O HOME E O SEU MUNDO
OS INUITS
Educación para a Cidadanía curso 2012 – 2013
Nadia Iglesias de Salvador 2º B
2
Dende que os primeiros seres humanos saíron das rexións cálidas da África
oriental foron adaptándose, ao longo de millei...
3
habitado polos inuits comparte unha característica común: a súa vinculación ao mar,
xa que os inuits viven, polo xeral, ...
4
Pero non só a súa morfoloxía corporal é unha adaptación ás condicións do
Ártico, outras partes do corpo están igualmente...
5
tradicións espirituais, como as relacionadas con aspectos sociais ou coa
supervivencia.
Tradicionalmente, o pobo inuit n...
6
bacallaus; pola contra, os inuits non practican nin a agricultura nin a gandería. Así, os
principais alimentos que se in...
7
O kaiak, que posiblemente ten uns 4.000 anos de existencia e é un invento
do pobo inuit, é un tipo de embarcación indivi...
8
home como dunha muller, está composto por un anorak, un abrigo de pel
impermeabilizada que no caso das mulleres é máis g...
9
animais que cazan e aos espíritos que lles protexen, que realizan en materiais tan
diversos como o óso, a madeira ou a p...
10
Fontes de información
Para realizar este traballo atopei varias páxinas sobre os inuits, algunhas
xenéricas e outras re...
Upcoming SlideShare
Loading in …5
×

Inuit. Nadia Iglesias

631
-1

Published on

0 Comments
0 Likes
Statistics
Notes
  • Be the first to comment

  • Be the first to like this

No Downloads
Views
Total Views
631
On Slideshare
0
From Embeds
0
Number of Embeds
7
Actions
Shares
0
Downloads
1
Comments
0
Likes
0
Embeds 0
No embeds

No notes for slide

Inuit. Nadia Iglesias

  1. 1. O HOME E O SEU MUNDO OS INUITS Educación para a Cidadanía curso 2012 – 2013 Nadia Iglesias de Salvador 2º B
  2. 2. 2 Dende que os primeiros seres humanos saíron das rexións cálidas da África oriental foron adaptándose, ao longo de milleiros de anos, a unha gran diversidade de climas e ecosistemas, segundo as rexións nas que se foron asentando. Uns dos climas máis extremos aos que se adaptou a humanidade ao longo dos tempos foi o ártico, que se caracteriza por unha temperaturas extremadamente baixas ao longo de todo o ano. Esas condicións extremas son as que determinaron, en boa medida, a adaptación física das xentes que habitan ese territorio dende hai centos de anos: os inuits, un pobo orixinario das rexións árticas de América do Norte, integrado por arredor de 125.000 persoas que adaptaron os seus modos de vida e costumes ás duras condicións da rexión na que viven, á que chegaron aproximadamente hai 4000 anos, polo que, aínda que forman unha mesma comunidade humana bastante cohesionada, entre eles poden atoparse pequenas diferenzas rexionais, segundo o lugar no que viven. Efectivamente, aínda que os inuit se consideran a si mesmos descendentes dun pobo ancestral ao que denominan tunuiit, aos que se refiren segundo as ocasións como xigantes e outras como ananos, o certo é que os inuit descenden dun pobo que atravesou o estreito de Bering aproximadamente hai 4.000 anos, momento dende o que comezou a espallarse polas rexións árticas de América do Norte desprazando aos dorset -un pobo que aínda non domesticara o can e posuía unha tecnoloxía pouco desenvolvida-, e chegando ás costas occidentais de Grenlandia cara ao ano 1300 d.C. e cen anos máis tarde ás costas orientais desa mesma illa e á península do Labrador no ano 1500 d.C. Despois da súa chegada a Grenlandia, os inuits recibiron diferentes influencias culturais: primeiro dos viquingos nórdicos medievais, logo, a partir do ano 1700 dos dinamarqueses e, finalmente, a partir do ano 1900 dos colonos norteamericanos que se instalaban nos seus territorios orixinarios. O nome que se dan a si mesmos as xentes dese pobo na súa propia lingua, o inuktitut, é inuit, que traducido ao galego significa pobo, aínda que nos dicionarios de galego e castelán non se recolle esa palabra, ofrecendo como termo válido para referirse a ese pobo e as xentes dese pobo os termos esquimó ou esquimal. Non obstante, debemos rexeitar eses termos debido a dúas razóns principais. En primeiro lugar, débese ter en conta que esquimó é un termo que se debe empregar para referirse a dous pobos indíxenas distintos: os inuit e os yupik, habitantes do sur de Alasca e parte de Siberia. Así mesmo, en segundo lugar, cómpre ter en conta que a palabra esquimó se considera despectiva, xa que parece ser que significa ‘devoradores de carne crúa’ na lingua dos algonquinos, un pobo amerindio que consideraba que os inuit tiñan costumes bárbaras e que foron quen lles puxo o nome de esquimós aos inuits. Xa dixemos que os territorios nos que habitan os inuits son as rexións árticas de América do Norte, concretamente no litoral norte de Alasca, en EEUU, onde habitan uns 24.000 inuits; os territorios canadenses do Noroeste, Nunavut, Iukon, Nunavik, situado no Quebec, e Nunatsiavut, na península do Labrador, onde habitan en total uns 50.000 inuits; e a illa de Grenlandia, que pertence a Dinamarca, onde viven entre 44.000 e 50.000 inuits. Aínda que dunha gran extensión, o territorio
  3. 3. 3 habitado polos inuits comparte unha característica común: a súa vinculación ao mar, xa que os inuits viven, polo xeral, nas amplas chairas costeiras do Ártico ou en illas pouco extensas e moi chas. Este territorio alberga un ecosistema integrado por numerosos organismos vexetais adaptados á vida no xeo, como os liques, musgos e outras plantas que forman a tundra, o nome que recibe este ecosistema. Tamén atopamos numerosos mamíferos adaptados ao frío extremo e as condicións da tundra, como a lebre ártica, o lemming, o boi almizclero e o caribú, entre os herbívoros, así como abundantes depredadores, entre os que se atopan o raposo, o lobo ártico e o oso polar, aínda que este é cazador da fauna mariña. Entre a fauna mariña, alén de numerosos peixes de augas frías, salienta unha importante representación de mamíferos: focas, morsas, baleas… Por último, son abundantes as aves, como os parrulos e os escriváns, que teñen un comportamento estacional e migran cara ao sur no inverno. O clima do Ártico, no que desenvolven as súas actividades cotiás os inuits, caracterízase por invernos fríos, nos que se poden alcanzar os 40°C baixo cero de media –aínda que se teñen chegado a rexistrar temperaturas de aproximadamente 60°C baixo cero-. Os veráns son frescos, cunha máxima de 10°C de media mensual. Así mesmo, as precipitacións son en forma de neve, aínda que son moi escasas debido á pouca humidade ambiental. Ademais, a rexión está azoutada permanentemente por fortes ventos fríos, que fan incrementar a sensación de frío. No relativo ao medio no que se integran os inuits, existe unha última particularidade en relación coa luz do día e o ciclo das estacións que debe destacarse. No verán, o Sol permanece continuamente por riba da liña de horizonte durante as 24 horas do día no solsticio de verán; pola contra, no solsticio de inverno, o sol permanece por debaixo da liña do horizonte durante as 24 horas do día, polo que ese día só hai noite. Tamén son abraiantes as auroras boreais, que se ven sobre todo nos meses máis fríos do ano, normalmente xaneiro e febreiro; as auroras teñen formas, estruturas e cores moi diversas, que ademais cambian moi axiña: rizos, ondas, espirais, raios… de todas as cores posibles: vermello, violeta, verde, amarelo, laranxa, azul e anil, que poden durar dende apenas uns minutos até varias horas. Para sobrevivir nesas condicións climáticas, o corpo dos inuits está adaptado a esas condicións extremas, razón pola que adoitan ser baixos e gordos, unha estratexia evolutiva semellante á doutros animais desas mesmas latitudes que lles permite conservar a calor interna do corpo debido ás grandes cantidades de graxa que acumulan homoxeneamente en todo o seu corpo.
  4. 4. 4 Pero non só a súa morfoloxía corporal é unha adaptación ás condicións do Ártico, outras partes do corpo están igualmente adaptadas. De feito, a súa pel, como consecuencia do sol que se reflicte no xeo, é morena, dunha cor a entremedias entre o ton café e o amarelo, e os seus ollos teñen forma de améndoa, polo que son moi semellantes aos dos chineses, e as súas pestanas son moi poboadas, para protexelos do resplandor do sol que se reflicte sobre o xeo. O pelo dos inuits, tanto o dos homes, que apenas teñen pelo na cara máis que un pequeno bigote e unha barba polo xeral moi pouco densa, como o das mulleres, é negro, groso e moi graxo. Con todo, malia a súa baixa estatura e esa aparencia regordeta, os inuits son uns cazadores extraordinariamente áxiles: os seus brazos curtos son musculosos e exercen a forza necesaria para manexar un kaiak nas xélidas augas do Ártico e para cazar focas, baleas e mais caribús, o que lles permite conseguir o alimento necesario para sobrevivir no Ártico, así como o combustible que van usar para quentar e iluminar os seus fogares. Os inuits falan varias linguas que teñen en común dezasete consoantes, catro vogais e tres modos de articulación; así mesmo, todas as linguas inuit sintetizan en palabras longas co significado de oracións unha única raíz con varios morfemas gramaticais, un feito habitual en numerosas linguas. Así, por esta razón, pódese afirmar que máis que un conxunto de linguas, realmente estamos ante un conxunto de aproximadamente dezaseis dialectos territoriais que se poden clasificar en catro grupos: o inupiat, falado no norte de Alasca; o inuinnaqtun, falado no Ártico occidental canadense; o inuktitut, falado no Ártico oriental canadense; e, o kalaallisut ou grenlandés, falado en Grenlandia. En canto ao léxico, existe unha crenza moi común na nosa sabedoría popular, que sostén que en inuit existen centos de palabras para referirse a neve; porén, os inuits só recoñecen dúas raíces léxicas para referirse á neve: 'qanik', que significa literalmente "folerpas no aire", e 'aput', que significa "a neve no chan", que combinan con numerosos morfemas para describir a forma en que cae, o seu estado ou outras características, do mesmo xeito que nós dicimos ‘branca neve’ ou ‘neve derreténdose’. Con todo, malia esas semellanzas, as linguas inuit escríbense en diferentes alfabetos. Así, os inuits de Alasca e Grenlandia empregan o alfabeto romano e os inuits de Canadá, pola contra, adaptaron a súa fonoloxía ao alfabeto cree, inventado por James Evans, un misioneiro que evanxelizou a ese pobo amerindio. A respecto do estatuto legal das linguas inuit, estas son linguas oficiais en Grenlandia, xunto co danés; nos territorios canadenses de Nunavut, onde son cooficiais co inglés e o francés, nos Territorios do Noroeste de Canadá, onde son cooficiais xunto con algunhas linguas amerindias e mais o inglés e o francés, e en Nunavik, os territorios inuits do norte de Quebec, onde só é lingua oficial nas escolas. Por último, malia a aparente distancia que nos separa co pobo inuit, na nosa lingua, o galego, usamos algunhas palabras de orixe inuit, como iglú, kaiak e parca. Na actualidade os inuits adaptáronse á forma de vida occidental, pero aínda conservan moitas das súas tradicións, tanto as relacionadas coas súas crenzas e
  5. 5. 5 tradicións espirituais, como as relacionadas con aspectos sociais ou coa supervivencia. Tradicionalmente, o pobo inuit non distingue xerarquías nin agrupacións sociais de carácter político, como as tribos ou os clans, tan só recoñecen a familia como unidade social básica; non obstante, aínda que na sociedade inuit cada familia era un ente autónomo, era común que entre as diferentes familias existisen intensos lazos de amizade e cooperación, polo que o sentimento comunal estaba moi arraigado. Fixémonos na familia. Aínda que a familia inuit xira arredor dun matrimonio composto por unha parella estable, os inuit consenten tanto a poligamia, que é o matrimonio dun home con varias mulleres, como a poliandria, que é o matrimonio dunha muller con varios homes, aceptando nalgúns casos compartir as súas parellas con amigos ou familiares. Con todo, para formar unha parella estable había que gardar dúas regras básicas: a primeira, establece que ningún dos membros da parella estivese emparentado por vínculos de sangue; a segunda, impide que dúas persoas co mesmo nome se casen, xa que os inuits consideran que os nomes encerran o espírito do ser de cada quen, polo que dúas persoas cun mesmo nome –en inuit non hai nomes de homes e nomes de mulleres-, se consideraban irmás. O matrimonio, por outra parte, podía disolverse dun xeito ben simple, mediante o abandono do fogar. Finalmente, o matrimonio inuit tradicional baseábase na división do traballo, de xeito que mentres os homes eran os encargados da caza e da pesca, as mulleres eran as responsables da comida e do mantemento do fogar, así como do coidado dos nenos. A respecto dos nenos, os inuits, entenden que, malia que son responsabilidade da súa nai, deben ser vixiados e coidados por calquera membro da comunidade. A saída da nenez, coa chegada á maioría de idade, celebrábase con festas de iniciación á vida adulta, que na era un momento distinto para os homes que para as mulleres. Efectivamente, na sociedade inuit considerábase adulto a un rapaz cando era quen de cobrar a súa primeira peza de caza, polo que se consideraba que a partir dese momento podía manter a unha familia; no entanto, ás mulleres recoñecíaselles a maioría de idade coa primeira menstruación. As tensións naturais que se orixinaban como consecuencia da convivencia en comunidade, resolvíanas os inuits de diferentes formas, segundo a gravidade da afronta. Así, no caso dun pequeno enfrontamento, o máis habitual era resolvelo mediante un concurso de cantos, no que os implicados expuñan as súas queixas ao resto da comunidade; só se as tensións fosen moi graves as dúas persoas enfrontadas combatían entre si desarmados, para non ferirse de xeito mortal. Ora ben, no caso de asasinato, que era considerado unha afronta moi grave para a familia da vítima, a persoa asasinada podía ser vingada por un familiar, que podía matar ao asasino ou a un membro da súa familia. Nun medio tan hostil e baixo unhas condicións de vida tan extremas, os inuits adaptaron os seus modos de vida ás oportunidades que lles ofrecía á natureza, polo que o inuit é un pobo tradicionalmente cazador, xa que fundamentalmente vivían da caza do caribú e das focas, e pescador, sobre todo de peixes de augas frías, como os
  6. 6. 6 bacallaus; pola contra, os inuits non practican nin a agricultura nin a gandería. Así, os principais alimentos que se inclúen na súa dieta son, principalmente, a foca –quizais o máis presente na dieta inuit-, a morsa, a balea –que pode alimentar a toda unha comunidade durante un ano-, o peixe, o caribú e algunhas aves, sobre todo os seus ovos, así como tubérculos, raíces e plantas dos vexetais dispoñibles na tundra e unha ampla variedade de algas. Para obter eses alimentos os inuits desenvolveron, ao longo da historia, diferentes técnicas de caza, diferentes segundo se tratase da caza dunha foca ou doutro animal mariño ou dun caribú. Así, os inuits cazaban focas, aproveitando os momentos en que saían á superficie a través de buracos que abrían no xeo para respirar, con arpóns, que era o mesmo instrumento que empregaban para cazar outros mamíferos mariños, como as morsas ou individuos xuvenís de baleas. Diferente estratexia empregaban para a caza do caribú, pois se trata dun animal terrestre que ten un gran olfacto e oído, polo que os inuits trataban de despistar ao animal antes de cazalo mediante o lanzamento de arpóns. Finalmente, para pescar peixes, a técnica consistía en abrir un orificio no xeo do lago polo que se introducía unha liña cun anzol que levaba cravado cebo polo xeral vivo, co que se conseguía atraer aos peixes. Despois da caza, era habitual que os inuits que participaron nela comesen algún anaco de carne cru e sangue fresco e quente, deixando abundantes porcións de comida para comer máis tarde no poboado xunto coa familia e mesmo co resto das xentes do lugar. Dese xeito, un inuit que manteña unha dieta tradicional inxire unha abundante cantidade de graxas, que lle proporciona unha enerxía valiosa para protexerse do frío imperante na tundra, mentres que as vitaminas e os minerais que inxiren proceden principalmente do consumo dos fígados dos animais que cazan, así como da súa pel e os seus cerebros. Por outra banda, no referido á distribución do alimento, o normal era que no momento en que o cazador chegaba á vivenda familiar repartise as racións primeiro entre os cazadores e logo entre as mulleres e fillos e fillas que non participaron na cacería. Só no caso de que sobre carne, distribúese entre o resto da xente do poboado, para o que se emprega a palabra ‘ujuk’, que significa ‘carne cocida’. Os inuits, por outra parte, non elaboran moito a súa comida e non é estraño que consuman carne crúa; ademais, son quizais o único pobo do mundo que non consome alcohol nin drogas de xeito tradicional, xa que historicamente non as elaboran. Considerando o medio no que os inuits desenvolven as súas actividades, tanto de caza ou pesca como cotiás, e os recursos de que dispoñen para realizar esas actividades, debe valorarse o seu progreso tecnolóxico. Os inuits desenvolveron unha importante tecnoloxía relacionada co transporte, tanto por mar, o kaiak e o umiaq, como por terra, o qamutiq ou zorras de cans.
  7. 7. 7 O kaiak, que posiblemente ten uns 4.000 anos de existencia e é un invento do pobo inuit, é un tipo de embarcación individual, empregada para a caza de mamíferos mariños, construída con pel de foca estirada e curtida e cosida sobre unha estrutura de ósos de balea ou, ocasionalmente, de madeira. Así mesmo, para o transporte de persoas, mercancías e cans, os inuits deseñaron unha embarcación de estrutura semellante pero máis ampla, xa que tiña un 6 ou 12 metros de longo, e cun fondo plano, que facilitaba a súa aproximación á beira. Estas embarcacións chámanse umiaq, que literalmente quere dicir ‘barco da muller’. Outro dos medios de transporte tradicionais dos inuit son as zorras de cans, que estaban construídas de madeira, ósos de animais ou barbas da boca dunha balea cubertos con pel de foca. Para orientarse durante a viaxe, tanto por terra como por mar, os inuits empregan diversos sistemas de referencia, como son as estrelas e os monumentos naturais, que reciben nomes específicos; así mesmo, para guiarse en terra, no caso de que non existan monumentos naturais constrúen monumentos de pedra que denominan inukshuk, que polo xeral teñen una forma humana, como se substituísen a un ser humano cos brazos estendidos en forma de cruz; de feito, o termo significa literalmente ‘en lugar do home’. Na actualidade os inuits habitan en casas modernas, que lles permiten soportar as duras condicións climatolóxicas do Ártico, pero tradicionalmente construían iglús, que na súa lingua significa ‘casa de neve’. Os iglús son un refuxio construído con bloques de neve que xeralmente teñen forma de cúpula que poden ser de tres tipos, segundo a súa funcionalidade: os máis elementais son os iglús de pequeno tamaño e de carácter temporal, que se usan como refuxio dos cazadores que se afastan da súa aldea, sobre todo para pasar a noite; un segundo tipo de iglús de medio tamaño, aínda que non teñen un carácter permanente a súa estrutura é máis estable e coidada, aínda que só teñen unha estancia familiar; e, os iglús de gran tamaño, empregados como vivenda familiar, son capaces de acoller a máis de 20 persoas. Este último tipo de iglú ten un carácter permanente, unha estrutura sólida e dividida en varias habitacións; en ocasións, estes iglús de tipo familiar e permanente, en vez de ser unha construción xigante, constrúense como un conxunto de iglús conectados entre si por túneles. Por outra parte, nos meses de verán, mentres as temperaturas se sitúan por riba de 0o C, os inuits vivían, tradicionalmente, en tendas de campaña, coñecidas como tupiq, feitas de peles de foca, morsa ou outros animais que cazaban os inuits, apoiadas sobre un armazón de ósos de grandes mamíferos, como as baleas; ademais, para cubrir as físgoas empregaban musgo. Polo que respecta á vestimenta tradicional dos inuit, tanto a roupa como o calzado, está realizada con peles cosidas con agullas feitas de ósos de animais e fíos elaborados a partir de tendóns. O conxunto habitual dun inuit, tanto se se trata dun
  8. 8. 8 home como dunha muller, está composto por un anorak, un abrigo de pel impermeabilizada que no caso das mulleres é máis grande para poder levar a un bebé nas costas protexido do frío e dos ventos; en todos os casos, o anorak ten unha capucha coa que cubrir a cabeza. Os pantalóns e os xerseis son gordos e de dobre capa axustada ao corpo, para conservar mellor a calor do propio corpo humano. As botas, pola súa parte, fabricábanse con pel de caribú ou foca e estaban deseñados para realizar longas camiñadas e evitar o protexer os pés do frío exterior. Os inuit son tradicionalmente animistas e consideran que o mundo está poboado de espíritos e que todo na terra ten alma: as aves, os lobos, o caribú, as focas…, por esa razón, a relixión tradicional inuit é de tipo espiritista ou animista e concede una grande importancia á figura do xamán, que nas linguas inuits recibe os nomes de angekok ou angakok, que é a persoa que pode falar cos espíritos. Ademais, aínda que moitas persoas están recentemente evanxelizadas, os inuits adoitan realizar rituais de orixe xamánica para atraer aos bos espíritos ou para agradar aos espíritos dos animais cazados ou dos seres queridos. Así mesmo, alén desa función, os xamáns ocupábanse da curación das persoas enfermas, tanto por causa de lesións musculares ou óseas, como por calquera outra causa. Do mesmo xeito, en relación con estas crenzas espirituais, os inuits desenvolveron unha mitoloxía para explicar a orixe do mundo e das cousas que lles rodean, nas que Kalia e Sedna xogan un papel moi importante. Así, segundo os inuits, na orixe do mundo só había auga, pero un día comezaron a caer rochas do ceo, que se foron acumulando até crear a terra. Unha vez que se creara a terra xurdiron os homes de entre as pedras, pero eran deformes e non eran quen de valerse por si mesmo, polo que Kaila, o deus do ceo, decidiu enviar a unha muller para que lles dera forma e os coidase, grazas a esa primeira muller xurdiu a humanidade. Un día, a muller pediulle a Kaila que poboase a terra de animais, para poder comer, polo que Kaila lle ordenou que fixese un buraco no xeo para pescar. A muller comezou a sacar do buraco todo tipo de animais e o último foi o caribú, que era o seu regalo máis prezado, porque del, díxolle Kaila, o seu pobo obtería alimento e peles para facer a súa roupa e as súas barcas. Os humanos, agradecidos, comezaron a cazar os caribús, pero como sempre cazaban os máis fermosos, un día quedaron só os máis débiles, polo que os homes deixaron de cazalos e volveron a pasar fame. A muller volveu a queixarse a Kaila, que lle dixo que volvese ao buraco no xeo a pescar un novo animal: o lobo, que comería aos animais débiles e enfermos co fin de manter aos caribús con boa saúde. Do mesmo xeito, os inuits teñen lendas mitolóxicas para explicar a orixe dos animais mariños e dos cambios no nivel do mar, que explican que son consecuencia da presenza de Sedna, unha rapaza raptada ao seu pai que finalmente foi sacrificada e que habita no mar, ou das montañas, que din que son o resultado dunha loita entre xigantes, tuniq na súa lingua, enganados por un cazador ao que querían devorar. Tamén relacionado con estas crenzas e tradicións mitolóxicas, os inuits desenvolveron unha arte fundamentalmente figurativa, coa que representan aos
  9. 9. 9 animais que cazan e aos espíritos que lles protexen, que realizan en materiais tan diversos como o óso, a madeira ou a pedra. Con todo, a partir dos anos corenta do século XX os artistas inuit introduciron importantes novidades na súa tradición artística e, aínda que a súa temática segue a ser tradicional e figurativa, xa que principalmente representan focas, caribús, lobos, aves ou xente, tanto illadamente como en escenas colectivas –caza, danzas…-, na actualidade as súas creacións artísticas maniféstanse non só na escultura, senón tamén no gravado e na pintura, e reflicten unha gran preocupación pola recuperación da súa identidade e polo coidado dunha estética propia, diferenciada do resto das tendencias artísticas, reflectindo ao mesmo tempo a súa propia cosmovisión, as súas crenzas e a súa espiritualidade. Por último, como todas as manifestacións artísticas do pobo inuit, a música, que se caracteriza por un canto recitativo e unha melodía complexa, e a danza, sempre acompañada con música de tambores, están relacionadas co xamanismo, por exemplo as danzas de caza ou as relacionadas con certos rituais de tránsito, como a madurez, pero tamén con cuestións práctica, como as cancións de berce.
  10. 10. 10 Fontes de información Para realizar este traballo atopei varias páxinas sobre os inuits, algunhas xenéricas e outras referidas a aspectos concretos, como a lingua ou cultura. As fontes máis fiables e que máis empreguei para realizar o traballo foron as seguintes: Da Wikipedia empreguei as seguintes entradas en castelán, que polo xeral contrastaba coas entradas en inglés, a que tiña unha información máis completa, e en francés. Art inuit, dispoñible en: http://fr.wikipedia.org/wiki/Art_inuit (ademais, contrastei a información desta páxina coa entrada en inglés da mesma enciclopedia: http://en.wikipedia.org/wiki/Inuit_art) Ártico, na Wikipedia; dispoñible en: http://es.wikipedia.org/wiki/%C3%81rtico Inuit, dispoñible en: http://es.wikipedia.org/wiki/Inuit (ademais, contrastei a información desta páxina coa entrada en lingua inglesa da mesma enciclopedia: http://en.wikipedia.org/wiki/Inuit) Inuit diet, dispoñible en : http://en.wikipedia.org/wiki/Inuit_diet Iglú, dispoñible en : http://es.wikipedia.org/wiki/Igl%C3%BA Lenguas inuit, dispoñible en: http://es.wikipedia.org/wiki/Lenguas_inuit (ademais contrastei a información desta páxina coa entrada en o lingua inglesa http://en.wikipedia.org/wiki/Inuit_language e o lingua francesa http://fr.wikipedia.org/wiki/Inuit_%28langue%29 da mesma enciclopedia) Mitología inuit, dispoñible en: http://es.wikipedia.org/wiki/Mitolog%C3%ADa_Inuit (ademais contrastei a información desta páxina coa entrada en o lingua inglesa http://en.wikipedia.org/wiki/Inuit_mythology e o lingua francesa http://fr.wikipedia.org/wiki/Mythologie_inuite da mesma enciclopedia) Musique inuit, dispoñible en: http://fr.wikipedia.org/wiki/Musique_inuite Tamén empreguei, dun xeito xenérico, a entrada inuit da Ecured, dispoñible en: Inuit, dispoñible en: www.ecured.cu/index.php/Inuit Outras fontes de información foron as seguintes: GEORGE, Jean C. (2003), Julie y los lobos. Alfaguara Juvenil (Madrid) Inuit, dispoñible en: http://pueblosoriginarios.com/norte/artico/inuit/inuit.html Languagegeek: Native Languages, dispoñible en: http://www.languagegeek.com/ L'art inuit : un mode d'expression à découvrir, dispoñible en: http://www.aadnc-aandc.gc.ca/fra/1303132857502/1303133022396 Los inuits, dispoñible en: http://www.slideshare.net/Athos/los-inuits-493741 MEISSNER, David (2006), Los inuit: la vida en el Norte.

×