this presentation as inappropriate.

Cancel
  • Full Name Full Name Comment goes here.
    Are you sure you want to
    Your message goes here
    Processing…
Post Comment
Edit your comment

    Un dia de Xaneiro. De Carlos Penela Un dia de Xaneiro. De Carlos Penela Document Transcript

    • Un día de Xaneiro: contra as retóricas da barbarie. Por Carlos Penela En novembro do ano que acabamos de despedir, cumpríronse setenta anos dos limiares da grande infamia europea do século XX. Da noite do 9 ao 10 dese mes do ano 1938 desenvolvéronse en diferentes cidades de Austria e Alemaña, e de maneira simultánea, os acontecementos de razzia, persecución e deportación contra cidadáns xudeus destes dous países, actos vandálicos artellados directamente pola dirección do NSDAP e coñecidos baixo o nome de “Kristallnacht” ou “Noite dos cristais rotos”. A excusa para o linchamento: o atentado que o 7 de Novembro o mozo xudeu de orixe polaca, Herschel Grynszpan -cuxa familia fora deportada polo rexime nazi- cometeu, disparando contra Ernst Eduard vom Rath, representante do NSDAP na embaixada alemana en París. Entre o 7 e o 13 de novembro foron asasinadas directamente ou inducidas ao suicidio perto de catrocentas persoas, queimáronse unhas 1.400 sinagogas, destruíronse cemiterios, atacáronse escolas, tendas, centros de axuda social, asociacións culturais. Foron conducidas á deportación dos campos de concentración por volta de 30.000 persoas, onde ce centos morrerían polas condicións extremas de traballo, pola falta de comida, polas doenzas. Contodo (ironías obscenas da barbarie), os cidadáns xudeus eran aínda culpables e foron obrigados a pagar ao Estado nazi preto dun billón de marcos en concepto polo destrozo das agresións que eles mesmos sofriran. Estes actos de violencia pública extrema contra cidadáns europeos que non cometeran crime algún eran, en realidade, para o fascismo alemán a continuación lóxica da súa política totalitaria. Unha política que, sen pudor algún xa, levaba á praxe os formalismos do antisemitismo teórico máis extremo e, como totalitaria que era, formalizaba un proxecto total de destrucción. Como o definiu Raul Hilberg, un dos máis rigorosos estudosos do Holocausto quot;a escala e a intensidade da operación, aplicada por unha burocracia alemana metódica e eficaz carecía de precedentes”. Tal proxecto ficara lexitimado, realmente, anos antes coas leis de Nuremberg de setembro de 1935, promulgadas polo III Reich. Para ter unha aproximación moi viva sobre a atmósfera real que lle seguiu á promulgación desas leis é
    • recomendábel a leitura de Historia dun alemán, de Sebastian Haffner, onde se relata de primera man esa escalación da demagoxia antisemita en Berlín, en todos os ámbitos da vida, en todos os actos. Sen posibilidade de absolución. Desde o ano 39 comezáronse a desprazar enormes masas de poboación desde o leste ocupado; esa estratexia, espallada polos frentes da guerra e acollida nos países que o nazismo invadía, abateríase de maneira xa total e sistemática, pois, contra toda as comunidades xudías de Europa até o final da II Guerra Mundial: desde Polonia, onde desde o comezo axiron os “Einsatzgruppen” ou forzas móbiles de exterminio, perseguindo e asasinando con total meticulosidade, até os Balcáns, onde vivían máis de 1.600.000 xudeus e onde se deportou masivamente (Serbia, Grecia... Lémbrese a devastación de Salónica). En moitos casos, os alemáns contaron coa colaboración desinteresada de amplos sectores da poboación civil dos países ocupados: Babi Iar, ás aforas de Kiev en Ucraína, onde se masacraron a 100.000 persoas -un terzo deles nenos-por exemplo; ou xa no fin do conflicto, na primavera do 1944, en Hungría, co exterminio de case a totalidade da poboación xudía, exterminio perpetrado coa axuda directa do “Nyilaskeresztes Párt“ ou „Partido das Cruces Frechadas, os fascistas húngaros. As palabras de Goebbels, ministro de propaganda nazi, son moi significativas a este respeito cando afirma sobre os austríacos: “a formación recibida do Imperio dos Habsburgo, dotáraos de habilidades especiais para tratar aos pobos sometidos”. Nesa vastísima e extraordinaria novela de Vassili Grossman que é Vida e destino, recréase cun pálpito denso e escuro o momento en que Eichmann vai larvando, sobre o terreno, a construcción das cámaras de gas como medio para acelerar a “solución final”. Así foi, logo da Conferencia de Wannsse en 1942, Hitler dera a súa aprobación para a “Endlösung der Judenfrage” ou “solución final á cuestión xudía” e encomendara esta tarefa a Adolf Eichmann, tenente coronel das SS. O que vén a continuación é o paso final nesa retórica da barbarie. O pobo xudeu sofreuno de maneira global e sistemática; xunto a el, e de maneira moi dramática igualmente, como é sabido, outros colectivos e etnias (refuxiados políticos, sintis e romas, homosexuais...) e todos aqueles que se opuxeron ao III Reich (desde socialistas a cristiáns, desde militantes pacifistas a estudantes...). É, en definitiva, unha liña de sombra espesísima trazada con labor criminal perante a condición humana. Son feitos documentados, constatados...Divulgados abondo...Ou non tanto? Convén describilo agora, sen equívocos e sen mascaradas, sen medias palabras; é deber asumilo coa responsabilidade que toca por todos os que estean desa beira da vida preservada da barbarie, pola significación abismal que tivo na conciencia do home do noso tempo. Está presente. Ou non tanto? Ou non tanto...a pregunta ecoáme de xeito raro nestas datas, nunhas datas en que, para vergonza de Europa, novamente se deron rédea solta as máis baixas paixóns racistas contra cidadáns europeos en forma de lemas antisemitas intolerables e agresións de maior ou menor intensidade. Nunhas datas onde nas rúas de cidades dunha Europa abalada non hai tanto pola guerra e os totalitarismos, como Copenague (capital dun país que pode afirmar con orgullo que salvou a totalidade dos seus cidadáns xudeus do exterminio con auténtica coraxe civil), se escoitaron berros ao son de “Heil Hitler!” e outras arengas de odio e racismo de maneira pública, que producen auténtico estupor; como París, onde se produciron ataques contra sinagogas e escolas xudías impunemente; como Londres ou Amsterdam, con actos vandálicos contra establecimentos e agresións físicas contra os cidadáns dunha comunidade que ningún delito cometeu; como Madrid, onde se fixo escarnio e banalización pública do Holocausto, sen que ninguén se parase nin sequera a pensar o que se estaba formulando no medio do tumulto fascinado polas arengas, a dimensión que tiña a afrenta e a difamación. Isto, hoxe e agora, entre nós. A menos de dúas xeracións transcorridas entre esa noite tráxica de Novembro en Centroeuropa e os nosos días.
    • Convén lembralo, mais unha vez, pois, non só polo peso desa traxedia que se agranda caendo no esquezo dos anos transcorridos, ultraxada por boca de tanto insensato, de tanto fanático. Algúns queren baleirar as sentinas da Historia, como se eses feitos fosen apenas un relato menor, despoxalo do seu valor, do seu significado, que fique relegado á arqueoloxía das conciencias. Por iso, convén, de maneira responsábel, colocarnos perante ese testemuño terríbel, para que desde aí se espelle o noso verdadeiro rosto. Nestas datas acirrouse con demagoxia extrema unha parte das consecuencias tráxicas dun conflicto bélico, de natureza xeopolítica, que acontece a miles de quilómetros de distancia de Europa, como non se fai con ningún outro conflicto no mundo, dictaminando e xulgando de maneira sumarísima como non se fai tampouco con ningún outro pobo do mundo, con ningunha outra nación do mundo. Eu pregúntome por que? Nun novo-vello escenario de ideoloxías de saldo, os millóns de víctimas de outrora, desde un exercicio de retórica sibilina e malintencionada, seica pasan a encarnar agora o papel dos mesmos verdugos que os executaron. E a ninguén parece sorprenderlle, ninguén parece estar disposto a exercitar a memoria, a dignidade, o decoro da verdade. Eu pregúntome por que? Nunha prolepse delirante dos feitos e dos argumentos, sobre esas víctimas parece recaer agora a responsabilidade plena dun enfrontamento complexo e concreto, enquistado desde hai demasiado tempo, con demasiada dor. Como estamos chegando, pois, a isto, a que intereses serve, a quen axuda, cal é o preludio que se está tentando escenificar desde fóra da razón, con tanto odio, outravolta renacendo? Que nome ten isto? Por iso, para que que este día de Xaneiro non nos comece a apodrecer de novo entre as mans e as conciencias como hai setenta anos, eu querería colocar esas preguntas e que foran contestadas desde as fronteiras da racionalidade e da verdade. Lonxe das retóricas da barbarie. E, entrementres, outra candea terá que ser prendida: pola condición humana, contra a infamia. Carlos Penela é escritor (Vigo 1975). Licenciado en Filoloxía galego-portuguesa pola Universidade de Santiago. Reside en Viena. Obtivo o Premio Espiral Maior de Poesía (1997), o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón (2000) o Premio Esquío de poesía (2004). En 2007 gaña o Premio de Poesía Caixanova-Pen Clube coa obra Sombras, rosas, sombras. Carlos Penela é socio de AGAI. www.amizadeconisrael.org – Tlf. 610424174 - Apartado de Correos 730 - 36200 Vigo–Galicia